Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
PALABRA! - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PALABRA!
Tanxugueiras é a palabra do ano segundo o Portal das Palabras, unha iniciativa ben churrusqueira que dinamiza considerabelmente en virtude da participación no xogo de persoas que, talvez, no cotián non mostraban grande interese polo vocabulario ou mesmo pola louzanía da lingua.
E chegados aquí, poderiamos optar por comentar o fenómeno Tanxugueiras ou estendérmonos na cuestión das palabras do ano. Para non termos que escoller, comentaremos todo o comentábel.
Na Galiza somos moitos os que nos congratulamos de que o trío musical formado por Aida Tarrío e as irmás Maneiro estea no camiño de representar o Estado no festival de Eurovisión, e celebramos que por primeira vez adquira carta de natureza o que xa debería ser normal, común e frecuente nun estado plurinacional e multicultural.
Que Hespaña (como adoitaba escribir Castelao con sabia intención) fose representada nun concurso de ámbito europeo a través da súa diversidade lingüística é algo que nunca debeu ter esperado para o século XXI. Todo isto asómbranos e énchenos de optimismo, mais non debemos perder de vista que desde certas instancias tal “licenza” aínda ha ser aceptada como rareza ou vista como concesión ocasional.
Por outra banda, a quen tema que tras esta mudanza asistamos a unha eclosión de determinados postulados sociais ou ideolóxicos, preguntarémoslles se logo de sesenta e cinco anos sen presenza do galego, do catalán ou do éuscaro en Eurovisión, tal aberración non terá xerado un pensamento perigosamente reducionista. Non debemos ter medo á diversidade, que por definición é comprensiva e integradora, senón á simplificación obsesiva, empobrecedora por natureza.
A outra vía, igualmente lexítima, sería que todo pobo con características idiomáticas propias puidese participar no devandito festival. A única opción extemporánea e antidemocrática é negar a posibilidade de que determinadas linguas xamais poidan teren presenza.
Xa non é agora o fundamental que o grupo galego acade o máximo éxito no certame musical europeo (oxalá!), o verdadeiro triunfo radica en que a nosa lingua e a nosa tradición musical estean en condicións de representar unha entidade estatal que non contemplou, durante máis de medio século, a nosa realidade cultural; nin a dos outros pobos con lingua de seu.
O affaire Serrat e a posibilidade de levar a lingua catalá a Eurovisión en 1968 aínda non se deu aclarado totalmente na actualidade; agardaremos a que o tempo “desclasifique” o asunto para entrarmos no debate.
Continuemos agora falando de palabras e de anos. Desde hai un tempo observamos, sobre todo a través dos medios, como as xeracións máis novas do Estado español introducen termos en inglés na súa fala cotiá: Random é un bo e actual exemplo.
Escoiteino en ámbitos xeográficos casteláns, mais estas modas absurdas non tardan en chegaren ao resto de territorios e linguas.
Trátase dun fenómeno diferente da invasión de termos oportunistas ou vinculados á tecnoloxía, pois estamos diante dun claro exemplo de substitución por descoñecemento e falta de competencia na lingua nativa.
Resulta que hai mozos, por exemplo, madrileños, que xa non saben dicir “al azar”, polo que introducen o termo random. Estou seguro de que son os mesmos que din aprox ignorando que se trata dunha abreviatura, ou que confunden prototipo con arquetipo e estereotipo. Por iso, para explicar que desbotan a alguén como parella, afirman que a persoa en cuestión non representaba o seu prototipo, como se se tratase do bosquexo dunha máquina.
Outra metedura de zoco que xa chegou á Galiza e ao galego é a confusión entre os adxectivos mítico e típico, dous termos en absoluto emparentados nas súas acepcións.
Son os míticos rapaces que van a todos os concertos de hardcore, teño escoitado, como se na costume que os fai típicos se tivese entrometido a mitoloxía.
Daquela e perante tales casos, estamos ante mostras de multilingüismo, dunha manifesta deficiencia educativa, de falta de lecturas ou de empobrecemento da lingua propia? Cualificalo de ignorancia supina resúltame condenatorio de máis, polo que deixarei ao criterio do lector a avaliación da cuestión.
A alarma saltárame hai uns anos, cando nunha conversa arredor de personaxes do audiovisual, alguén teimaba en facer referencia a un alien, ignorando por completo a existencia do termo extraterrestre.
Se non desexamos que entre xeracións de falantes do mesmo ou mesmos idiomas, uns cheguen a sentírense aliens e outros extraterrestes, convén coidar a lingua, todas as linguas, e continuarmos a votar con ilusión pola palabra do ano, polo menos até que Galiza poida ser representada por Ialma, con pleno dereito, no festival de Eurovisión, que disto xa se falou aló polo 2003 na edición celebrada en Riga… Palabra!


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-01-2022 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0