 “A solidariedade é a tenrura dos pobos”, dixo a nicaraguana Gioconda Belli, e de certo, non hai sedución máis efectiva que empregar a lingua dos afectos para se dirixir a alguén, penso eu.
Asáltame tal reflexión cada vez que escoito a Mario Obrero (Getafe, 2003), un poeta que descubrín no programa radiofónico “Tres en la carretera” (RNE).
Nunha extensa entrevista na que o autor chega a facer uso de termos galegos onde o castelán queda escaso, íanme abraiando as súas continuas referencias a textos e autoras galegas.
Nesa mesma intervención, o getafense amentara a orixe castelá dos seus, polo que ficaba descartado calquera vínculo familiar co noso país. Non obstante, aínda faltaba o mellor. Contra o final do programa, o autor referiríase á súa obra Peachtree City como A cidade do pexegueiro.
Logo dunha procura de información sobre Mario Obrero, entendín que tales deferencias forman parte da persoalidade e actitude do escritor.
Non tardei en dar de novo co madrileño na radio pública estatal, pois goza nesta cadea cun espazo de seu: “Un poeta en París”.
Hai uns días, a través do devandito programa, os ouvintes puidemos saber que en breve Mario Obrero presentará a súa última obra en Compostela. Con toda a naturalidade do mundo, o poeta explicou a través dun espazo de difusión estatal que para a semana estaría “na Galiza” co gallo da presentación de “Cereixas sobre a morte”.
Á mañá seguinte envieille unha mensaxe á miña libreira de confianza co obxectivo de reservar dous libros: Peachtree City e Cerezas sobre la muerte.
Temos falado recentemente, nesta mesma bitácora, da novidosa actitude de moitos intelectuais e activistas culturais con respecto ás “outras” culturas do Estado, mais o proceder de Mario Obrero é digno, amais de encomio, de estudo.
Estamos a vivirmos unha época dourada no tocante á diversidade cultural? Ou talvez trátase da agardada asunción colectiva do carácter plurinacional do noso Estado? Coido que é ao contrario.
Auspiciada por determinadas formacións fascistas, unha corrente uniformizadora tenta implantarse no Estado español, no entanto, tal operación deu en provocar reaccións como a descrita: Persoas do ámbito das artes ás que o clima social lles espertou a curiosidade solidaria sobre territorios, linguas e culturas absurdamente chamadas minoritarias.
Estes españois, comprenden perfectamente que é a suma e non a resta o que resolverá un crebacabezas oficialmente denominado Reino de España.
Estou seguro de que a posición de Obrero contou con moitos outros estímulos, a meirande parte deles procedente da orde cultural, mais o ambiente que as autodenominadas forzas democráticas continúan a toleraren, está a propiciar sólidas respostas desde o ámbito das artes.
Ofrecerei puntual noticia das miñas lecturas obrerianas.
|