Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A TEIMA DE FRIVOLIZAR COA EMIGRACIÓN - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A TEIMA DE FRIVOLIZAR COA EMIGRACIÓN
Lendo unha entrevista a Xesús Fraga, recentemente galardoado co Premio Nacional de Narrativa pola súa obra Virtudes (e misterios), souben que a novela Diario de un emigrante, de Miguel Delibes, supuxo un texto de cabeceira para a súa familia durante os anos de éxodo.
Por tal motivo, dei en buscar na miña biblioteca particular esta obra de Delibes que aínda tiña por ler.
Agradézolle a Fraga terme “suxerido” un autor co que aínda non estabelecera unha corrente de familiaridade.
Diario de un emigrante foi publicada en 1958 e desenvolve a súa acción nesa mesma época, dúas décadas despois da Guerra Civil.
Facendo honor á verdade, debemos dicir que esta novela reproduce varios dos clixés apostos ao fenómeno migratorio (decepción do emigrado, inhumano esforzo laboral, ansia por disfrazar as situacións críticas, ínfulas do retornado…), é dicir, o tal diario inocula subrepticiamente o consello de ficar na terra sen se deixar levar pola cobiza, dando a entender que todo emigrante procura a opulencia, e obviando, non sei con que intención, que a meirande parte das diásporas migratorias foron motivadas pola necesidade.
A subxectividade planea por enriba de cada páxina de Diario de un emigrante, un texto que se recrea no fracaso dun personaxe que busca a riqueza en Chile mentres deixa no seu país unha praza de funcionario. Talvez con estes poucos datos fica esclarecido o despropósito argumental.
Penso que se o título fose Diario de un cazafortunas, non habería nada que obxectar, mais pretender glosar a emigración desde un punto de vista tan frívolo e indocumentado, clama ao ceo. Aínda que debemos dicir que non é Delibes pioneiro nesta práctica perversa, pois non resulta difícil escoitar voces a acharen consolo nos tópicos.
Non somos peores nin mellores os descendentes de emigrantes, e se de tópicos falamos, coido que uns (os fillos dos que ficaron no país) e outros (os dos que emigraron) imos servidos.
Teño observado en certa xente unha satisfacción insá ao coñecer determinadas penurias atribuídas á emigración, como si quen non emigrou (ou considera que ningún proveito tirou do fenómeno) se congratulase do mal padecido por quen saíu polo mundo.
Á parte dese tufo acedo e suíño exhalado polo texto, a novela contén trazos interesantes.
Diario de un emigrante está pragada de castelanismos na súa primeira parte e de chilenismos na segunda. Isto, que non deixa de empecer unha lectura áxil, enriquece o texto ao deixar constancia de dúas variantes tan distantes no xeográfico, e porén, adscritas ao mesmo diasistema lingüístico. Porque cando dicimos castelanismos estamos a referirnos á específica variante dialectal da Castela setentrional, e non a modismos propios do corpus xeral hispánico.
Por veces, a linguaxe coloquial e vulgar do protagonista chega a fartar pola súa profusión e reiteración de frases feitas, mais, como documento lingüístico o interese da obra é indubidábel.
Se a decepción me animou a algo, foi a ler Virtudes (e misterios), unha obra que presumo narrada desde o interior do fenómeno.

Imaxe: Edificio do ‘Centro Gallego’. Buenos Aires
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-11-2021 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0