Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
ISAAC FERREIRA EN TRINTA CUESTIÓNS (I) - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ISAAC FERREIRA EN TRINTA CUESTIÓNS (I)
Isaac Pérez Blanco naceu ao mundo en Ferreira do Valadouro no ano 1946. Algo máis tarde renacería para o ámbito das letras como Isaac Ferreira. Actualmente reside no Porto de Santa Cruz (Oleiros), aínda que mantén absolutamente vixente a ligazón co seu val natal a todos os efectos.
Ten gañado o Isaac un espazo de seu na nómina de autores galegos, porén, as súas funcións como maquinista do buque literario (na faceta dramática as máis das veces) fai que as redaccións dos grandes medios aínda non o teñan interrogado suficientemente sobre as temáticas de alto interese.
Desde a bitácora literaria VASOIRAS DE XIBARDA imos tentar obter de Isaac Ferreira, autor amigábel, discreto, ameno e dotado dunha memoria prodixiosa, as súas posicións, valoracións e reflexións sobre diversas cuestións vinculadas ás letras e ao idioma.


1. Normalizaches lingüisticamente os servizos da Telefónica para o usuario galego. Como foi ese traballo?

Naquel tempo, anos 90, Telefónica tiña unha “Dirección Regional de Galicia”. A min destináronme á Secretaría, que dependía do “Director Regional”. A Secretaría constaba de: 4 Administrativas, 1 Administrativo, 1 Experto en idiomas español e galego (que era eu), 1 avogado e 1 Secretario. (Eu era Diplomado de Lingua Galega pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña, catro cursos e reválida, alá polos anos 80).
Cando me incorporaron á Secretaría eu procedía de Centrais Automáticas, quero dicir que non tiña nin a menor idea de informática; grazas á total axuda das compañeiras e compañeiro fun aprendendo aquel sistema de códigos, penso que se chamaba WordPerfec.
Había unha empresa publicitaria, paréceme que de orixe sueca, que facía a publicidade de Telefónica para os medios de comunicación. Eu recibía os textos en español, por Fax, traducíaos e enviáballos a unha responsábel da empresa de publicidade, por Fax, (sempre me quedaba cunha copia de todo o que traducía, porque era eu só o único responsábel das traducións, ninguén supervisaba nada diso na nosa empresa en Galiza, mais en Madrid na de publicidade había un ‘sabidillo’ ou ‘sabidilla’). En certa ocasión fixeron publicidade cunha frase e puxeron un pronome CHE (obxecto indirecto) no canto de TE (obxecto directo), e grazas a que eu gardaba a copia do Fax orixinal enviado, con TE, houbo de facerse responsábel do grave erro a empresa publicitaria.
Cando foron aparecendo no DOG os topónimos oficiais de Galiza, eu ía corrixindo as guías telefónicas de cada unha das catro provincias, que se renovaban cada ano.
De cando en vez viaxaba a Madrid para supervisar unha(s) locución(s) publicitarias nunha empresa de dobraxe para enviar vía teléfono aos clientes. Menos mal que nesa empresa de dobraxe traballaba unha rapaza de orixe ourensá que controlaba ben a fonética do galego.
Neses anos impartín cursos de galego voluntarios aos meus compañeiros da Coruña e Santiago, e mesmo din algunha conferencia acerca da orixe e evolución dos idiomas romances peninsulares.
Cando me chegou o tempo de me prexubilar a empresa pediume que procurase eu o meu sucesor ou sucesora no cargo. Falei con xente de todos os sindicatos e tamén con representantes dos catro Comités de Empresa Provinciais de Galiza. Levou todos os boletos Begoña Rodríguez Caldas, unha compañeira que era filóloga e que traballaba en Vigo. Mandárona uns días para A Coruña, onda min, e fixemos un traspaso de “poderes” ordenado de todo canto eu tiña e levaba feito: arquivos, fotocopias, disquetes, dicionarios, manuais,... Tamén deixei realizado un “Informe: As linguas minoritarias no Estado español. O seu uso en Telefónica (Datos)” (11.11.1998). E aí acabou o meu labor, que daría para máis, pero xa me estendín dabondo.
2. Que debemos facer para lograr o respecto polo galego das compañías que nos dan servizo?
Contratar coa empresa que oferece a atención e a documentación contractual como mínimo en galego e/ou español, a elixir polo cliente; así como a publicidade e mais a correspondencia en galego. E denunciar publicamente calquera tipo de abuso, imposición, desprezo ou menosprezo.
3. É verdade que retrocedemos no proceso de normalizazón da lingua galega?
A miña percepción é que retrocedemos en certos sectores sociais e territorios; mais noutros melloramos (por exemplo, en sanidade, farmacia e hostalería, e mesmo un algo en comercio e alimentación, grandes áreas). Observo que grupos de xente nova, moitas delas mulleres, acaso persoas universitarias, utilizan o galego na rúa e nas terrazas dos cafés. Habería moito que falar acerca disto, mais eu non son un experto na materia. Aínda que percibo que a Administración Pública galega non fai moito, máis ben, apenas fai nada por normalizar o uso do galego. Hai unha frase definitoria que circula polas redes sociais: “Só os galegofalantes somos bilingües”.
4. Cal é a túa posición no debate ortográfico do galego?
Hoxe por hoxe: liberdade de culto. Aínda resta moito por actualizar na Normativa da RAG-ILG para achegármonos ao noso sistema lingüístico moderno que representa a lingua portuguesa. Xa sei que ten que haber unha Norma mais tamén existe aquilo que se chama decantación.
5. Cal debería ser a posición da Galiza con respecto á denominada “lusofonía”?
Respecto absoluto e máxima aprendizaxe. A lingua portuguesa debe ser un referente para nós, e debería ser unha materia obrigada oficialmente, como mínimo no ensino medio e superior. Eu, cando teño dúbidas, confronto co léxico portugués e despois decido.
6. O binomio ILG-RAG cumpre as funcións para as que naceu?
Supoño que si, desde a óptica de quen “inventou” o dueto.
7. Falouse en varias ocasións da conveniencia de crear un Instituto Castelao, o ente para a internacionalización da nosa lingua ao xeito do Institut Ramon Llull, o Instituto Cervantes ou o Goethe-Institut. Precisámolo?
Precisámolo, e moito. Eu preferiría que fose un Instituto Rosalía de Castro. Paréceme que foi Xosé Luís Méndez Ferrín quen afirmou que Galiza era o único país (ou un dos poucos países) que ten como símbolo colectivo indiscutíbel unha muller. Que non me parece nada mal para os tempos que corren, senón que o vexo como un referente que di moito de nós, os galegos. “A muller é a memoria do mundo”, dixo a nosa parenta lingüística, a escritora brasileira Nélida Piñon. E engado eu: A muller é iso e moito máis.
8. Estudaches as características e peculiaridades do galego empregado no Valadouro; poderiamos falar dunha variante lingüística local?
Algo hai: unha micro-subárea do Xistral. Paréceme que estamos ben identificados no Bloque Central, Área Mindoniense (cantemos, collamos, partamos; (es)teña, seña; bieiteiro, felgo, folgueira, cimo, golpe), Subárea Oriental (sen gheada), Microsubárea A Mariña-Xistral (colleu, parteu); tamén coincidimos coa Microsubárea Viveiro-Xermade no uso do pronome persoal en función de suxeito tu. Esta distribución: Bloque > Área > Subárea > Microsubárea tomeina daquel manual de referencia de Francisco Fernández Rei (Cambados, 1952): DIALECTOLOXÍA DA LINGUA GALEGA (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1990, 112-113, 128-130 e 155). No léxico non quixera esquecer algunhas formas peculiares, como brosa (machado), pito (polo), golpa (feminino do mencionado golpe ou raposo), escornabois (vacaloura), reirrei (xoaniña), sacabeira (píntega), etc. Mais, que che vou dicir a ti, que tes realizado un traballo baixo o título DITOS E REFRÁNS DO VALADOURO, publicado co número 2 dos Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) en 2013 onde figura léxico valeco a dar cun pé (e eu mesmo ando a traballar nun VOCABULARIO DO VALADOURO do que levo informatizadas máis de 300 páxinas e vou na letra... E. Vaia, esta oitava pregunta dá para un libro... ou tres.
9. Es un dos coautores de Contos do Valadouro, de Arqueoloxía do Valadouro e mais do inxente Inventario do patrimonio cultural e histórico-artístico do Valadouro. Formas parte dun auténtico colectivo de divulgación do teu val natal. Fálanos desa militancia cultural.
Iso, militancia. Primeiro pola defensa do uso do idioma. E mais un respecto sagrado pola nosa riqueza cultural e patrimonial, que para min van collidas da man. E dúas premisas: traballo, moito traballo; e mais constancia, moita constancia. Máis, ningunha outra cousa. A dinámica dos CONTOS... foi: 1º. Recollida (traballo de campo), aí fixo un labor fundamental Xesús Pisón, alén do que xa traíamos recollido de atrás Manolo Lourenzo e máis eu, que era o menos. 2º. Acordar a estrutura e orde interna do libro: A) por unha proposta de Manolo, decidimos ordenalos con números romanos (sen título, non queríamos ser folcloristas con notas a rodapé, aclaracións, nome dos informantes, etc., senón sermos meros contadores do escoitado. B) Distribuílos en grupos específicos cun fío condutor invisíbel (que podería ser este: 1. Orixes e Historia. 2. Amoríos e Humor. 3. Animais. 4. Oficios e Burlas. 5. Tesouros e Encantos. 6. Trasnos e Meigas. E 7. Avisos de morte e Morte). Cada un destes grupos iría precedido dunha ilustración feita por Xesús Pisón, que, por certo, debuxa como os anxos. 3º. Xuntanzas, polo xeral unha por semana (no noso piso da rúa Daniel Castelao, do Porto de Santa Cruz, en Oleiros). Aí líamos as primeiras versións de cada conto ou lenda e repartíamos a ‘mercancía’ para corrixir cadaquén o seu lote. 3º. Inserir cada conto no grupo específico que lle correspondese dos previamente acordados (Orixes, Burlas, Animais, Tesouros, Encantos, Avisos de morte...) cada un dos contos, indo do máis livián ao máis forte, para que o libro levase un ritmo e unha tensión apenas visíbeis mais si perceptíbeis para o lector avisado. Neste terceiro apartado de ordenar (e estou a referirme á edición de 2005, por ser a máis completa: 306 contos) foi decisiva unha xuntanza que tivemos Xesús Pisón e mais eu no seu piso da rúa Rosalía de Castro, na Coruña: reordenación a fondo da orde dos contos dentro de cada temática. 4º. Publicación. 5º. Presentación e divulgación. Agora resumirei os dous últimos puntos. Punto 4º. Publicación. Fixéronse dúas versións: a primeira en Edicións A Nosa Terra (con 186 contos), Colección Nós, os galegos, Vigo, agosto de 1998 (cunha 2ª tiraxe en xaneiro de 1999); e a segunda versión, corrixida e aumentada, en Ediciós do Castro (con 306 contos, é dicir: 120 contos máis), Colección Narrativa, Sada, outubro [saíu en novembro] de 2005. É de xustiza indicar que ambas as dúas versións conteñen as mesmas ilustracións, incluída a da capa, feitas pola man de Xesús Pisón; tamén manteñen a mesma estrutura organizativa non visíbel. E Punto 5º. Presentación e divulgación. 5º-1. A primeira versión (de 1998) presentámola os tres autores, con lectura de contos, o 6 de setembro (con asistencia masiva) no pub Atalaia, da Avda. Rosalía de Castro de Ferreira do Valadouro, no contexto das Festas do Oito dese mesmo ano 1998. 5º-2. Presentación do libro polos tres autores, con lectura de contos, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, A Coruña, 16 de marzo de 1999. 5º-3 Presentación do libro polos tres autores, con lectura de contos, na Exposición de Gravuras dos Contos do Valadouro, de Xosé Blanco, celebrada na Casa da Administración de Sargadelos (con asistencia masiva), Cervo, o 4 de decembro de 1999. NOTA: O 17 de Maio de 2000 (Día das Letras Galegas) escribo o texto “Os contos do Valadouro nas mans dun gravador, co visto e prace de Manuel Lourenzo e Xesús Pisón (e asinado polos tres autores), que servirá como prólogo ao libro GRAVURAS DE CONTOS DO VALADOURO, unha selección de 50 gravuras, referidas a 50 dos contos, cuxo autor non podía ser outro que o noso amigo, veciño e artista Xosé Blanco, publicado en Ediciós do Castro, Sada, en decembro de 2000. 5º-4. Presentación e lectura de contos pola parte de Manuel Lourenzo e mais eu, na presentación do libro GRAVURAS DE CONTOS DO VALADOURO, de Xosé Blanco. O acto incluía unha exposición dos gravados de Xosé, que realizou unha demostración real de como se pasa o gravado da madeira ao papel. Lugar: Finca Galea (O Castrodouro), Alfoz, o 22 de decembro de 2001. 5º-5. Intervención: “A recollida de contos de tradición oral; con lectura de contos do Valadouro e de San Cibrao no acto de clausura das «I Xornadas do Conto Galego, oral e escrito», organizadas pola Asociación Anduriña, na Casa do Mar de San Cibrao. Cervo, o 13 de outubro de 2002. 5º-6. Conferencia-coloquio dos tres autores, con lectura de contos, na Exposición de Gravuras de Contos do Valadouro, de Xosé Blanco na Sala de Exposicións do Castelo do Castrodouro. Alfoz, o 26 de marzo de 2005. 5º-7. A partir desta data, Xosé Blanco realiza diversas exposicións das súas Gravuras por Galiza adiante. Canto terminou o ciclo de exposicións, Xosé Blanco agasállanos coas 50 Gravuras sobria e finamente enmarcadas. Pouco despois, e co permiso do artista, os tres autores dos Contos facemos doazón das Gravuras de XB ao Concello de Alfoz, para que formasen parte do patrimonio público.
Posteriormente houbo outras lecturas de Contos, por exemplo por parte de Xesús Pisón e mais eu en Finca Galea (Alfoz), nun acto organizado pola Asociación Lugo Patrimonio, o 14 de decembro de 2013; e outra lectura, realizada por min, de Contos do Valadouro relacionados con Frexulfe e coas pontes, no ámbito da I Ponte Literaria, organizada por ti, na Ponte Vella (Frexulfe), O Valadouro, o 20 de agosto de 2015.
10. Obtivestes suficiente apoio das institucións? Consideras que a veciñanza é consciente do labor desenvolto por Pisón, Lourenzo e mais ti?
Apoio institucional cero. Só cando os traballos estaban elaborados, o feito da súa publicación, no caso de ARQUEOLOXÍA DO VALADOURO e do INVENTARIO.... Apoio individual si, e moito; só un exemplo: nos primeiros anos 2000, Jorge Val Díaz para o territorio do Concello de Alfoz (cando daquela non pensaba nin de lonxe ser alcalde) para localización de Patrimonio, civil e relixioso para o INVENTARIO; e tamén agatuñamos pola parroquia do Cadramón adiante e arriba do Albardo, con Indalecio García Paz como guía, cando (re)descubrimos as arcas e mámoas dos Chaos (A Casa dos Mouros, etc.). Para ARQUEOLOXÍA DO VALADOURO, a causa primeira e remota puido ser unha visita ao dolmen de San Tomé, a finais dos anos 50, en que íamos, entre outros, Manolo e mais eu e levábanos por guía a Xosé Canoura Cerdeiras (Pepe de Lobeira); xa adultos, primeiro eu lin canto había que fixese referencia a (posíbeis) xacementos arqueolóxicos (sobre todo Villa-Amil y Castro, que me facilitou fotocopiado en grande parte Abel Vigo), despois fixemos un exhaustivo traballo de campo, Lourenzo, Pisón e mais eu. Co meu GPS, que mercara nunha tenda de efectos navais de Burela, marcaba as coordenadas de cada xacemento. Agradecer aquí a disposición, entre outros, dos arqueólogos Abel Vigo García e Juan Francisco López Calzada, que veu revisar e actualizar o Catálogo de Patrimonio Arqueolóxico do Concello do Valadouro (2005), e que mesmo achou xacementos novos. Cando tíñamos dúbidas (como no caso do dolmen de Ramasquide, levábamos posteriormente un arqueólogo, case sempre lle tocaba a Abel Vigo García, de quen eu aproveitei a súa Tese de Doutoramento para a parte dos castros do Valadouro (2007). Son de agradecer as publicacións dos historiadores e veciños Carlos Andrés González Paz (1999, 2004 e 2006) e Andrés Canoura Quintana (2000). Tamén é obrigado agradecer a axuda e colaboración en todo momento dos membros de Mariña Patrimonio Miguel Vizoso e Manolo Miranda Ruíz.
O libro ARQUEOLOXÍA DO VALADOURO. PREHISTORIA saíu á rúa o 29 de xuño de 2010 e presentouse o 27 de novembro do mesmo 2010 no Salón de Actos do Castelo do Castrodouro (Alfoz), cunha Mesa formada por Antonio Veiga Outeiro (delegado de Cultura da Deputación de Lugo), que presentou o acto, Manuel Lourenzo e mais eu; houbo coloquio e moi boa asistencia e acollida por parte do público.
NOTA 1: Para a elaboración deste libro é fundamental a investigación realizada por Xesús Pisón acerca dos tres xacementos do Paleolítico Superior e Epipaleolítico na parroquia do Cadramón (O Valadouro) ao contactar (en 2004) coa arqueóloga Mar López Cordeiro, que realizou os traballos de prospección (en 2002 e 2003) previos aos asentamentos dos parques eólicos Álabe-Cadramón e Álabe-Nordés.
NOTA 2: A localización, tamén por parte de Xesús Pisón, da Arca do Chao da Arca (Vilacampa) o 10 de setembro de 1999 e da Cámara ou Dolmen de Ramasquide (Frexulfe) en 2005.
NOTA 3: Para o xacemento dos Círculos das Pedragosas (Frexulfe), re-descubertos por Xesús Pisón e mais por min, guiados por Indalecio García Paz, o 6 de agosto de 2004, Nese mesmo 2004 Pisón contacta cun arqueólogo do País Vasco, José Ignacio Vargas Aramburu, director do Museo Arqueolóxico de Vitoria-Gasteiz, co que intercambiou correspondencia con información e fotos, que lle confirmou a semellanza dos Círculos das Pedragosas co Círculo de Mendiluce e outros do País Vasco, onde hai máis de 400 círculos líticos nos Pirineos, e que lle insinúa poder pertencer ao Bronce Final e o Ferro (incineración, período dos Campos de Urnas en Europa,...).
Posteriormente Xesús Pisón acompaña ao arqueólogo Manuel Lestón ás Pedragosas (21.08.2006) quen opina que, a falta de escavar, lle parecen un elemento prehistórico de carácter funerario. Tamén contacta co arqueólogo Xosé María Bello, que mesmo se lle oferece para realizar unha escavación en pouco tempo (cousa que non se chega a facer).
O núcleo inicial do INVENTARIO DO PATRIMONIO... penso que estivo por alá polos comezos dos 70, nunha visita que fixemos unha boa troupe aos pazos e casas grandes de ambos os dous concellos (lembro que nunha das visitas á Casa Grande do Rizal ía connosco... Pepe de Lobeira!!!). Para este INVENTARIO eu fixen máis de 1.000 fotos (con cámara analóxica: revelado, escaneado,...), entre finais dos 90 e primeira metade da década dos 2000; e Pisón fotografou, en 1998, todos os retábulos e santos de todas cantas igrexas e ermidas hai nas 21 parroquias que figuran no INVENTARIO. A documentación que lin subiu ben das 25.000 páxinas desde Vázquez Seijas até Meilán García, pasando polos Estudios Mindonienses, Canoura Quintana e González Paz. Son de agradecer o inédito de Cruceiros do Valadouro, de Roberto Reigosa Méndez e o moi recente de Mario Saavedra, tamén de cruceiros. Da redacción e elaboración dos dous tomos encargueime eu: dixitalicei desde a primeira até a última letra.
Os dous tomos do INVENTARIO DO PATRIMONIO CULTURAL E HISTÓRICO ARTÍSTICO DO VALADOURO publicáronse a comezos de outubro de 2019, na Imprenta Prelo, de Lugo, a través dun convenio cerrado entre o Concello de Alfoz e a Deputación de Lugo.
O Tomo I (Adelán-Frexulfe) ten 486 páxinas e o Tomo II (Lagoa-Vilacampa) consta de 506 páxinas. En total 1.002 páxinas con 210 fotografías e croquis. An final do Tomo II figura unha moi ampla Bibliografía, recollida por min de aquí de alí e mais de acolá.
A presentación do INVENTARIO fíxose o 20 de decembro do mesmo 2019 no Salón de Actos do Castelo do Castro (Alfoz), nunha Mesa formada por Pilar García Porto (Delegada de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo), Jorge Val Díaz (alcalde de Alfoz), que presentou o acto, e os autores: Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e mais eu; houbo unha nutrida asistencia de público, que participou nun animado coloquio cos membros da Mesa. A tiraxe en papel foron só arredor de 160 exemplares (duplos), mais houbo a vantaxe de poder facilitalos ao público a través das páxinas web institucionais de ambos os dous Concellos.
O 9 de xaneiro de 2020 o Concello de Alfoz publicaba a versión dixital dos dous tomos e tamén, por separado, un PDF de cada unha das parroquias correspondentes ao Concello, na súa páxina web (www.concellodealfoz.org).
Con bastante demora (non moi xustificada, na miña opinión), o 19 de outubro de 2021 o Concello do Valadouro publicaba a versión dixital dos dous tomos do INVENTARIO DO VALADOURO... na súa páxina web (www.concellodovaladouro.gal).
O caso dos CONTOS DO VALADOURO, que foi anterior, non resultou o mesmo: a publicación das dúas edicións fíxose en editoriais privadas: a primeira (agosto de 1998) en Edicións A Nosa Terra (Vigo) e a segunda, moi ampliada e mellorada (novembro de 2005) en Ediciós do Castro (Sada). Estes contos, transmitidos pola tradición oral até os nosos días, serían irreproducíbeis sen a memoria e a xenerosidade colaboradora de bastantes ducias de persoas de ambos os dous sexos e ambos os dous concellos. Neste traballo de campo (que se intensificou a partir dos anos 80) xogou, como queda manifestado noutra resposta, un papel fundamental Xesús Pisón, que mesmo chegou a recoller contos de entre a neve con premio, entre outros, dunha boa zampullada.
No tocante ao recoñecemento do noso labor por parte da veciñanza, sempre será unha minoría cualificada, mais considero que suficiente. Quen nos dedicamos a isto, e ti, como escritor que es, percíbelo nas túas propias carnes, non o facemos para recibirmos aloumiños. No meu caso polo menos, é unha mestura estraña de amor e filia debida.

Imaxe: Isaac Ferreira (primeiro pola dereita) nunha Ponte Literaria de 2016.
(Foto: LR)



Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-05-2022 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Enhorabuena. Me alegr#blgtk08#o mucho. Un abrazo.
Comentario por Pilar López Carballés (11-05-2022 19:46)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0