Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A PRIMAVERA VALECA
Se a capital do Valadouro posúe un símbolo de seu, ese é o MERCADO.
Mercados temos semanais, de outono, do mel, ou de primavera, e houbo mercados que hoxe son unicamente, historia e memoria.
Non na noite dos tempos senón na historia dos sábados, xorde o vínculo entre o comercio e a vila de Ferreira.
Din as crónicas que o mercado puido nacer coma o resto dos mercados, para que os produtores da contorna puxesen á venda o froito das súas hortas e as carnes dos seus cortellos, mesmo se di que a afluencia de comerciantes chegados desde Castela, nas longuísimas rutas dos negociantes maragatos, axudou a que a capital do Valadouro consolidase unha cita para o encontro entre seareiros e comerciantes.
Mais eu, desde sempre, quixen asociar o nome de Ferreira ás augas ferruxinosas do río homónimo, emparentado coas explotacións metalúrxicas das terras do Valadouro, documentadas xa, no século XVI.
Supuxo, ben seguro, este metal, o máis primitivo comercio da nosa vila; así o testemuñan os numerosos topónimos locais vinculados ao ferro: desde Ferrocente no Cadramón até As Forxas en Frexulfe, sen esquecer as numerosas Escouras, Escouridos e Escouridais presentes en Budián, en Adelán, nas Oiras, en Recaré e no Pereiro; nin os Machucos, auténticos enxeños para estirar o ferro que dan nome a barrios de Lagoa, de Budián e de Santa Cruz.
Non en van, nas proximidades de Ferreira asentouse a ferraría máis próspera dos tempos en que o ferro supuña o auténtico ouro vermello do noso val. Era O Valadouro naquel tempo, un Valdeferro.
Así e todo, a tradición negociante do Valadouro non é exclusiva da capital nin adscrita a un tempo concreto. E digo máis, algunha peza artesanal, elaborada no noso val, chegou a formar parte das mostras etnográficas do gran museo dos galegos; recordemos se non, o que dicía o poeta Luís González Tosar hai uns anos, nun nostálxico artigo xornalístico. O sabio autor escribía:
“Pero sería (…) nos comezos do Museo do Pobo Galego, cando intimei con Salvador [García Bodaño], encargado entón da sección etnográfica de oficios e arte popular. Pasámolo bárbaro nunha xeira ao cume do Cadramón, no Valadouro, onde foramos na procura dun cesteiro. Imposible esquecer a impresión daquel home metido nunha chouza baixa e escura, labrando vergas de carballo cunha ferramenta primitiva de todo. Despois dun inquérito lingüístico e de mercarlle un par de cestos brutos, baixamos camiñando, un bo pouco envoltos nunha néboa tépeda, convencidos -como dixo Bodaño- de termos estado no século XII.”
Afortunadamente, se a visita dos dous poetas se producise hoxe en día, non afirmarían tal; pois O Valadouro pelexou por se incorporar ao seu tempo e non quedar atrás, mirando para o pasado co único ánimo da recreación, e por riba de todo, da aprendizaxe.
Sexa como for, hoxe celebramos un renacemento. O daqueles vintecincos de marzo en que as rúas de Ferreira se enfeitaban para recibir valecos e visitantes ávidos por gozar das tres novidades.
Unha tríade de elementos festivos distinguía o mercado do 25 de marzo dos mercados ordinarios: os produtos exóticos, o paseo e o cine.
Os produtos exóticos viñan da man de tendeiros que se achegaban a Ferreira unicamente tres veces no ano: o 2 de febreiro, Mercado da Candeloria; o 8 de setembro, día grande das festas patronais e mais no Mercado do 25 de marzo.
O paseo era unha actividade que hoxe, pouca xente recorda e entende. Tratábase dun exercicio de exhibicion das mellores galas, mediante un percorrido pausado desde Tanín á Feira Nova; velaí os confíns da nosa vila.
E o cine; porque o 25 de marzo había proxección no cine de Ferreira, e así os cinéfilos valecos podían gozar de Gilda, de Arroz amargo ou de Mogambo, títulos acosados pola censura dos tempos escuros, e no entanto, filmes que chegaron ao Valadouro para escándalo de mentes estreitas e depauperadas.
Hoxe, o Mercado do 25 de Marzo chámase Mercado Tradicional de Primavera. O costume foi recuperado e adaptado a uns tempos en que os Paseos de mocear son virtuais e teñen lugar nas redes sociais; o cine descárgase na Rede e moitos produtos exóticos deixaron de selo por cultivárense xa, no propio val.
Porén, hoxe coma onte, o mercado celebra o nacemento da luz, o renacer da natureza e o agromar dos froitos de tempada; festéxase en definitiva, a despedida do inverno.
É esta unha festividade na que os netos calzan as zocas dos avós, bambean os caxatos das avoas e locen esas boinas que andaban pola casa desde antes de eles naceren.
Xa que logo, o éxito do Mercado de Primavera está conquerido e garantido, pois vendo que as xeracións máis tenras tiveron que aprender a andar en zocas, a mover longas enaugas de liño e a enfundarse en refaixos de feltro, o futuro da primavera valeca retorna prometedor.
Resulta gratificante contemplar os actuais festexeiros, co smartphone agochado na faldriqueira, participando coa mesma devoción que o fixeron os seus devanceiros. E tal fusión de épocas, diversións e ímpetos xuvenís fainos chegar á conclusión, de que o renacer da primavera xamais se deixará de conmemorar no Valadouro; tal e como se fixo sempre, en comunal cerimonia, oficiada hoxe como hai décadas, en torno ao mercado máis agardado por valecos e valecas de todos os tempos.
Viva a primavera valeca!

LIONEL REXES

(Pregón pronunciado a noite do 23 de marzo de 2018 na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” da vila de Ferreira).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2018 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
O DESTERRO DE LIBROS DOMÉSTICOS

Estes días apareceu unha nova explicando que varias bibliotecas públicas da Mariña, víronse obrigadas a rexeitar doazóns e a estabelecer regras para as xestionar.
A cuestión é que o doador actual xa non é un filántropo desprendido que desexa ver medrar a biblioteca da súa localidade, senón alguén que desexa desfacerse de volumes aos que xa non encontra utilidade. Os denominados libros de consulta levan anos perdendo usuarios tras á xeneralización da Rede e a popularización das diferentes enciclopedias dixitais; xa que agora a procura dun concepto ou dunha acepción lévanos uns segundos e pode realizarse desde o teléfono móbil.
Si; parece ser que moitos cidadáns quixeron ver un enorme colector azul nas bibliotecas e daquela, os responsábeis destas infraestruturas tiveron que deter a “vaga de solidariedade”.
Do mesmo xeito que volven os discos de vinilo e outros obxectos que a nosa memoria non deu abolido, eses libros que hoxe sobran en andeis e faiados, serán botados de menos dentro dun tempo, cando o arrepentimento sinale ocos enchidos con calquera chilindrada insubstancial.
Ninguén cuestiona a utilidade das diversas “pedias” presentes na Rede, mais a información recollida naquelas fermosas coleccións encadernadas en coiro, non ten por que ser considerada obsoleta. É mais, considero que debemos aprender os nenos a empregar as enciclopedias que moran nas nosas casas; como recurso auxiliar ou como actividade romántica, mais os libros que nos axudaron a abrir mentes e a estudar carreiras, non pertencen á mesma categoría cá vella BH arrombada no garaxe.
Seremos quen de nos desprender dese libro que nos descubriu o pracer da lectura? Reflexionemos sobre esta e outras cuestións ao tempo que cavilamos nunha maneira de aloxar eses libros que veñen de ficar desafiuzados, nomeadamente agora que as bibliotecas decidiron non constituír o pano de bágoas de ninguén.
Cumpriría unha rede de adopción deses volumes que están a piques de perder o seu lugar habitual na vivenda que os viu marelecer, pois estou seguro de que existen moitas persoas que posúen espazo e vontade hospedadora, lectores que acollerían de boa gana algúns exemplares refugados. Cantos fogares carecen de biblioteca de seu? Temo que ben deles.
Á parte do dinámico comercio de libros usados que bole pola Rede, existen outro tipo de mercados, máis traidicionais; ámbitos urbanos onde desfacerse dos libros que non desexamos (mercados e feiras fixos, librarías de vello, rastros…).
Mais, non me vou centrar en quen desexa obter un beneficio a cambio da súa vella biblioteca, senón en persoas que arelan un espazo na casa e agardan por alguén que porfille os seus volumes. Aí, nesa situación, caben opcións imaxinativas, altruístas e edificantes.
Desde organizar sorteos para escolares (lembro un compañeiro da EXB que rifou os seus cómics de Don Miki entre os nenos da aula) até sorprender os veciños cun inesperado agasallo na caixa do correo… Botémoslle imaxinación e pensemos en cadeas de intercambio, redes de obsequios literarios, grupos de troco de obxectos de segunda man… Calquera cousa antes de que os volumes acaben reciclados como cartón para embalaxes, pois un libro non se recicla; un libro hérdase, légase, transmítese ou dóase, mais un libro é algo máis ca papel, pois tras el existen horas de traballo e maxíns estrullados.
Non temamos polo futuro da industria da celulosa, sobran eucaliptos nos nosos montes e faltan libros nos nosos fogares, quizais ese desequilibrio está máis ligado do que nos parece. Poñamos que (agora) falo da Galiza.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2018 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
OS CAIROS DE LORD BYRON
Cando se cumpriu o segundo centenario do encontro de Vila Diodati (aquela xuntanza literaria do verao de 1816 á beira do lago Leman), escribiuse profusamente sobre os textos nacidos das noites de tempestade. É sabido que Frankenstein ou o moderno Prometeo foi concibido na citada mansión durante o enclaustramento propiciado polo clima extremo do denominado “ano sen verao”, porén, existe outra obra que non gozou da mesma repercusión e transcendencia.
O relato atribuído a John William Polidori - médico persoal de lord Byron- naceu de maneira escura e aínda hoxe arrastra farrapos de misterio verbo de autorías e orixes.
O londiniense de ascendencia italiana artellou unha curtísima novela intitulada O vampiro, e díxose, que oitenta anos máis tarde, Bram Stoker non desaproveitou o argumento á hora de redactar o seu Drácula.
Mais o fuscallo que envolveu daquela a Vila Diodati chega até os nosos días, pois algunhas fontes manteñen que a obra ideada por Polidori non foi esta, e para rematar de enredar o fío, algúns estudosos afirman que O vampiro abrollou a partires de lendas coñecidas polo mesmo Byron nas súas viaxes por Europa do leste. Incluso, chegou a existir algunha edición asinada polo aristócrata, quen cobizaba ser considerado o autor do texto.
O caso é que estes días O vampiro chegou ás miñas mans. O discutido texto non é máis ca unha sinxela nouvelle de pouco máis de trinta páxinas, e na edición que manexo, publicouse abeirado doutros relatos de xénero fantástico polo histórico editor Luis de Caralt.
Coñecendo a tormentosa relación entre Polidori e Byron, o lector ha chegar á conclusión de que O vampiro é unha vinganza do empregado, farto seguramente, das célebres burlas e desprezos aos que era sometido.
N’O vampiro hai personaxes recoñecíbeis e situacións case premonitorias, no entanto, o maior misterio literario deste conto, para min, non radica nas leas amentadas, senón no grao de inspiración que lle puido proporcionar a Stoker.
Pouco se describe na obra de Polidori de poderes e vezos dos chuchadores de sangue, pois que o devandito texto non é outra cousa ca unha metáfora –maliciosa- sobre as actitudes vitais de Byron. Xa que logo, o autor de Drácula puido atopar vagas ideas, mais non sólidos alicerces para a construción da súa novela.
Unha linguaxe intricada até a extenuación e unha busca continua do preciosismo, orixinan unha lectura complexa que mesmo obrigan a reler frases e comprobar sensos gramaticais, feito este que pode chegar a exasperar o lector, independentemente da súa habitude e acuidade.
Do final só podemos dicir que é previsíbel e carente das arestas propias do bo oficio literario; quizais esta lasitude é o que máis a emparenta con Drácula.

Imaxe: Vila Diodati. Coligny (cantón de Genève)
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-03-2018 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
TOLSTÓI POR PRESCRICIÓN FACULTADA
Foi amentado na Ponte Literaria de 2016 e tamén na de 2017. Lev Tolstói manifestábase como unha sombra a enviar mensaxes, case sempre por boca de Isaac Ferreira.
E foi este sabio amigo quen me recomendou un título concreto, O prisioneiro do Cáucaso. Teño os autores rusos por creadores complexos, mais tal apreciación é tan xenérica como básica; ben o sei.
O volume que adquirín para degustar o recomendado texto foi Relatos de Yásnaia Poliana [Cuentos para niños y El prisionero del Cáucaso], unha tradución ao castelán de Sara Gutiérrez publicada por Rey Lear na súa colección de “Breviarios”.
Comecei o libro polo conto suxerido e aínda gostando del, debo dicir que non me entusiasmou como agardaba, nomeadamente despois do encomio do que fun testemuña nas amentadas mesas literarias.
En cambio, gocei moito dun relato que pola súa temática mantén certo parentesco co texto aconsellado, trátase de Dios ve la verdad, pero tarda en decirla.
Na actualidade, poucos dos contos asinados por Tolstói nesta obra chegarían a engrosar un volume destinado á infancia; pois violencia, crueza e crueldade poboan boa parte dos textos que don Lev redactou pensando no alumnado da escola de Yásnaia Poliana.
A caza como actividade cotiá e factor de aprendizaxe supón un elemento transversal na colectánea, e hoxe isto, quizais, non atravesase certos filtros.
Somos culturas urbanas ou desruralizadas á forza, mesmo ese exiguo segmento de poboación que continúa a habitar unha parroquia, e fariásenos peado explicar que as suculentas talladas da pota, antes foron tenros animaliños.
Xa que logo, actualmente a literatura de Tolstói sería vetada na educación primaria, por moito que o ruso teimou en educar os seus coetáneos cativos a través das letras. Falo en tempo condicional porque dubido que os plans de estudo do século XXI contemplen a Lev Tolstói.
Con todo, achei varios relatos que farían as delicias de calquera neno de hoxe, pois tamén deixou lugar o autor á dozura e a unha ansia de xustiza moi pedagóxica.
Despois de todo, algún dos títulos posúe un ar de fábula ou de apólogo que pode evocar, non só os fabulistas por antonomasia, senón a todos aqueles autores que legaron obras encadrábeis na literatura infantoxuvenil.
Tamén para os adultos pode supor unha boa maneira de se achegar a Tolstói este libriño, pois non todo lector –mesmo entre os letraferidos- está disposto a apeitar con A guerra e a Paz ou Anna Karenina; materias pendentes de moitos bibliómanos. Recoñézoo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-03-2018 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
A LONGA NOITE DOS DITADORES (SOBRE)VIVENTES
Non é o título dun filme de serie B nin foi tirado dunha capa de hard boiled norteamericano; é outramente, a ambientación do momento que estamos a vivir en latitudes ibéricas.
Un pregoeiro -falamos pois, de literatura oral e popular- do Antroido acosado por fundamentalistas relixiosos, un rapeiro -de novo a literatura oral- condenado por unha peza que describe o clima social do “Reino de España”, un libro –narrativa novelística neste caso- secuestrado por orde xudicial… e a conta da ignominia podería continuar. Vemos, xa que logo, como as letras son perseguidas na actual Hespaña de sempre.
Non nego que as cafurnas do Estado nos estean a prover de magníficos argumentos a quen cultivamos a ficción literaria, mais é inconcebíbel que un estado occidental,
membro da UE e co século XX por aprobar, caia en vezos tan típicos do folclore terceiromundista.
Practicar un apartheid ideolóxico é hoxe a tentación de toda administración en calquera parte do mundo, certo; mais no noso Estado, a aplicación desta estratexia execútase co alarde desa altiveza tan propia dos novos ricos e dos vellos corruptos.
Quen non escoitou nos últimos meses que certas actitudes non fan máis que “fabricar independentistas”? Cavilemos no xerme despótico e absolutista que encerra tal aseveración. Que dirían os medios sometidos se alguén afirmase que o pacifismo predicado polo soberanismo catalán é unha fábrica de policías buzacos, ou que non consegue máis que afoutar españolistas?
Así e todo, a cidadanía, ou polo menos a parte que permanece esperta, continúa a traballar na restitución das liberdades conculcadas.
En arquivo pdf e cun recendo a clandestinidade de décadas pretéritas, o texto de Fariña está a ser espallado por mensaxaría telefónica; talmente como nos contaron os irmáns maiores sobre accións desenvolvidas en plena ditadura franquista. Daquela non existía o gmail, o facebook, o whatsapp… e así e todo, os títulos prohibidos circulaban en liceos, cárceres, factorías, mercados e por suposto, en librarías.
Mágoa que todo isto non o esteamos a visionar nunha desas reportaxes que adoita emitir a televisión ao redor do 20 de novembro ou do 23 de febreiro, tratando de nos inculcar o afortunados que fomos ao sermos premiados cunha democracia do trinque; algo ensanguentada, si, mais vernizada de novo. Mágoa; porque isto é real e non un documental edulcorado, e ademais agora, as vítimas somos nós.
Algún día, recordaremos todo isto con noxo e un sorriso sardónico, moqueándonos da nosa pasividade e mais da burremia dun goberno que se considerou abeirado polos ultras que axitaban farrapos na rúa. No seu extraordinario ofuscamento, o Executivo ignora que a meirande parte deses homiños e mulleriñas non votan, pois chégalles con queimar carraxe e frustración nas mobilizacións de patriotas aburridos.
Habería que lles lembrar a quen ostentan presidencias e ministerios, que os seus devanceiros ideolóxicos, aqueles de ¡Ejército al poder! e ¡Tarancón al paredón!, tiveron que sufrir unha traumática metamorfose para se homologaren ás forzas democráticas, pois ninguén ansia fanáticos nas xestorías públicas, por moito que os alente desde as bancadas do estadio ou desde o mostrador da taberna.
Non somos inocentes, xaora que non. Ante a nosa pasividade, a esterqueira foi medrando; cheirando pouco ao primeiro, e tornándose perigosamente voluminosa cando o fedor comezaba a ser preocupante. Parecianos que unha “democracia consolidada” xamais cearía, e agora que a nube de metano é máis grande ca nós, botamos as mans á cabeza.
Diciamos, pasividade pola nosa banda, si; pois tristemente, é unha actitude que levamos ensaiando ben tempo. Hoxe, decatámonos de que non era un xogo. Escollemos fascistas e como tal responderon. Todos somos culpábeis, uns por os apuxar e outros por o permitir.
Chegou o momento de coller as ferramentas que máis nos acaian para deter esta vaga de nostalxia totalitaria, de barbarie, de represión e máis unha vez, de ignorancia.
Somos quen de os parar, xaora que somos. Rapeando, pregoando, escribindo, novelando e por suposto, premendo os percutores dos nosos teclados.
Invistamos en cartuchos e deixémonos seducir pola vibración das impresoras.
nunca a liberdade foi conquistada sen derramamento de tinta.
Quen non coñeza o manexo deste instrumental, non se desentenda da súa obriga, pois ha saber empregar outras ferramentas; quizais ben eficaces.

P.S.: Mentres este artigo se ultima para a súa publicación na Rede, está a nevar abondosamente e un tapiz branco cobre a paisaxe dos países ibéricos; hoxe os vellos volven recordarnos que as nevaradas eliminan canto bichoco de máis hai na terra… que poético resultaría.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2018 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
24 DE FEBREIRO: O NOSO DÍA DOS LIBROS E AS FLORES

Non é unha má iniciativa tomar exemplos concretos dos países civilizados e fixar unha data para que a cidadanía intercambie libros e flores. Isto supón unha magnífica proposta que non só é conveniente secundar, senón divulgar; para que algún día, a efeméride do nacemento de Rosalía signifique o día dos agasallos elegantes, requintados e cultos. E dese xeito, acabar consolidando a celebración e gañar un novo e necesario espazo para as letras galegas no berce de seu.
O 24 de febreiro non é Sant Jordi, mais para nós, para os galegos, este día máis ca festivo é conmemorativo. Non imos pornos estupendos e enumerar o que significa Rosalía de Castro para o pobo, para a cultura e para a imaxe do país no mundo; imos, soamente, recordar que nunca nos vimos no apuro de inventar símbolos e marcas de distinción ás présas, pois o propio devir nos foi fornecendo de fitos que nos identifiquen e distingan. Vantaxes de ser unha nación; tamén culturalmente falando.
Sufrimos un exceso de celebracións paifocas, importadas, alleas á nosa idiosincrasia, carentes de signficado ou de tradición algunha, porén, no medio da barafunda de ciscallo e vulgaridade, agromou o Día de Rosalía. Beizóns e parabéns para a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega!
Ben seguro que temos preto de nós unha persoa que nos merece un agasallo, fagámosllo nesta ocasión.
Probabelmente exista unha persoa que non espera un libro o día 24 de febreiro, moito menos en galego e de ningunha maneira entregado por nós, sorprendámola.
Intúo que hai alguén que de boa gana nos obsequiaría cunha flor capturada polo talo entre as páxinas dun libro, aceptémoslla. Só significará o que nós desexemos que signfique. Quen sabe?
Celebremos o 24 de febreiro cun libro en galego e mais cunha flor. Cultivemos delicadeza e beldade nos albores desta primavera, unha máis.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2018 15:30
# Ligazón permanente a este artigo
ANTROIDO E LIBERDADE DE EXPRESIÓN (Copla e sátira nun mundo neocon)
É coherente que unha relixión implantada a ferro e fouce se declare agredida por quen se ri das súas iconas? É moral ridiculizar as vítimas de conflitos armados? E as vítimas de corpos policiais?
Teño noticia dun fistor do Castrodouro (terras alfocesas do Douro cantábrico) que elaboraba follas voantes con copliñas mordaces (algunhas) no ámbito veciñal. Dunha volta, a Garda Civil apareceu para perpetrar a seitura de tan peculiar sementeira.
Falamos de tempos recuados, mais, desgrazadamente, actitudes e prácticas parecen estar a retornaren a un mundo que desaprende con cada xeración que é botada a deambular pola vida.
Vimos de rematar os días de exaltación da carnalidade e de novo, a literatura ocasional acabou proscrita e os autores inculpados.
Xaora, Antroido e irreverencia son vellos coñecidos, incluso algo parentes, porén, as persecucións doutrora non semellan ter sido esconxuradas na era da tecnoloxía.
Asistín estoutro día a unha lectura de coplas anónimas cuxos textos acabarán publicados nunha web municipal, mesmo as que caeron en falsidade ou feriron sensibilidades. Este é un bo exemplo de que a represión non é ningún recurso contra o mal gusto, senón un instrumento do poder contra cidadáns armados de lapis e teclados, no caso que nos ocupa.
Quen se ofende demostra, ademais de aborrecemento, falta de imaxinación; pois que unha resposta orixinal contra o hipotético ofensor, pode constituír unha “vinganza” elegante, xusticeira, e tamén –aproveitando o duplo senso- poética.
Por que non se fan unhas coplas criticando o ateísmo?
Quizais chegou o momento de pór a proba o sentido do humor de quen negan existencias que outros non cuestionan, e todos sairiamos gañando co duelo de rimas. Pode haber algo máis edificante ca unha guerra literaria?
A literatura, en calquera das suas variantes, constitúe un elemento de combate (tamén de propaganda), e non é de valentes molestar o xuíz se un verso nos fai cóxegas; pois a picada dun lapis debe ser respondida con outra picadela, xamais cun croio.
As cantigas de escárnio e maldizer constitúen un dos berces da literatura galaicoportuguesa; se chegamos á conclusión de que hoxe sería imposíbel asistir á sua creación e difusión, debemos chegar á conclusión de que temos perdido novecentos anos de evolución.
Agora que o pergameo Vindel anda pola terra que o viu nacer, sería conveniente censuralo por irreverente ou suprimir con rotulador permanente aqueles versos que nos resulten impúdicos?
A represión non deterá a procacidade nin amputará a imaxinación dos individuos creativos, sinxelamente alimentará a súa agudeza á hora de escribir, quizais con disfraces e carautas semánticas, mais os coplistas non temen os xuíces senón a falta de argumentos, e non hai temática máis frutífera cá represión.
É ilícito artellar unha acción contra unha alta personalidade? Se o convertes en novela, non.
Algo sei disto.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2018 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
LITERATURA LATENTE
Xa temos falado, en ocasións anteriores, desa literatura vestida de diario e camuflada en copliñas, contos, cancións ou simples ditos.
Ocorre que esta dimensión, modesta e frecuente no cotián, non é aínda coñecida e identificada en certos campos, mesmo no radiofónico.
Hai poucos días, unha emisora de ámbito estatal entrevistou a Arkano, un mozo rapeiro e improvisador de fulgurante carreira.
Resultaba rechamante a inxenuidade con que os mantedores do programa descubrían que tras aquelas letras elaboradas para seren rapeadas, agromaba a poesía, con idéntica calidade ca nos poemarios impresos e publicados por un selo editorial.
Tampouco ficaron indiferentes os locutores ante os exercicios de free style (improvisación) executados polo poeta, marabillándose de novo ante a exhalación do recendo literario nun “xogo” que moitas culturas practican desde hai séculos.
Non queremos repetirnos mais debemos lembrar que a oralidade cultivada polo hip-hop (en todas as súas expresións e ramificacións), mantén un vínculo parental, ben evidente e apreciábel, coa regueifa galega, a desgarrada portuguesa, o repente brasileiro ou a pajada arxentina; por citar algúns dos exemplos máis próximos á nosa cultura.
Arkano, cos seus vinte e poucos anos, é campión de “batallas de galos”, eses espectáculos multitudinarios convocados para calibrar a axilidade –mental e verbal- dos improvisadores; teñamos presente que esta arte, redescuberta por mozotes coa pucha para o lado, é tan antiga coma a propia expresión oral.
Lendo a Rómulo Gallegos ou a García Márquez, encontrarémonos con repentistas que gañaron combates dialécticos ao mesmo diaño.
Confesou nunha ocasión o xenio de Aracataca que el cedería con gusto unha das súas novelas a cambio de ter escrito a canción Pedro Navaja; velaí a maxia da literatura disfrazada de lecer lixeiro.
Sinto unha querenza polo rap desde antes de coñecer a súa ancestralidade enfeitada de moda neoiorquina, e non foi a única vez que a semente literaria se me manifesta tras un divertimento aparentemente alleo a tal materia.
Quen non se encontrou algunha vez cunha fermosa canción que se lle acaba revelando como milenaria cantiga popular, peza poética consagrada ou mesmo fragmento de obra teatral? Por aí andan, gañando adeptos para a causa das letras, Lela, Annabel Lee ou A flor da iauga.

Imaxe: deseño publicitario dunha batalla de galos para improvisadores en lingua hispana.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2018 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
LEONARDO, OS FONTANEIROS E AS CONFUSIÓNS FERMOSAS
Naceu 2018 e as letras do sistema literario de noso festexarán o legado de María Victoria Moreno, persoa chegada de fóra que acabou sendo máis de dentro que moitos galegos de nación, mais esa é outra cuestión que posibelmente xa teñamos tratado.
Aconteceu que dunha volta, cando o acceso á Rede supuña un soño case inalcanzábel, quen isto escribe soubo dun certame de microrrelato, porén, non resultaba doado facerse coas bases.
O interesado telefonou a un concello do sur; lembra que o pasaron cunha biblioteca e que falou cunha bibliotecaria –de proverbial afabilidade-; tal persoa resultou estar vinculada directamente á entidade convocante do certame.
Até o domicilio do ilusionado narrador chegou –e chega anualmente desde aquela- un cartel anunciador do evento.
Aquela bibliotecaria era a responsábel –e é- do colectivo literario auspiciador, e durante a amena conversa telefónica, amais de suliñar a distancia lingüística no eido toponímico entre a Galiza xistraleira e a Galiza morracense, citouse unha obra de María Victoria Moreno, concretamente a que fai referencia a un tal Leonardo e mais a uns fontaneiros.
Isto sucedeu no instante de tomar os datos do interesado e toparse cun nome propio pouco común; ipso facto, varios nomes derivados do león abrollaron na mente da activa bibliotecaria.
Cando recibín o envío coas bases do certame en cuestión, achei tamén unha aclaración: “O título correcto da obra amentada é Leonardo e os fontaneiros”.
Non foi naquela edición, senón mais adiante, cando o narrador foi premiado no veterano certame e puido coñecer aquela lectora de alto nivel.
E nunha edición non moi afastada no tempo, a voceira do colectivo convocante volveu chamarme para comunicar unha boa nova -daquela un accésit-, e outra volta, un fermoso motivo para visitar a terra das bateas e os canastros.
Souben non hai moito, que a miña amiga publicara un estudo sobre a toponimia da súa localidade; nada me estrañou.
Neste 2018 ando a evocar aquela conversa, aquela carta e o título dunha obra de María Victoria Moreno que aínda non lin. Chegou o momento.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2018 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
MONDOÑEDO E O CELULOIDE
Proclamaba Fran Bouso na mañá do sábado 30, que resulta notorio o seu chauvinismo mindoniense. Eu matizaría, sen ánimo de corrixir a confesión dun devoto, que a pulsión do autor do barrio dos Muíños ten moito máis de militancia que de obsesión patolóxica. Mais certo é, que para un bo número de mindonienses, a reivindicación da presenza local no ámbito universal convertiuse xa nunha actitude vital e cotiá. Nada ten de mao.
A presentación de Cine Mondoñedo contou coa participación de Antonio Reigosa, Xulio Xiz e Manuel Curiel, e por suposto, coa intervención do coautor local; mais non pronunciou Bouso un discurso protocolario, senón unha conferencia en toda regra, auxiliada por un interesantísimo material audiovisual que ilustrou a disertación.
A obra é froito dunha coautoría a distancia, pois completa o tándem do estudo Emilio Carlos García Fernández, profesor da Universidad Complutense de Madrid e galego de Ribadavia.
O texto vén sendo unha crónica con boas doses de nostalxia e evidente intención, a de que un fértil pasado cinéfilo e cinematográfico teña continuidade e gañe adeptos en Mondoñedo, alicerzando a esperanza en mindonienses que hoxe traballan no eido do celuloide.
A publicación foi auspiciada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, de Lugo, e a presentación en Mondoñedo (na capital luguesa deuse a coñecer hai uns meses) tivo lugar nas antigas instalacións do Cine Pacheco, hoxe local municipal rebautizado como Casa da Xuventude.
Mais nada sucede por casualidade. O lector descubrirá que a cidade de Cunqueiro é tamén a cidade de Victoriano López García (Mondoñedo 1910-Madrid 1995), un dos próceres da sétima arte no ámbito estatal. E para saber máis, cómpre mergullarse nas páxinas de Cine Mondoñedo, obra que pretende por outra parte, honrar a memoria do desaparecido precursor.
Trátase dunha edición non venal coa que contribuíron diversas entidades (Xunta, Deputación, Concello de Lugo…) tanto públicas como privadas, ilustrada na capa por Antón Caxoto –colaborador habitual de Bouso no traballo literario- e prologada polo cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa.
Alguén sabía que o escultor Caxigueiro participou como extra, sendo rapaz, nun filme de Adolfo Marsillach rodado en Mondoñedo? Por curiosidades como esta e por outros moitos datos de interese, Cine Mondoñedo supón unha magnífica e recomendábel lectura.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-01-2018 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal