Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AFINIDADES ELECTIVAS

De tal maneira se denomina a actividade financiada pola Dirección Xeral do Libro (organismo de ámbito estatal) á que puidemos asistir o pasado mércores na vila de Foz. A experiencia consiste en convocar dous autores a traballaren en cadansúa lingua, co obxectivo de os someter a unha serie de cuestións relacionadas cos seus hábitos e teimas no transo da ideación narrativa.
Co auspicio da libraría Bahía, Berta Dávila e Juan Tallón foron “enfrontados” a un acareo oficiado pola xestora do citado comercio.
A compostelá e o vilarexo procederon a despezaren polo miúdo, non unha das súas obras en concreto, senón a novela como artefacto, tal como quen explica o proceso de activación dun explosivo.
Desde o xerme que inspira o contido até o labor de expurgado textual, a xénese dunha narración foi exposta de xeito técnico, crú, íntimo.
Experimentei a sensación -sentado entre un auditorio enmascarado e distanciado por orde gubernativa- de que tanto Dávila como Tallón se viron por momentos acurrados por unhas cuestións de respostas imposíbeis.
Preguntariamos a alguén como fixo un fillo e con quen? Considero que así se sente un autor cando os seus lectores lle exixen a ecografía do feto literario.
Tivo lugar contra o final do acto un instante revelador. Sucedeu cando Juan Tallón confesou que “Un autor non tira nada”, facendo referencia ao feito de que toda vivencia ou sensación fica rexistrada na mente do escritor, para, máis tarde ou máis cedo, acabar alimentando algunha das súas creacións.
Pola súa banda, Berta Dávila obsequiounos cunha concesión de outra tanta valía, cando afirmou que o autor adoita facer “cameos” nas súas obras. Talvez, esta forma de explicalo resulte a máis pedagóxica e acertada para describir a achega persoal do escritor, nomeadamente cando é interrogado coa sempiterna pregunta: Canto de autobiográfico ten este libro?
Quizais, este experimento chamado Afinidades electivas estea resultando interesantísimo para as persoas vinculadas, dun ou doutro xeito, á literatura, no entanto, non sei até que punto o gran público se vai sentir atraído pola disección do proceso creativo literario.
Se o presente exercicio, no canto de presentarse dun xeito tan xenérico, atendese á análise pormenorizada de obras específicas, o lector común non se vería tan afastado dun debate que semella pensado para profesionais das letras.
Entre o obradoiro literario e o club de lectura existe un amplo espazo de posibilidades, nel deben procuraren o seu oco as Afinidades electivas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2020 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal