 A 2 da TVE é un dos refuxios televisivos dos amantes das letras, e por extensión, dos seguidores da cultura como amplo concepto; nesta canle moran os programas especializados en ópera, danza, fotografía, cinema, arquitectura, historia, ciencia… porén, tamén no corazón da perla se fan apreciábeis as contradicións, as ausencias inexplicábeis e as comparanzas delatoras, como a que procedemos hoxe a formular.
Desde hai década e media emítese na citada canle Página2, un programa que, pese a eu o seguir con regularidade, presenta un formato mellorábel baixo o meu punto de vista.
É verdade que o programa presentado por Óscar López é o decano e máis lonxevo dos espazos literarios da TVE, mais, naceulle “competencia” na propia casa.
Desde hai unhas poucas semanas, Mario Obrero presenta Un país para leerlo, unha novísima proposta que favoreceu a entrada dunha bafarada de ar fresco a través da pantalla.
Un país para leerlo supón a grande esperanza (non só no eido da diversidade literaria) dos culturais televisivos; confiemos en que cree escola logrando converter en tendencia o seu espírito.
Xa temos falado aquí deste poeta, e non só pola súa excelente calidade literaria, senón tamén pola súa actitude integradora, curiosa e holística.
A concepción do territorio estatal para este autor é inclusiva con respecto ás diferentes culturas e identidades presentes, e boa proba disto é que Obrero se desenvolve con relativa soltura en galego, catalán e éuscaro, sendo natural de Getafe (Madrid).
Algo que sempre botei de menos en Página2 foi a atención ao publicado nas “outras” linguas do Estado, indefectibelmente excluídas do contido.
No entanto, Un país para leerlo atende con rigorosa ecuanimidade as malchamadas periferias, eses extrarradios onde a lingua castelá perde a condición de nativa para se converter en código burocrático. Aí (aquí) tamén existen publicacións, editoriais, lectores, autores, e por suposto espectadores financiando ese ente público chamado Televisión Española.
Considero que o camiño iniciado por Mario Obrero é o vieiro idóneo, e non só na esfera televisiva, tamén na social.
Non está perdendo algo (eu creo que moito) un cidadán do Estado Español que só é capaz de articular frases nunha das linguas oficiais? Ou que xamais poderá gozar dun libro publicado por Elkar, L’Altra, Bromera, Cuatro Gotes ou Fervenza? Ou que desbota por defecto as opcións televisivas representadas por ETB, TV3, À Punt, IB3, TPA e TVG?
Mario Obrero racha a malfadada inercia do hispanocentrismo para abrirse ao coñecemento, desbotando o ancoramento no clasismo cultural, adoito reducionista e empobrecedor.
Recomendo vivamente este programa dos seráns dos venres, un espazo grazas ao
que o espectador adquirirá, a través da literatura, a visión ampla e necesaria para a comprensión do espazo territorial no que nos tocou, por lei, desenvolver a nosa cidadanía.
Un país para leerlo; también entre líneas.
|