 Non hai moitas semanas, grazas a un documental sobre a antiga Indochina, os espectadores puidemos ver o aloxamento onde Graham Greene escribiu O americano impasíbel; aos poucos días chegaría ás miñas mans un exemplar da devandita novela.
Trátase dunha edición do xornal El Mundo dentro da colección “Las mejores novelas de la literatura universal contemporánea”, do ano 2002. A tradución ao castelán, elaborada por Juan Rodolfo Wilcock (1919, Arxentina-1978, Italia), presenta os naturais xiros e xeitos da variante porteña, feito que me dificultou, moito máis do agardado, a comprensión do texto. E logrou entorpecerma até o punto de me negar a necesaria inmersión no argumento dunha obra que, confeso, non me gustou; no entanto, até poder acceder a outra tradución, non saberei se a culpa é da miña falta de familiaridade lingüística ou atribuíbel a outros factores.
O feito de ter atopado construcións sintácticas que desta banda do Atlántico suporían erros censurábeis, gramaticalmente falando, logrou arrefriar un exercicio de lectura que, en virtude do argumento, xa resultaba xélido, con todo, debo concederlle o beneficio da dúbida.
Até aquí, a experiencia non merecería un artigo nesta bitácora, sobre todo pola ausencia de contido para confeccionar tal, porén, o acontecido suscitoume unha reflexión vinculada ás comprensións, lectora e oral, das distintas variantes de calquera diasistema lingüístico.
En moitas ocasións, voces discrepantes coa opinión favorábel ao irmandamento entre usuarios de galego e portugués, apúranse a afirmar que o entendemento entre falantes non resulta tan doado como mantemos os partidarios de estreitar lazos e aproximar recursos. Tal postura, aínda sendo discutíbel, non deixa de nos emparentar co resto de linguas dotadas de múltiplas desembocaduras.
É frecuente que achemos máis facilidade á hora de falar cos lusofalantes de determinadas áreas do Brasil, ca cos lisboetas, mais isto é unha cuestión de fonética e pronuncia, xa que logo, nada que contradiga a consistencia dun tronco lingüístico común e absolutamente recoñecíbel na actualidade.
Escoitei ou lin, hai moito tempo e non sei dicir onde, que en certas áreas lusófonas de Asia, se conserva un portugués moito máis semellante ao galego actual ca a variante falada en Portugal; enténdese que a lingua levada polos colonizadores no século XVI, presentaba uns trazos máis propios da mantida ao norte do Miño.
Existen diasistemas lingüísticos por todo o mundo, e no continente europeo a súa presenza non é pequena (sueco, noruegués e dinamarqués; croata, serbio, bosnio e montenegrino; ruso, belaruso e ucraíno…), polo que o caso do galaicoportugués é un máis, ben seguro con semellantes vantaxes e polémicas ca o resto de idiomas estendidos por territorios heteroxéneos.
Teño intercambiado correspondencia en castelán con falantes do cono sur americano, do mesmo xeito que escrutei a fala en numerosas reportaxes filmadas nas distintas latitudes latinoamericanas, e case sempre batín con insalvábeis obstáculos para un usuario que aprendeu o castelán no Distrito Centro de Madrid. Así que, como dirían en Castela: en todas partes cuecen habas.
Expostos os problemas de comprensión e as dificultades á hora de expremer a cerna da narración, regreso á novela de Greene, unha obra que, alén da interesante recreación dun momento histórico, incide niso que hoxe denominamos as cloacas dos Estados e das estratexias políticas (ocupación territorial, espolio, racismo, terrorismo fomentado desde as institucións…); tal vez sexa isto, o documento, o que salva unha trama baseada na denuncia da feble condición humana nun caótico escenario bélico.
A mensaxe contra a guerra faise diáfana desde o principio, así como a exposición das ruindades que adoitan agromaren á sombra de toda situación dramática. O escepticismo, presente ao longo de toda a obra nos diversos ámbitos da vida, achega esa atmosfera de frialdade que sen dúbida é buscada polo autor, mais, debo dicir, que se hoxe existise unha tradución ao galego, non figuraría esta lectura entre as miñas materias pendentes. Velaí o dano que pode facer unha tradución mal agradecida!
|