“Aínda que o mundo muda de présa
coma as formas das nubes,
todo o que acada a perfección
volta ás orixes.”
RAINER MARIA RILKE, Os sonetos a Orfeu
O pasado 28 de febreiro, ao tempo que o dramaturgo Manuel Lourenzo era instituído “Cunqueiriano de honra” en Mondoñedo, achei que moitos se adherían espontaneamente á fe lourenciana, ese amor polo drama onde non son absolutamente precisos escenarios nin elencos, tan só a palabra expresada co eco que nos chega desde a Hélade máis remota. Non foi para menos.
Dúas institucións, a Casa Museo Álvaro Cunqueiro e mais o Concello de Mondoñedo, escollían o dramaturgo do Valadouro como obxecto da insigne distinción no presente ano. De tal xeito, o día do cuadraxésimo segundo cabodano do autor d’A noite vai coma un río, o autor d’O circo da medianoite era consagrado na imaxinaria orde da fabulación prodixiosa.
Durante o desenvolvemento do acto, entre discursos oficiais e merecidas gabanzas, o nutrido público puido asistir a unha inesperada lectura dramatizada d’O incerto señor don Hamlet. Príncipe de Dinamarca. Tal foi o agasallo ofrecido por Manuel Lourenzo, un cunqueiriano purosangue que coñeceu e tratou a Álvaro Cunqueiro.
Non podemos deixar de salientar as intervencións de Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, e mais de Armando Requeixo, crítico literario e coordinador de actividades da Casa Museo, pois ambos os dous revisitaron feitos e efemérides vinculadas á cidade, que, como todo o que alí brota, ve mesturada a vivencia da lenda co mito vívido; así é aquela latitude inscrita no censo das máis críbeis ficcións.
Non só panexíricos e datos biográficos sobre o homenaxeado nos ofreceron estes dous intelectuais mindonienses, senón tamén unha pormenorizada relación de interesantes datos sobre as temáticas que circundan a inxente obra de Cunqueiro, a extensa traxectoria creativa de Lourenzo, e, como non, arredor dese Mondoñedo que reverdece cada primavera por obra e graza da fábula máxico-literaria.
Mais, como adiantaba, ao tomar Manuel Lourenzo a palabra, puidemos asistir, asombrados, a unha magna demostración de oficio e retentiva que merece ficar preservada na arca do tesouro do Arquivo Sonoro de Galicia; se a houber.
Quen alí estabamos, somos, desde ese día, uns privilexiados que poderemos contar ás xeracións vindeiras como gozamos do teatro de Cunqueiro na voz de Lourenzo, e como ficamos, en virtude deste bautismo dramático, imbuídos da atmosfera literaria xerada un 28 de febreiro no pazo consistorial de Mondoñedo.
Xurdiría a primeira intervención de Manuel Lourenzo, co gallo de matizar que Elsinor é un topónimo ortograficamente agudo, e a partir de aí, o dramaturgo foise facendo cun público que non esperaba, dun home nado en 1943, a demostración de tento e paixón coa que nos deleitou. Corrixo: algún esperabámolo porque coñecemos a Manolo na distacia curta, o Manolo que canta, que conta, que recita, que declama… e que ama o oficio coa mesma vehemencia que outros se entregan a unha adicción irrefreábel.
Así o Manolo constrúe, desde a mesa reservada na Cafetaría Lumar da Coruña, onde escribe polas mañás, desde a casa pequena de Vilaúde, onde crea no verao,
ou desde calquera lugar onde o vento de Elsinor lle traia o son dun personaxe orfo de autor, eses textos que nunca nos deixarán indiferentes, pois é este home, como ben se sinalou no evento, traumaturgo. Outro día contaremos de onde procede o substantivo que nalgún momento haberá de entrar nos dicionarios míticos da literatura galega.
Aprendemos este día, amais de que a tríade dramática admirada polo do Valadouro se compón de Shakespeare, de Cunqueiro e de Otero, que don Álvaro ten superado a don William, e seica o fixo en virtude da súa ousadía á hora de teatralizar a saga dinamarquesa; e pregúntome eu (coñecendo a resposta): a quen superou Manuel Lourenzo?
Durante a cerimonia permaneceu, á dereita do xa cunqueiriano de honra, César Cunqueiro González-Seco, en representación de quen situou Mondoñedo no mundo, e ás letras galegas no universo dos sistemas literarios. Emocionante foi o instante en que a amizade entre ambos os dous persoeiros ficou selada cun caloroso apreixo de mans.
Falouse moito en Mondoñedo este día, da recente publicación das obras completas de Manuel Lourenzo, e non nego que sexa esta a gran nova dos últimos tempos no sistema literario galego, mais, para os meus adentros, confeso que a mellor noticia é que tales volumes só representan un achegamento á obra de Manolo, pois que este dramaturgo continúa traballando, disciplinada e continuadamente; polo tanto, falta moito tempo para que o público lector poida atesourar as súas obras completas. Falamos, asegúrovolo, dun escritor en plena efervescencia. Xa que logo, non existirá, de momento e afortunadamente, compendio definitivo.
Boa proba disto é que non quixo concluír Manuel Lourenzo a súa disertación sen ilustrar, a autoridades e xestores presentes, sobre o modo de levar o teatro ao escenario urbano da cidade, esa gran sala empedrada e sucada por cen mil canles, onde drama e personaxes, son avivados cada pouco por un reiterado tanxer de campás, míticas ou reais, tanto ten.
Mentres o vento zoe en Elsinor, a creatividade de Manuel Lourenzo continuará vixente.
LIONEL REXES
|