Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
O ANO DA LINGUA GALEGA NO ÁMBITO MUSICAL INTERNACIONAL - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O ANO DA LINGUA GALEGA NO ÁMBITO MUSICAL INTERNACIONAL
Trátase dunha impresión persoal contrastada con outros pareceres observadores: o afluxo, profusión e protagonismo de grupos a empregaren o galego nos seus temas musicais, está situando a nosa lingua, e por tanto a nosa cultura, no panorama mundial.
É certo que sería inxusto fixarse no acontecido estes últimos meses e obviar o camiño andado por Miro Casabella, Andrés Dobarro, Pucho Boedo, Fuxan os Ventos, Os Resentidos, Luar na Lubre, Uxía, Ugia A Pedreira, Guadi Galego, Sés, Sabela Ramil e moitos outros, mais o momento tecnolóxico ao que asistimos, sumado á repercusión da catarse eurovisiva e a posterior fraude, logrou catalizar a visibilidade da actual fornada lírica, cara a dentro e mais cara a fóra.
Elaboremos unha listaxe rápida, conscientes do risco de deixarmos fóra considerábeis expoñentes: Tanxugueiras, Baiuca, A banda da Loba, Caxade, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Grande Amore, Carolina Rubirosa, Fillas de Cassandra…
Ben pode ser certo que a mestura do tradicional con bases electrónicas teña axudado a obrar unha parte do milagre (non obstante, non todos os artistas enumerados o fan), que o factor maioritariamente feminino e o histórico momento de loita social teña contribuído (falamos do empoderamento e a seguranza que aporta), mais por riba de todo, triunfa unha lingua viva, válida, homologada ao resto de linguas do mundo e tan actual como milenaria.
Por iso, do mesmo xeito que temos celebrado nesta bitácora a concesión do premio Nobel de Literatura a Bob Dylan por algo moi concreto: facer visíbel que a letrística musical forma parte da riqueza literaria dos pobos, dos falantes e por extensión da cultura universal, hoxe facemos reconto dun ano dourado para o idioma galego.
Congratulémonos de que as letras galegas, si, o sistema literario de noso, estean a obteren un recoñecemento mundial grazas ao traballo e a valentía dese enxame de trobadores que, de vez, rachou a perniciosa inercia de interiorizaren pexas lastrando as linguas alcumadas como minoritarias, periféricas…
As hipotéticas limitacións con respecto á difusión e comprensión dos idiomas habitan nas mentalidades, nunca nos propios códigos lingüísticos.
Coido que vimos de gañarmos outras mil primaveras para a lingua que xa contribuira ao patrimonio universal coa lírica medieval galego-portuguesa, con Voces Ceibes, co Bravú e con todos eses artistas que cantan, contan e requintan na lingua da Galiza.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2022 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0