 A Suso Fernández, “Suso do Bahía”, téñolle escoitado infinidade de cousas interesantes, e outras tantas se estarán publicando agora nos medios de comunicación da Mariña.
Onte soubemos que o tótem da cultura focega emprendía singradura cara a esa morada onde a tal hora estará departindo con Leiras, con Noriega e con Cunqueiro, casualmente mindonienses todos.
Porque a Suso tamén lle escoitei, unha tarde no ventre da libraría Bahía, “se me perdo en Foz, buscádeme en Mondoñedo”, así que agora, andará parolando animadamente da Escola Poética do Seminario ou de reeditar Se o vello Sinbad volvese ás illas, onde a Foz se lle chama Bolanda.
Doutra volta, contáranos Suso que no transcurso dunha homenaxe a unha vítima de presidio durante a Ditadura, un orador mencionara o gran mérito do encarcerado, ao que o homenaxeado respondera: “mérito ningún, que a min leváronme á forza”.
E con estas e outras anécdotas estarán divertíndose agora don Manuel, don Antonio e don Álvaro, satisfeitos por ter a Suso canda eles, mais sen caeren na conta do orfa que queda Bolanda, e A Mariña toda, e este país que Suso soñou culto e consciente do propio ser, agora que o ciclo da vida nos arrincou o noso libreiro “á forza”.
É seguro que xa preguntou o noso libreiro polo seu grande amigo Manuel María, e ben sei, houberon dicirlle que anda a percorrer as parroquias do alén, como soñara sempre o chairego facer na vida terrea.
Se non me engana a memoria, a derradeira vez que vin a Suso entre o público dun acto literario (sentado na cadeira de brazos que a súa filla Cielo lle tiña reservada na libraría) foi no lanzamento de O Alén dos Barqueiros, de Anxo Muíños.
Escollérame o amigo Anxo como mestre de cerimonias na presentación da súa novela e aló fóramos, nunha noite de temporal de finais de novembro. Mais, en entrando na libraría Bahía, arroupados pola calor humana de Suso, Marita, Cielo e moitos outros amigos, forámonos mergullando nese ambiente íntimo que exhala a fusión de literatura e amizade.
Agora, no alén dos libreiros, andará Suso a recomendar lecturas e a deseñar rutas, mágoa que ningunha leve outra volta a Bolanda.
LIONEL REXES
|