Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NÓS, NO ESPELLO DO HISPANISMO LINGÜÍSTICO
Cando eu era neno existía un programa da TVE chamado 300 millones; viña sendo aquel espazo, unha sorte de magazine con ínfulas de late night emitido en prime time.
Presentado polo galego Pepe Domingo Castaño, 300 millones emitíase para todos os estados hispanófonos, facendo constante alarde cuantitativo dos trescentos millóns de persoas que, naquela altura, falaban castelán no planeta. Non obstante, a cifra facía referencia á suma –en bruto- dos habitantes de canto país cadrara, administrativamente, baixo o paraugas oficial do castelán, xa que logo, a conta proporcionaba un número cuestionábel, pois deses trescentos millóns de censados non todos mantiñan como lingua principal a castelá, e mesmo algúns xamais foran alfabetizados neste idioma.
Hoxe, aqueles famosos e optimistas trescentos millóns experimentaron un incremento nada fácil de cuantificar, pois intereses e chauvinismos deseñan un arco de posibilidades que vai desde os 337 millóns até os 577, pasando por unha gama de opcións para todos os gustos.
E a teoría da burbulla continúa a vernizar cifras cun oportunismo hispanófilo que parece obviar certos factores socioculturais.
É preciso recordar algo que non sempre se matiza convenientemente á hora de tratar a realidade lingüística do continente americano: Desde o Río Grande até Tierra del Fuego, unha infinidade de linguas sobreviven desde hai séculos á predominancia de dous xigantes idiomáticos, o castelán e o portugués, e ao mesmo tempo ao influxo ubicuo do inglés.
Outro tanto acontece desde o Bering até a terra Tex-Mex, onde, con moitas máis dificultades, as linguas amerindias continúan vivas. Así e todo, debemos sinalar que o síux vén de ser recoñecido como idioma oficial nun dos estados dos USA. Do mesmo xeito, cómpre non esquecer que en Alaska existen vinte linguas oficiais á parte do inglés, ou que no leste do estado canadense, o francés é empregado por sete millóns de québécois.
De tal xeito, non podemos caer na inxenuidade de pensar que na América latina existen dúas grandes linguas vehiculares e o resto son vestixios residuais acantoados na selva, nada máis lonxe dunha realidade que cobra vigor día a día. As reivindicacións vinculadas cos trazos culturais indíxenas viven un momento de esplendor, e o rexurdimento das falas vernáculas obtén hoxe alta consideración nas sociedades latinoamericanas.
Vaiamos aos exemplos prácticos: O guaraní posúe rango de oficialidade no Paraguai –onde é comprensíbel para o 90% da poboación-, en Bolivia e en territorios da Arxentina -tamén se fala en áreas do Brasil-, a lingua do pobo mapuche (440000 falantes entre Chile e Arxentina) é oficial en territorios chilenos, a lingua maia acaba de introducirse no ensino mexicano, e así poderiamos continuar falando do quechua (ao redor de oito millóns de falantes), do aimara (máis de dous millóns de falantes) ou dos diferentes patois do Caribe.
Mais existe un caso paradoxal que abanea os alicerces do soño hispanófilo. As famosísimas comunidades hispanas asentadas nos Estados Unidos de América (o lobby latino, o voto latino, o spanglish…) representan o gran motivo de orgullo para a hispanofilia militante, porén, a colectividade latinoamericana dos iuesei non está proporcionando ultimamente grandes alegrías aos apóstolos do "español".
Como pode ser, pregúntanse os medios de comunicación menos sensacionalistas, que o número de mexicanos e centroamericanos medre sen cesar nos EUA e no entanto, o índice de castelanfalantes sufra un estraño estancamento? Porque as xeracións máis novas, contéstanse os redactores limpando as bágoas coa bandeira, substitúen decontado a lingua familiar polo inglés.
Non imos elaborar aquí e agora un tratado sobre a diversidade lingüística de América, tan só avivar memorias e recordar que un inxente número de linguas precolombinas manteñen vixencia, falantes e valedores, influíndo desde sempre nas cifras de censos fatuos.
Por certo, moi pouco escoito falar no eido hispanófilo do antiquísimo castelán dos sefardís, cando existen, segundo algunha estimación, máis de dous millóns de falantes diseminados polo planeta, non obstante, é o estado de Israel o receptor da meirande parte destes descendentes dos xudeus expulsados dos antigos reinos de Aragón e Castela.
Da prosperidade de calquera idioma me congratulo, e todo devalo lingüístico me contrista, pois toda lingua me resulta próxima, e a castelá en concreto, moito.
Existe un Instituto Cervantes que difunde a boa nova da lingua hispana polo mundo adiante, do mesmo xeito que existe un Instituto da Cooperaçao e da Língua Camoes con idéntico propósito para o portugués, calquera das dúas institucións representan magníficas iniciativas que deben ser contempladas pola cidadanía galega, pois que contribuímos ao financiamento da primeira e cadramos baixo o ceo protector de ambas as dúas (en maior ou menor medida, o Instituto Cervantes mantén o compromiso de difusión do galego, do catalán e do éuscaro).
Falouse, hai tempo, da creación dun Instituto Castelao para a divulgación da riqueza filolóxica da Galiza no exterior, mais, supondo unha magnífica idea, de nada serviría baixo o mandato de gobernos autonómicos a faceren o posíbel por limitaren o uso do galego dentro do país.
Resultaría moi útil que os galegos, como comunidade lingüística, nos mirasemos no espello da hispanofilia militante (a invocación continua da presenza latina en Norteamérica, o activismo institucional desde a Casa de América de Madrid, os premios Cervantes como nexo coas letras hispanoamericanas…) para ver como incluso as posturas máis xenófobas, son partidarias de robustecer o vínculo que une o castelán peninsular coa fala imposta no século XV ás terras que hoxe chamamos América.
A galaicofonía tamén pode ser transmutada nunha útil galaicofilia, non só desde un punto de vista eminentemente cultural ou romántico, senón considerando ao tempo vertentes económicas e sociais (interacción literaria, proxección da nosa riqueza e peculiaridade léxicas, atracción de congresos e simposios a territorio galego…), ou é que non temos nada que dicir desde a nosa Atlántida fundacional?

Imaxe: Lila Downs. Esta cantora oaxaqueña emprega o mixteco, o zapoteco, o maia, o perépecha e o náhuatl nas súas interpretacións.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2019 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal