Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
VIAXANDO POR DOUS LIBROS (DE VIAXES) A UN TEMPO - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

VIAXANDO POR DOUS LIBROS (DE VIAXES) A UN TEMPO
Neses mercados do libro usado que teño amentado en múltiples ocasións, atopei, en datas diferentes, Pelerinaxes I, de Ramón Otero Pedrayo, e Viaje a La Alcarria, de Camilo José Cela.
Metade por casualidade e metade por vontade, fíxenlles coincidir no tempo de lectura.
Densa e tortuosa é a prosa de Otero, aínda que poética e retórica até a extenuación, feitos todos que contribúen a que a súa pelerinaxe non se dea rematado de ler nunca; no entanto a viaxiña castelá do padronés percórrese nun santiamén. Certo é que Cela apenas profunda en nada, ao contrario do de Trasalba, quen semella analizar ao microscopio cada aldea tripada. Non en van, Otero Pedrayo é hipercrítico por veces, e técnico de máis en numerosas descricións.
É boa verdade que toda lectura constitúe unha viaxe, mais cando o xermolo do argumento ten agromado durante un traxecto, a sensación envolvente é aínda maior.
Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández Oxea “Ben-Cho-Sey”, realizaron a súa andaina cara ao santuario de Santo André de Teixido (a pé boa parte dela e en faco o derradeiro tramo) no ano 1927, pensando en dar ao prelo outras peregrinaxes de coñecemento e lecer á parte da intitulada como primeira, mais nunca se chegou a dar testemuño literario dunha outra camiñada.
As ilustracións deseñadas por Risco (tamén é o prologuista) amenizan un texto que agradece cada debuxo estampado nas súas páxinas, pois, sendo sinceros, diremos que a narración presenta certa aridez en determinados momentos. Por certo, don Vicente foi vetado naqueles días como conferenciante na vila de Ortigueira.
Aínda sen transmitir fartura, nesta obra descríbese unha Galiza sen fame. Certo é que naquela altura a emigración deixara ben espazo a quen ficara traballando os eidos nativos, malia que os chés (alcume que Otero dá aos retornados) sexan vilipendiados polo autor en máis de unha ocasión.
Digna de encomio é a oda Ó xamón versificada por don Ramón tras unha catadura arrebatadora. Porén, menos entusiasmo mostra o autor á hora de aludir á Garda Civil, ente do que transmite unha pobre consideración.
Ben máis ao sur, Cela fixo a súa viaxe (a pé, en coche de liña, en carro…) entre 1946 e 1947, nunha terra xa asolada pola miseria sementada na guerra e a posguerra, e tal factor coñécese tamén na idiosincrasia descrita.
En Viaje a La Alcarria o autor emprega unha redacción apurada, deténdose por veces en nimiedades que nada aportan, no entanto, na obra introdúcese unha mostra do cancioneiro da rexión alcarreña. A presenza destas coplas de tradición oral (que non figuraron en todas as edicións) adozan un chisco a frialdade da prosa deste autor.
Presumo que a edición facsimilar de Pelerinaxes I publicada por Ediciós do Castro en 1993 é hoxe difícil de atopar (o meu exemplar é o número 170 dunha exclusiva tiraxe de 1000), mais teño noticia de que a Editorial Galaxia lanzou hai poucos anos unha reedición destas históricas páxinas publicadas en 1929 pola coruñesa “Nós” Pubricacións Galegas e Imprenta.
Polo contrario, a viaxe celiana pola Alcarria é doada de encontrar en calquera biblioteca pública. Eu manexei unha edición de 1982 da colección Austral de Espasa-Calpe, por certo, con evidentes sinais de ter sido empregada con fruición unha e outra vez.
Gozar coa literatura de viaxes non só impulsa o lector a viaxar de maneira real, senón que lle aprende a camiñar cos ollos adestrados, co cadernos de notas pronto, e coa curiosidade convenientemente exercitada.
Ende ben, coñezo algo da Alcarria e mais outro pouco dalgunhas bisbarras descritas por Otero Pedrayo na particular peregrinaxe ao santuario cantábrico (a camiñada comeza en Ourense e remata en Viveiro), mais de boa gana visitaría agora determinados lugares que a tríade galeguista plasmou a través da pluma de don Ramón e do lapis de don Vicente.
Existe unha película documental inspirada nesta narración, a fita toma o título da obra literaria e foi dirixida en 2016 por Simone Saibene.
Ler as reflexións de Otero Pedrayo tras o percorrido por numerosas poboacións do noso país, evocoume a primeira guía de viaxeiro que caíu nas miñas mans, aquela Guía de Galicia da Editorial Escudo de Oro que debullei até o desencadernamento hai tres décadas, cando da Galiza me separaban seiscentos quilómetros. Deste libriño de saudades e aprendizaxes falaremos outro día.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-12-2021 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0