Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

EPIDEMIA
Robin Cook, ademais de novelista, é médico. Este norteamericano escribiu hai trinta e tres anos un texto angustioso, unha obra que sen ser de calidade, resultará terribelmente ilustrativa nestes tempos que nos toca padecer. Dito queda, non é unha boa novela, máis si reveladora.
A obra en cuestión intitúlase Epidemia (Outbreak na edición orixinal) e chegou ás nosas latitudes da man de Plaza & Janés, nunha versión en castelán de Raquel Albornoz. Pese a teren transcorrido máis de tres décadas desde a súa publicación, a lectura desta novela desvelaranos inquietantes intrigas cultivadas nas altas esferas.
Todo brote vírico conta, non só cunha orixe, senón tamén cunha motivación, e a que coñeceremos durante a lectura de Epidemia provén das buracas da profesión médica, da ultradereita estadounidense e en definitiva, duns bastardísimos intereses económicos avivados polo clasismo.
Xa dixemos que esta obra non ten grande interese desde o punto de vista literario, non resulta amena nin moito menos adictiva, mais convén lela para abrirmos os ollos e chegarmos a certas conclusións.
A redacción, pobre e excesivamente técnica (propia dun profesional da ciencia), faranos sentir o impulso de deixar a lectura en máis de unha ocasión, sobre todo cando asistamos á tentativa –escasamente exitosa- de introducir tramas amorosas para enriquecer o texto.
“Probablemente de la extrema derecha (…) limitar la inmigración de médicos extranjeros, impedir que se establezcan subsidios por salud (…)”
Neste breve extracto podemos encontrar boa parte da cerna desta novela. Non nos soa de algo todo disto? Cavilemos.
Epidemia foi escrita e publicada en plena vaga de psicose pola Sida, mais o virus que escolle Cook para esta trama é o Ebola, o mesmo que nos fixo tremer na vida real hai seis anos.
“Todas las clínicas de sistema de salud mediante pago adelantado comenzaron contratanto a grandes cantidades de médicos del extranjero. Los graduados estadounidenses se inclinan por el ejercicio privado de la profesión”.
Descríbenos don Robin a implantación dun tímido esbozo de seguro social no seu país, proxecto que desencadea unha cruzada destrutiva auspiciada por un escuro comité e mais polo republicanismo norteamericano, auténticos trasuntos literarios do conservadurismo adiñeirado, retrógrado e fundamentalista.
Encontraremos dúas referencias curiosas en Epidemia: Unha ao teléfono móbil (falamos de finais dos ’80) e outra á obra A peste, de Camus; lóxica pura, rabiosa vixencia.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2020 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal