 Co gallo do 150 aniversario do nacemento de Pío Baroja, vén intervindo en diversos espazos literarios a académica da RAE Soledad Puértolas.
Sempre nos describe a señora Puértolas a don Pío como un retratista do vello Madrid, un amante das castañas asadas e un académico aveciñado ao edificio da propia institución. Todo aceptabelmente castizo.
O que eu non sabía da aragonesa Puértolas é que posúe residencia na Galiza, concretamante en Vilanova de Arousa; seica a paisaxe da ría lle evoca unha pretérita estadía californiana. Todo aceptabelmente exótico.
Por pura casualidade, tales novidades colléronme lendo Queda la noche, a novela coa que a devandita escritora gañara o Premio Planeta no afastado 1989.
O caso é que a novela non arrinca até a páxina 180 (conta con 239), e pese a engalar con forza ao introducir unha trama de espionaxe internacional, o que levamos lido sobre unha rapaza madrileña que navega entre as súas conquistas erráticas e mais a atención aos seus anciáns pais, non comprace nin conmove, nin moito menos dá acadado a credibilidade precisa para valorar como sólido o artefacto.
Non a recomendaría, mais tampouco ouso dicir que se trate dunha creación infumábel; iso si, percíbise claramente que a autora non tiña claro por onde facer desembocar a historia, e optou por introducir unha trama de alta voltaxe como remendo.
De ningunha maneira critico os escritores de brúxula, pois téñome por un deles, mais tal estratexia require un manexo exhaustivo da singradura. O argumento sen trazado previo non absolve nin revalida materias, ao contrario, exixe encarreirar o carácter intuitivo da trama e mais o instintivo desenvolvemento dos personaxes.
En Queda la noche, os personaxes carecen da necesaria descrición para a camiñada por unha novela adiante, da mesma maneira, a autora obvia os pormenores (e está no seu dereito) de toda escena amorosa, alegando que o acontecido naquel leito a ninguén incumbe.
A trama, que non logra inquedar en ningún momento, acabará resolvéndose mediante os textos en cursiva de tres cartas, deixándonos o desabor dunha frustrada novela de espías.
De novo, estamos ante un relato estirado artificiosamente, e convertido en novela, unicamente, en virtude da súa extensión.
En resumidas contas, non sei ben o que veño de ler nin podería elaborar un resume sólido do lido, mais, sérveme para non volver caer en certos erros, e lecturas.
|