Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O AGOCHO DE BÉCQUER
Non vos ten “desaparecido” nalgunha ocasión un volume da vosa biblioteca particular? Non me refiro a libros descoidados por visitantes ou mesmo por outros moradores do fogar, senón a volumes que sabedes, positivamente, que repousan aí, nos andeis do voso santuario libreiro, e que non dades encontrado por moito que remexades.
Aconteceume con don Gustavo Adolfo Bécquer estes días.
Desde hai semanas desexaba reler o autor sevillano, e aínda por riba, os medios non cesaban de evocar o 150 aniversario do seu pasamento.
Sen lugar a erro, eu sabía que Bécquer obtivera praza fixa na miña biblioteca… Mais nunca xurdía cando eu puña en práctica os meus voos de recoñecemento inspirados na memoria fotográfica.
Memoria fotográfica, si. Porque, por moita orde que teñas estabelecida na biblioteca, e por rigorosas que sexan as relacións de títulos confeccionadas (non é o meu caso), unha sorte de instinto visual adoita guiarte até o lugar onde mora o volume en cuestión. Mais as miñas buscas resultaban infrutuosas.
Despois de todo, un erro da memoria estaba a me desorientar. Eu rastrexaba convencido de que o meu exemplar de Rimas y leyendas pertencía á editorial Publimexi, pois atesouro varios libros deste selo mexicano consagrado a editar clásicos de todos os tempos (Miguel Hernández, Neruda…), no entanto, o meu volume fora publicado polo selo castelán Alba-Libsa.
Por fin, hai uns días, tras unha exhaustiva busca que incluíu reordenación e limpeza de sustentáculos, don Gustavo acabou por se manifestar.
Coma unha aparición fantasmal das que tanto inspiraron o autor, Rimas y leyendas xurdiu en terra de ninguén: Entre un manual de introdución á socioloxía e mais as peripecias de Sherlock Holmes. Que ironía!
Non é a primeira vez que os libros xogan á lebrescura comigo.
E de novo puiden reler e mesmo ler o que non lera. Comecei por El monte de las ánimas, unha narración desas que tanto gustaron noutro tempo e que hoxe, presumo, foron superadas polos efectos especiais da cinematografía. Non digo que o cinema sexa capaz de tocar frebas que a literatura non poida facer vibrar, senón que o usuario en busca de emocións fortes, conmóvese antes pola imaxe ca polo argumento escrito. Ou? Isto daría para un bo debate.
Quixen ver neste relato, reminiscencias dun mito nórdico denominado a cazaría salvaxe, visión fantasmal vinculada á tradición cinexética.
Deixo as rimas para outra ocasión e continúo coas lendas, agora pola orde estabelecida no libro. O interese espertado por cada contiño é desigual, do mesmo xeito que varían as reaccións durante a súa lectura. Nalgúns casos, a recreación deleitosa obrígate a volver a certas páxinas, noutros, en cambio, desexas rematar decontado para dar cun texto máis vibrante.
Encontraremos en Los ojos verdes o recorrente mito das ninfas fluvias, adobiado polo sempiterno romanticismo do autor.
Mais, para min, a mellor das nove narracións presentes en Rimas y leyendas é La promesa, unha pequena xoia que nos trae noticia da literatura oral do XIX.
Resumindo: Por riba de recomendábel, imprescindíbel.
Hoxe diríase deste expoñente da corrente romántica que foi un gótico incorrixíbel, pois que o seu gusto polas ruínas, polos misterios da morte e pola premeditada confusión entre paixón e dor provocada pola ausencia, encádrano perfectamente nesa estética que gañou adeptos nas últimas décadas. Eses resortes detonantes do pracer morboso, son concretados polo autor nun sintagma sinxelo: “Todo lo desusado y maravilloso”.
Non deixemos de nos deleitar co riquísimo castelán decimonónico e empreguemos o diccionario sen rubor; obviemos o antisemitismo exhalado por algúns dos textos -é froito dunha época en que as hoxe invocadas tres culturas se aveciñaban en Toledo ignorando que convivían- e non caiamos na tentación de censurar un poeta nacido cen anos antes que Foise co vento (a novela).
Polo contrario, reflexionemos sobre a época en que as narracións de Bécquer engaiolaron xeracións enteiras.
Calquera tempo pasado supón unha aprendizaxe. Non prohibamos as obras, desterremos si, os idearios que pretenden facérmonos retroceder.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2020 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal