Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN DRAMATURGO FLAMENGO
Nunha das acostumadas “doazóns espontáneas” da Ponte Literaria, fixérame cun opúsculo intitulado Máxia Vermella, obra dramática que aínda non degustara e que lin estes días de alarma e corentena.
Escrita por Michel de Ghelderode en 1931, a obra foi editada en galego hai trinta e cinco anos, grazas á tradución realizada por Francisco Pillado para o selo Libros de Teatro Don Satúrio.
De Ghelderode é un dramaturgo flamengo pouco coñecido no noso ámbito, mais moi celebrado, por exemplo, na Arxentina. Seguramente, a obra máis célebre deste autor é Escurial-Hop, Signor!, unha sátira sobre a ocupación dos Países Baixos por parte dos Habsburgo-Austria ibéricos.
Máxia vermella, o título que nos ocupa, conta cun prólogo da profesora Maria Pilar Garcia Negro (respéctase aquí a grafía reintegracionista presente na edición), escrito onde se tratan con xenerosidade as interioridades da obra.
Na opinión dun servidor, a preeminencia do personaxe protagonista fará que tras a lectura, rematemos algo fartos dos longuísimos monólogos de Xerome, auténtico factótum da comedia. Porén, non dicimos con isto que non se trate dunha obra de interese, sobre todo polas mensaxes que emana, todas vinculadas á cobiza e á adicción aos bens materiais. Non obstante, contra o final do texto descubriremos que moitas desas ambicións desaforadas ocultan o medo á morte, ou talvez unha sorte de afán de transcendencia.
Expón cumpridamente a prologuista as influencias recollidas polo autor e mais as sementes que planta, inferindo que Michel de Ghelderode déixase influír polo protosurrealismo pictórico dos seus compatriotas, do mesmo xeito que ensaia co absurdo no drama, achaiando o camiño que vai tripar, con grande éxito, o mesmísimo Ionesco.
Obriña recomendábel como curiosidade, pois non todos os días podemos accedermos á creación dun dramaturgo flamengo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2020 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal