Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

EX LIBRIS
Que é un ex libris? Lembremos que na escola poñiamos o noso nome en todos os libros de texto para evitar confusións ou que alguén se chamase á nosa prezada propiedade, dalgunha maneira, estabamos a empregar un rudimentario ex libris.
Hai persoas que posúen ricas bibliotecas, coleccións moi queridas ou sinxelamente desexan evitar o risco de que os seus libros acaben en mans alleas e desagradecidas. Para iso, naceron os ex libris; tales son cruños ou tarxetas coladas ao interior da capa do volume cun símbolo ou un lema, e máis o nome do propietario da biblioteca.
Un coñecido literato do Valadouro ten deseñado un ex libris de seu, mais asegura que aínda non deu cruñado a totalidade da súa nutrida biblioteca.
Coido que xa teño comentado nestas páxinas as razón polas cales na miña humilde biblioteca acabaron morando volumes chegados de ignotos lugares e anónimas mans. E… si, tamén teño un libro que noutrora pertenceu a unha biblioteca con ex libris de seu… Non é roubado nin distraído, é sinxelamente adquirido por espontaneidade.
Trátase da primeira edición (outubro de 1976) de El último camino, obra da autora barcelonesa Carmen Kurtz. O libro foi publicado pola histórica Editorial Bruguera e o prezo figura impreso na contracapa: 80 pesetas.
Mais voltemos ao ex libris. Ao abrir o libro, se un se fixa no interior da capa, observará unha tarxeta adherida na que figura o seguinte texto impreso en caracteres xermánicos:

Exlibris
“Wir wollen weiter marschieren”
E. Pinero

Se o señor ou señora Pinero, ou algún descendente –acreditado- senten o desexo de recuperar o libro, eu non serei palla travesa.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2015 11:10
# Ligazón permanente a este artigo
LITERATURA XUVENIL: É PRECISA?… SE NON CHA ADMINISTRAN MEDRAS ENCREQUENADO?
Nunca tiven moi clara a necesidade de existencia diso que se vén chamando literatura xuvenil (agora adoita empregarse o acrónimo LIX, facendo referencia global ás temáticas infantís e xuvenís), mais chegou un momento en que eu mesmo me decidín a escribir un texto pensado para a xente adolescente, ou que andase nos arredores. A miña incursión no devandito eido materializouse nun relato curto titulado Trangallada e publicado no número 32 (setembro 2010-agosto 2011) da revista alfocesa O Xornalouro.
Digo isto porque eu, na miña adolescencia non manexei moitos libros elaborados ex professo para púberes lectores, bardante os vinculados á banda deseñada.
Na miña memoria destacan dous títulos: Fugitivos en la selva e El castillo de Noé; se cadra foron os únicos libros LIX que lin na adolescencia, pois que prefería as lecturas adultas, e aínda hoxe continúo mantendo dúbidas acerca da conveniencia desta caste de literatura… Cando lin Anagnórise xa non era adolescente e gocei da lectura, se cadra máis que se fose un imberbe lector.
Fugitivos en la selva é un volume cun fermoso feitío, de vivo colorido nunhas capas de cartoné duro e con ilustracións interiores. Trátase dunha obra da misteriosa escritora Laura García Corella -alguén sabe algo dela?-, editada en 1980 polo selo bilbaíno Editorial Vasco Americana, o cal presumo desaparecido.
Grazas a Fugitivos en la selva vivín unhas trepidantes aventuras en África e máis descubrín os baobabs… Estas cousas son moi útiles para xogar ao Trivial e actividades desa caste. O título está integrado nunha serie denominada “Jovencita”, polo que o intúo destinado a un público feminino mais eu non notei ren nin experimentei efectos secundarios.
Lembro tamén ter feito un traballo sobre este libro para o profesor don Luis Cañizal de la Fuente, escritor que impartía Lingua e Literatura no Instituto San Isidro de Madrid mostrando unha extraordinaria erudición, e persoa que influíu nunha medida nada desdeñábel no meu gusto polas letras e nomeadamente na miña fixación coa ortodoxia ortográfica (escribir sen faltas vaia!) á hora de empuñar a pluma ou o teclado.
O outro título é El Castillo de Noé, unha obra de John R. Townsend, vertida ao castelán por Pedro B. Gómez e editada por Ediciones SM en 1980 na colección Gran Angular. Foi un agasallo polo meu décimoquinto aniversario e gardo o recordo difuso de que supuxo o primeiro “libro grande e sen debuxos” ao que me enfrontei (202 páxinas).
Daquela, non foron moitos títulos para rapaces os que eu consumín… E malia a todo, a miña relación coa literatura non é distante… Polo que inquiro: É precisa a literatura xuvenil ou podemos administarlles O porco de pé sen anestesia?
Comeza a súa quenda de opinión.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-01-2015 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
PRINCES ET RHINOCÈROS (VOYAGES DE MA JEUNESSE)
Supoño que todos os que temos estudado idiomas, nalgunha ocasión tivemos que pasar pola experiencia de ler algunha obra literaria na lingua obxecto de estudo. A miña experiencia pasou por ler en versión orixinal a Eugène Ionesco e máis a Antoine de Saint-Exupéry. A sensación final foi desigual.
Tanto Ionesco coma Saint-Exupéry escribiron orixinalmente en francés, e eles dous, foron os meus “mestres” de inmersión na devandita lingua. Observo agora, fornecido da experiencia, que os profesores de lingua francesa que tiven no Bacharelato ou non posuían unha idea clara da oferta literaria no devandito idioma, ou definitivamente, non gozaban dun criterio literario nidio, e moito menos un criterio de escolla acaído á idade do alumnado. Refírome nomeadamente a Rhinocèros, obra que de seguro me resultaría máis amena na idade adulta, mais que non cheguei a gozar na súa totalidade na adolescencia. O teatro do absurdo resultoume máis ca atractivo vangardista (realmente é o que era), diferente mais coido que nunca desconcertante, estou certo de que naquela altura non cheguei a aproveitar a mensaxe que o autor romanés inseriu nas súas obras, mais levei unha grata sorpresa que fixo que o recordo de Rhinocèros me resulte cando menos benigno (ao contrario do da obra de Saint-Exupéry): A lectura resultoume doada, pois non atopei grandes barreiras lingüísticas no francés de don Eugène.
A obra que lin do aviador desaparecido no Mediterráneo foi, como non, Le petit prince. Vou ser moi sincero. Sempre que falo desta obriña, os meus interlocutores adiántanse a afirmar que se trata dun texto fermoso, con moitas lecturas e mensaxes –algunha oculta-, exemplo de tenrura e delicadeza… Se cadra a miña crítica está influída polo dificultosa que me resultou a lectura de Le petit prince, ou non, mais ficou dende aquela na miña mente un recordo árido acerca dun texto ao que non logrei tirarlle deleite ningún. Voltei achegarme á devandita obra nalgunha lingua máis familiar, e o resultado foi semellante. Non dubido de que Le petit prince agarde por unha nova lectura deste lector defraudado, mais ten que haber vontade por ambas partes e confeso que deito pouco ánimo no intento, malia que o libro anda insinuándose pola miña biblioteca en linguas varias.
Con Ionesco voltei atoparme se non en lecturas si en conversas co meu grande amigo Manuel Lourenzo, dramaturgo que gosta do romanés, coñece Rhinocèros e decote emite boas opinións do teatro do absurdo que con tanta mestría cultivou don Eugène.
Do Antoine ninguén me voltou falar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-01-2015 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
NUNCA SOBRAN LIBROS, SEMPRE FALTAN LECTORES

No outono pasado, Isaac Ferreira, un coñecido home das letras do que temos falado nestas páxinas con anterioridade, viuse na obriga de se desfacer dunha nada pequena parte da súa biblioteca particular por cuestións de espazo nunha nova vivenda. Daquela puxo en marcha dúas estratexias, as cales, refiro aquí por se alguén, nunha situación semellante, precisa ideas para pór en marcha políticas de planificación bibliotecaria no fogar.
O primeiro que fixo o noso Isaac foi doar as enciclopedias e outras valiosas coleccións a un colectivo que vén amosando grande interese polo estudo, a divulgación e a pescuda en non poucos eidos culturais, tal é o Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA).
O segundo foi deixar “abandonados” varios libros cada mañá nun banco público da localidade onde mora… De tal xeito que cando ía buscar o xornal ou mercar o pan, levaba uns cantos volumes, esquecíaos intencionadamente, e cando voltaba… Xa non estaban!
Si, hai un xogo semellante chamado bookcrossing, mais aquí tratábase de doazóns espontáneas e anónimas nun banco concreto, para que os furtivos bibliófilos en cuestión soubesen onde adoitaba a se producir o máxico –e literario- acontecemento.
Describo isto con intención didáctica pois que nunha ocasión atopeime cun contedor do papel ateigado de libros… Acougade, foron rescatados. Teño a intuición de que procedían dun centro público, os porqués deixarémolos para outro momento.
Hai persoas –tanto letraferidos coma xente normal- que por diversas razóns teñen que prescindir daqueles volumes que foron atesourando ao longo da vida; neses momentos –de seguro dolorosos- cómpre lembrar que existen institucións que amábelmente se farán cargo desa mascota que xa non podemos coidar: Bibliotecas municipais ou de centros de ensino, asociacións con locais de seu, colectivos culturais ou mesmo estabelecementos de hostalaría con curruncho literario.
Deámoslles novas oportunidades a eses libros que xa non teñen cabida no noso fogar, agasallémolos, vendámolos, “esquezámolos” na paraxe do bus ou deixémolos na porta do supermercado mais nunca os botemos ao lixo. Isto debera estar tipificado como falcatrúa de lesa bibliofilia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2015 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
E SE ANTOÑITA LERA ISTO?
Na miña biblioteca particular hai un libro que non é meu, ou polo menos non era para min. É un volume cunha dedicatoria destinada a unha persoa que non coñezo, asinada polo propio autor.
O feito de que a miña familia rexentase durante moitos anos un hostal de viaxeiros en Madrid, propiciou que eu me fose facendo cunha boa morea de libros das máis diversas temáticas e orixes.
Para aquelas persoas, os libros eran obxectos esquecedizos, os cales, ficaban nos cuartos de alugueiro logo das estadías de hospedaxe.
O libro en cuestión titúlase Desde mi viento solano, o seu autor é o poeta castelán Ovidio Riesco Campo e segundo os datos achegados no depósito legal foi publicado en Madrid no ano 1985 pola Editorial Andrómeda. O prologuista é Leoncio García Jiménez, quen tamén dirixiu aquela colección de poesía denominada Acuario.
A dedicatoria manuscrita é a seguinte:
“Para Antoñita, con cariño, parte de mi vida hecha poesía.
Un abrazo.
Ovidio. (?)
8-1988”.
E resulta que o libro está na miña biblioteca e non en poder da titular da devandita inscrición.
Coido que nunca saberei nada máis sobre isto, pois que tampouco é doado achar información acerca do poeta, do que só coñezo uns poucos datos achegados na contracapa do poemario.
Ovidio Riesco conta na actualidade oitenta anos. Malia ter nado en Madrid pasou a súa infancia e mocidade entre Ávila e Salamanca, pertence á denominada xeración do silencio e no ano de edición de Desde mi viento solano xa contaba con tres poemarios publicados, un deles escrito en colaboración con outros poetas.
Hai case trinta anos que Ovidio Riesco adicou un exemplar de Desde mi viento solano á, para nós, misteriosa Antoñita, quen non sei se chegou a ler o poemario ou mesmo se posúe o libro, mais, eu gardo o que nominalmente lle fora asignado.
O poemario que nos ocupa mestura diversas materias: costumismo rural castelán, paisaxismo urbano matritense, algunhas faíscas de conflito social e tamén pinceladas metapoéticas. Non deixa pasar a ocasión o autor sen tributar parcas homenaxes a persoeiros das letras como Antonio Machado, Unamuno ou Lorca.
Ao césar o que é do césar e a Antoñita o que dela é. Se mo demanda, cedereillo amábelmente, pois que ela era o destino primixenio do libro; mentres, gárdollo, e gozo coa poesía de Riesco.

ILUSTRACIÓN
Título: Muller lendo
Pintora: Anne Balbusso
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2015 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
"LO QUE SÉ DE LOS VAMPIROS" FOI ESCRITA NA SEARA
Aconteceu que un bo día lin unha nova literaria nun xornal, nela falábase dun escritor falecido na mocidade ao que renderían homenaxe creando un certame de novela co seu nome. Mais engadía aquela columna que o malogrado Francisco Casavella –tal era o pseudónimo por el empregado- posuía vínculos nas terras do Valadouro e Mondoñedo, malia a ter sido barcelonés de nación e pasamento.
Tal noticia fíxome pescudar na vida, na morte e na obra de Francisco García Hortelano, como en lei dereita se chamaba o devandito escritor, quen tivo escollido como pseudónimo literario o alcume da familia paterna, nomeadamente para que a súa obra non fora confundida coa dun homónimo e homólogo seu, madrileño, tamén de nación e pasamento.
Interroguei xente das letras e escasas pistas achei, só o amigo Isaac Ferreira me puxo no vieiro atinado cara ao coñecemento desta nada cativa figura da literatura en lingua castelá.
Trasladei as miñas dúbidas acerca do novelista barcelonés a unha insigne poeta focega, e foi ela, Luisa Castro, quen achegou luz sobre a tebra, e quen me propiciou conversa de grande interese coa señora Aurora Hortelano, nai do falecido Casavella.
Abandonemos pois, neste instante, un ton requintadamente literario, para descender ao eido dos feitos recompilados.
Daquela, tiña eu unha sección no programa “Parolando” da Radio Valadouro, e cando dei xuntado un bo feixe de datos sobre Francisco Casavella, pensei que podería resultar ben ilustrativo entrevistar ao vivo a Luisa Castro. Mais a propia poeta, logo de aceptar, chamoume de novo para me dicir que tiña falado coa nai de Casavella, e que o máis acaído sería entrevistala a ela.
E así, o 8 de abril de 2010, Aurora Hortelano respostou ás miñas preguntas en antena, por vía telefónica dende Barcelona. Resultou unha entrevista moi emotiva -había menos de ano e medio que falecera o novelista-, na que Aurora falou da atracción que exercía no fillo a bisbarra valeca e a súa contorna, froito, ben seguro, dos veraneos familiares en Couboeira –parroquia natal do pai de Casavella- e Fazouro.
Na conversa, Aurora menciona con énfase o Penido dos Corvos -cumio que estabelece o límite entre os concellos de Alfoz e Mondoñedo- como icona simbólica para o fillo. Tíñame contado Luisa Castro ademais, que a histórica figura de Pardo de Cela posuía un grande magnetismo para este autor, co que a focega compartiu amizade.
Mais dona Aurora continúa a relatar detalles de grande importancia, e agora vén o bo. No verán de 2007, Francisco Casavella aluga unha vivenda na Seara (Mor) e bota tres meses escribindo nesta localidade alfocesa, o froito titularase Lo que sé de los vampiros, obra que recibirá o Premio Nadal en xaneiro de 2008. En decembro do mesmo ano, Casavella falecerá, contando tan só corenta e cinco anos.
Lo que sé de los vampiros transcorre nun lugar entre Alfoz e Foz –Casavella dixit-, o seu personaxe principal leva o nome de Viloalle e a pegada do mariscal da Frouseira non é allea á trama da novela. Cando encetei o labor pescudador, Isaac Ferreira compartiu comigo que Puri –a súa dona- foi sempre unha voraz lectora das obras de Casavella, e dunha volta, pareceulle velo nun restaurante da Seara… Foi aquel verán.
Descoñezo se nas bibliotecas municipais da bisbarra do Douro se pode atopar esta novela, mais se non está presente deberá ser corrixida tal eiva, pois que Lo que sé de los vampiros é nativa destas terras. Tampouco sería malbaratar fondos públicos que El secreto de las fiestas ou a triloxía El día del Watusi –por citar só algúns títulos- estivesen ao dispor dos lectores valecos. Teñamos presente que García Hortelano non era alleo a nós, e o seu sobrenome “Casavella” procede do lugar da Campá. E lembremos, asemade, que dende 2010 existe o Premio de Novela Francisco Casavella, auspiciado por Ediciones Destino, iso si é unha homenaxe en condicións. Eu aquí non demando tanto, só un merecido e útil recoñecemento local, aínda que a ninguén estrañaría que o novelista Casavella non tivese un oco na Biblioteca Municipal de Alfoz por exemplo, nin sequera a el mesmo, pois que definía os novelistas como cazadores de paradoxos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-01-2015 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
MAIS O TÍTULO NON APARECE NO TEXTO
Onte rematei a lectura de Arrancad las semillas, fusilad a los niños, unha novela do xaponés Kenzaburo Oé, traducida ao castelán por Miguel Wandenbergh.
Quen non desexe lecturas traumáticas, duras, inquietantes ou con risco de afectar á sensibilidade que todos levamos no noso ser (uns máis ca outros), non debe acceder ao exotismo que pode supór a novela dun autor tan afastados de nós; no xeográfico e no cultural.
Arrancad las semillas, fusilad a los niños é unha novela inzada de episodios violentos, sexo grotesco, e un nada esperanzador remate, cuxas pistas -coido- debemos atopar no título.
A tradución denota que o xeito de narrar dos autores xaponeses (ou polo menos o de Oé) é ben diferente do dos escritores en linguas latinas. Encontramos nesta novela unha caste de redacción que pode resultarnos pesada ou mesmo monótona, mais non quere dicir isto que estamos a falar dunha má novela, senón que estamos moi distantes de Oriente, se cadra tamén no literario. E cómpre sinalar que o señor Oé –a quen concederon o Nobel en 1994- contaba só vinte e tres anos cando escribiu o texto que nos ocupa.
Recomendábel con precaución.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2015 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
DOUS CREGOS, UNHA BAIUCA, CENTO NOVENTA E NOVE CÓXEGAS, A ZARRULADA TODA E REFRÁNS A EITO
Na historia bibliográfica do Valadouro existen dúas publicacións senlleiras: Cóxegas, un poemario satírico en galego impreso en Viveiro por Artes Gráficas A. Santiago no ano 1955 e El Valle de Oro Apuntes Históricos, obra en castelán que foi imprentada no tamén histórico prelo mindoniense de Mancebo, no ano 1912.
Ambos os dous autores foron cregos no Alfoz do Castrodouro, Celestino Cabarcos Suárez –o poeta- na parroquia de Lagoa e José Martínez Cobo –o historiador- na de Bacoi.
Ningunha das dúas obras se pode adquirir hoxe, polo menos á maneira común.
Escoitei falar de Cóxegas dende a infancia, resulta que meu pai mercara o libro daquela, no momento en que se estaba a converter nun best seller valeco, e fixo o que non debía facer, emprestalo. Sempre di que lembra estar traballando como canteiro na panadaría da rúa Currás, en Ferreira, alguén llo pediu e… Ficou sen o seu exemplar de Cóxegas.
Moitos anos despois, xa estabelecido eu na Galiza, un amigo emprestoume un nada ben tratado exemplar, debo dicir ben alto que o devolvín, como se debe facer. Non era doado manexalo debido á incipiente desencadernación que acusaba o volume, e coido que o entreguei sen rematalo. No verán de 2013 circulou pola parroquia de Mor unha edición facsímile froito do voluntarismo e o interese literario local. Un día cheguei ao Bar San Pedro e recibín unha grata sorpresa, Mari Carme, a taberneira, posuía unha copia encadernada en espiral -tirada doutra copia que lle deixaran-, a cal, ofrecía para que a veciñanza puidese facerse cos poemas d’O Bruxo dos Ermos, pseudónimo empregado por Cabarcos para asinar as súas composicións na prensa comarcal ou mesmo nas follas difundidas á saída da misa.
E así me fixen co meu exemplar de Cóxegas, unha presa de folios horizontais anelados cun plástico en espiral.
Este ano cúmprense sesenta anos da publicación deste libro que levou a literatura a unha altísima porcentaxe de fogares das terras do Douro, e que orixinou un novo significado para o termo cóxega, xa que dende aquela é sinónimo de poema ou copliña; de feito, no Valadouro aínda se escoita dicir de alguén que coñece ou recita composicións populares, que “sabe moitas cóxegas”.
Cóxegas reflicte lugares e persoas da bisbarra, inquedanzas da época e costumes locais , todo adobiado cunha ironía nada disimulada. Cómpre salientar que a obra foi prologada polo escritor José María Castroviejo.
Se cadra, sería o 2015 unha ocasión excepcional para que vise a luz unha auténtica edición facsímile, facilitando deste xeito que sesenta anos despois, a poesía volva entrar nos fogares do Valadouro.
Tardei un ano máis en me facer coa obra de Martínez Cobo, foi o verán pasado cando o amigo Isaac Ferreira me agasallou El Valle de Oro Apuntes Históricos en facsímile doméstico e recuperado ao xeito amanuense, unha xoíña que circula entre letraferidos do val.
O autor deste libriño de curiosidades históricas locais era amais de párroco de Bacoi, delegado no Valadouro da sociedade habaneira El Valle de Oro, de feito no enceto da obra aparece un chamado “A los Hijos del Valle de Oro residentes en la Argentina y en Madrid”, texto encomiástico das bondades do Valadouro asinado polos emigrantes Francisco Janeiro e Juan Álvarez, ambos os dous responsábeis do colectivo El Valle de Oro na Habana.
Mais voltemos ao Bar San Pedro, pois que son varios os trazos literarios que garda esta baiuca tradicional.
Cando os autores de Contos do Valadouro andaban a procurar fontes orais e narracións para engrosar a compilación que estaban a confeccionar, quen isto escribe, apercibiu a Xesús Pisón da frecuente presenza de Ramón Galdo –hoxe xa desaparecido- ás noites na devandita baiuca, quen coñecía un conto sobre a zarrulada… Esa misteriosa grea de cadeliños que sae ao paso dos camiñantes, avisando dunha morte inminente… Máis ca coñecelo experimentárao, pois a Ramón aparecéraselle a mesma zarrulada! Até alí e até el levei ao Xesús, e así Ramón, a súa bicicleta e máis a zarrulada ficaron inmortalizados no “libro dos contos”.
E máis recentemente, eu mesmo teño recollido nesta taberna varias sentenzas para o meu estudo paremiolóxico Ditos e refráns do Valadouro, publicado polo SEVA en 2013.Tamén atopei aquí a materia para algún relato, escoitando, disimuladamente.
Na actualidade é doado ouvirlle refráns e ditos populares neste local a quen foi dona de Ramón, o da zarrulada. Xosefa Moirón supón un verdadeiro tesouro ateigado de sentenzas e proverbios; sempre sentadiña a carón da ventá; esta muller conserva a sabedoría transmitida a través da paremioloxía, e máis dunha vez téñoa interpelado libreta en man para ir arquivando toda esa literatura oral que atesourou ao longo dos anos.
Aló, onde o mundo se chama Correlos, xorde o Bar San Pedro, non é un café literario, mais a literatura –nomeadamente a oral- para por alí ás veces, e bótalle un mencía.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-01-2015 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
UN LIBRO-REPORTAXE PARA O CANTOR D'O MEU PAÍS
Cúmprense hoxe seis meses da homenaxe ao máis senlleiro músico da Galiza actual, Miro Casabella.
Aquel 5 de xullo de 2014 xuntámonos baixo un potente sol no cantón da praza de Ferreira, en fronte da casa natal do homenaxeado, onde o cantor do Valadouro descubriu unha placa cun texto tan concreto coma explícito: “Miro Casabella. Por ceibar a voz. 2014”.
Xantamos –amigos, músicos, veciños…- e escoitamos disertacións de compañeiros de loita do noso cantor, mais ao remate da comida, a organización do evento agasallou a cada comensal cun libro, o cal, supón un verdadeiro testemuño da xeira desenvolvida polos músicos comprometidos cultural e politicamente na denominada Transición.
Miro Casabella e a Nova Canción Galega é un traballo de Xan Fraga (presente na homenaxe), publicado en 2008 por Galaxia, en cuxa capa xa se nos advirte do xénero da obra, reportaxe. E de certo éo, un auténtico documento formado por unha grande cantidade de fotografías, carteis, discografías, letras de cancións e mesmo un informe policial sobre o colectivo Voces Ceibes; tal como dixemos, o testemuño gráfico dun tempo e unha cultura, a nosa. Amais diso, o libro trae sorpresa, un CD coas composicións máis coñecidas de Miro Casabella.
Aquel 5 de xullo, na praza de Ferreira do Valadouro, a poucos metros do bar onde noutrora o noso cantor comezara ceibando notas de guitarra, a lúa sorprendeunos escoitando música do país, pois que a xuntanza non rematara no xantar senón que o faría a altas horas nun concerto; un encontro de bos e xenerosos no que actuarían, amais do propio Miro, Pilocha, A Quenlla, Tino Baz, Quintas Canella ou Bieito Romero, por nomear só uns poucos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-01-2015 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
TERRA DE SEU, UN TÍTULO CONTUNDENTE, EN TODOS OS SENSOS
Manuel Regal Ledo é desas persoas que zumegan amizade, desas que transmiten serenidade e gozan axudando. Mais Manolo non chegou a este artigo pola súa calidade persoal –ou non só por iso- senón por un libro da súa autoría que por riba de todos os cualificativos literarios teríamos que definir como obra patriótica.
O título podería dar nome a un movemento reivindicativo, a un grupo de rock bravú ou a un colectivo cultural dos que asinan os manifestos espallados nas mobilizacións a prol da lingua galega, mais non, é, nada máis e nada menos que unha breve historia do campesiñado galego, tal e como reza o subtítulo deste volume editado en 2009 polo Movemento Rural Cristián de Galicia… E aquí é onde regresan as reminiscencias revolucionarias que se nos manifestaron hai unhas liñas, porque o MRCG non é un grupo de cantores de salmos, senón un movemento que conta e berra as verdades deste pobo e deste momento, amosando o camiño máis da liberación ca da salvación.
Terra de seu é sobre todo un libro accesíbel, doado para calquera lector, xa sexa unha persoa que se achega esporadicamente á letra impresa ou alguén que devore volumes acotío, xa que malia tratárense dun texto elaborado á mantenta de xeito comprensíbel para todos os públicos e idades, a obra contén trazos de interese que por veces recorda á banda deseñada e noutras ocasións compite con calquera manual de historia. Moi recomendábel para que os nenos se acheguen aos libros e á historia de Galiza, unha historia contada a través de personaxes próximos e didácticos, con nome de seu e intrahistoria, esas vivencias menores que conforman o celeiro da Historia. Unha Historia que se aborda dende a época dos castros até a actualidade, unha Historia vista e vivida por labregos, aquela clase social que malia non ter sido nunca dominante, foi sempre predominante no noso país, até hai unhas poucas décadas.
Obra xa que logo, totalmente aconsellábel, coa que se nos demostra que sinxeleza e erudición poden levarse ben e producir bos froitos, da terra e para a Terra.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-01-2015 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal