Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
PEINÓ ACHÉGASE Á ANTROPOLOXÍA ESPIRITUAL - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PEINÓ ACHÉGASE Á ANTROPOLOXÍA ESPIRITUAL
Pepe Peinó volve ofrecernos un argumento coa inadaptación social e a soidade como fíos condutores, mais desta volta, introducindo unha temática con longa tradición literaria, tal é a dos individuos considerados psiquicamente limitados.
Desde os “toliños” de Manuel María até o Dombodán de Manuel Rivas, os personaxes de escasa agudeza, mais dotados dunha especial sensibilidade, poboan as obras dos nosos autores.
Estes textos detéñense, cariñosamente, neses seres afastados da colectividade por causa dunhas mentes de funcionamento lento, ou talvez de atípica actividade.
O neno do guecho branco sobre a fronte, principal personaxe de Los milagros de Ricardo Zizo, é un deles. No entanto, Ricardo non é precisamente un ser afastado da sociedade, senón unha sorte de privilexio para quen con el se cruza no camiño da vida.
A novela de Peinó pugna por retratar unha actualidade contado desde a vixente realidade rural, cos seus inmigrantes, os seus emigrantes retornados, e uns mozos emprendedores que decidiron renunciar ao inelutábel destino urbano. Porén, os personaxes esperados en calquera ambientación aldeá (o crego, a mestra, o médico, o bibliotecario…) deben estar e están, proporcionando a atmosfera esperada en calquera recreación do eido rural.
O autor foi mestre até non hai moito anos, e a súa experiencia docente reflíctese visibelmente na obra, é máis, quen coñecemos os ámbitos xeográficos vivenciais de Peinó, poderemos detectar certos elementos inspirados na realidade (a taberna de Rodolfo, o crego don Antonio…); con todo, A Mariña e o val do río Douro non se prestan nesta ocasión como escenario, pois é a Terra Chá quen cede nome e orografía á localización escollida.
A estrutura da novela non deixa de ofrecer unha fasquía de libro de relatos, pois os personaxes son presentados de maneira individual, para, a seguir, dar paso ao afloramento da trama. Do mesmo xeito, cada lance irá aparecendo en narracións curtas.
Ante o risco de sacrificar a axilidade argumental, non son partidario desta sorte de técnica literaria, mais estamos ante un autor con oficio, polo que a trama flúe a pesar da fragmentación do texto.
Nutren o argumento de Los milagros de Ricardo Zizo diferentes materias atemporais como a espiritualidade, o sincretismo, o animismo, a etnomedicina ou o aggiornamento da Igrexa Católica, e outras conxunturais como o acoso escolar, mais, por riba de calquera temática, a soidade supón un elemento que todo o impregna.
Convén destacar que, para este autor, vén sendo a soidade un concepto poliédrico e transversal nas súas obras, non necesariamente negativo.
A solitude, a andada en solitario (real ou figurada), pode representar unha anomalía para a meirande parte da sociedade, e ben seguro o síntoma dun carácter deficitario en habilidades comunitarias; no entanto, eríxese a soidade na literatura de Pepe Peinó como actitude vital, tan enriquecedora como incómoda en certas ocasións.
Coido que a gran mensaxe desta novela xira ao redor do necesario exercicio de comprensión da xente “rara”, algo que no espírito do texto resulta curativo en todas as direccións: tanto para o elemento integrador como para o elemento inadaptado. De novo, o pedagogo aflora por riba do escritor.
O grao de complexidade da literatura de Pepe Peinó é alto, e éo en virtude da introspección na condición humana que o autor nunca deixa de practicar e ensaiar.
Por outra banda, vén mostrando este prolífico autor en lingua galega, indicios de querer adoptar o castelán como lingua literaria, e sendo unha elección lexítima, debemos salientar que tampouco se encontra exenta de risco tal alternativa, pois, como lles vén acontecendo a outros autores imbuídos en linguas vernáculas e maternas, certas construcións sintácticas e escollas léxicas padecen o empobrecemento do uso viciado. Así, temos detectado frases como “para juntarme con diversos amigos” cando o acaído en castelán sería reunirme; a reiteración do substantivo ayuntamiento (querendo facer referencia ao termo municipal) cando se debería introducir o vocábulo municipio, ou deformacións propias da fonética galaica como culipava.
Por suposto, esta última apreciación non trata de desvelar ningún censo de erros, tan só de recordar que todos os galegos temos interiorizado (independentemente da nosa escolla oral) a estrutura lingüística do galego, e tal factor emerxe nos textos ao mudarmos de lingua.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-02-2023 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0