Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

2020: O ANO PARA DEBATER AS OPORTUNIDADES DA GALAICOFONÍA
A quen o exercicio da resistencia xa non nos colle novachos, quédanos, como consolo, a disidencia.
Nos anos noventa convivían na Galiza tres normas ortográficas (só unha estaba recoñecida pola RAG), a oficial –deliberadamente afastada do tronco orixinario-, a denominada mínimos reintegrados –confeccionada desde a AS-PG- e máis a de máximos reintegrados –elaborada polo profesor Ricardo Carvalho Calero e abeirada pola AGAL e os numerosos grupos reintegracionistas existentes naquela altura-.
Eu escribín en mínimos reintegrados até que a suposta norma da concordia -promulgada pola entente ILG-RAG en 2003- me ilusionou como a tantos disidentes lingüísticos que, en aras da unidade, demos en desbotarmos as acentuacións e os vestixios léxicos que nos aproximaban ao código internacional empregado polo galaicoportugués.
O galaicoportugués é a orixe do actual sistema oral de todo o oeste peninsular, e por extensión, daqueles estados onde hoxe o portugués é lingua oficial.
Rexeitar, encubrir ou ocultar este feito, vai en menoscabo da cultura galega (non só da lingua), pois, independentemente da nosa orientación sociopolítica, debemos ter presente que a cultura coa que mantemos un parentesco máis directo, é coa portuguesa.
Sei que moitos compatriotas preferirían parentelas exóticas, no entanto, negar as evidencias avaladas pola ciencia, non só e cuspir para arriba, senón esgarrar na face dos nosos devanceiros, e tamén na dos nosos descendentes.
A demorada escolla de Carvalho Calero como persoeiro simbólico do próximo Día das Letras Galegas non pasará inadvertida, pois todo o que vimos de recordar será explicado reiteradamente desde determinadas entidades, e isto, necesariamente, suscitará debates e propiciará o xurdimento de adeptos, de reaccionarios e tamén de indiferentes.
Alén de sermos partidarios ou non da norma baseada no galegoportugués de Pessoa e de Nélida Piñon, debemos teren moi presentes as posibilidades que nos ofrece unha normativa ortográfica de ámbito internacional, nomeadamente nun momento en que se nos fai imprescindíbel, como pobo, mantermos vínculos coa globalidade (institucionais, culturais e mesmo afectivos).
Galego e portugués forman hoxe o que os lingüistas denominan un diasistema, é dicir, unhas variantes moi próximas esgazadas dun tronco común.
Mais, constitúe o noso un caso único? En absoluto, no resto do continente europeo podemos encontrar varios diasistemas lingüísticos. Sen irmos máis lonxe, o occitano e o catalán forman un, reforzado ademais pola variante aranesa e os seus 4500 falantes.
O escandinavo constitúe un diasistema gallado nas variantes faladas en Suecia, Noruega e Dinamarca. Do mesmo xeito, diversas variantes empregadas na rexión balcánica conforman o denominado diasistema eslavo, e poderiamos continuarmos citando exemplos, mais é de supor que o galegoportugués non precisa máis cartas de natureza ca as outorgadas pola propia historia e os seus 250 millóns de falantes.
É un caso único a nosa discusión normativa? Tampouco niso o galego carece de “xurisprudencia”. Nos últimos anos, a lingua alemá abriu un debate –non exento de polémica, de desercións e de detractores- no ámbito xermanófono (Alemaña, Austria, Suíza, Luxemburgo, Liechtenstein, leste de Bélxica, comunidades históricas asentadas en Romanía e Hungría…) á procura dunha simplificación ortográfica, e parece ser que as mudanzas adoptadas non acabaron de compracer a todos os interesados, polo cal, na actualidade aínda se alzan voces partidarias de desandar o camiño feito.
Os nosos veciños do ámbito castelanfalante teñen unha fronte aberta no sur da península, onde cada vez é máis frecuente ler –e escoitar pronunciado á mantenta- Graná e Cai para facer referencia ás cidades de Granada e Cádiz, ou observar o xentilicio territorial escrito de maneira fonética, andalú. Non en van, o castelán de Andalucía é denominado no seu Estatuto de Autonomía “Modalidad lingüística andaluza”.
Cando recibo mensaxes electrónicas desde Arxentina, non sempre me resulta doado ler aquel castelán enriquecido por centos de linguas de emigrantes e modismos propios do país austral, mais nunca o tomei como unha dificultade senón como unha oportunidade de aprendizaxe.
En definitiva, ningún idioma permanece alleo ao influxo das variantes dialectais nin libre das controversias sobre a normativa ortográfica.
Durante o 2020, preséntasenos a mellor ocasión para discutir, como colectividade lingüística, a conveniencia de continuar virando as costas ao ámbito galaicófono -o noso auténtico espazo idiomático- ou sumármonos a ese convoi cultural no que viaxan a morna, a bossa nova, a dozura de Carminho e de Salvador Sobral e tamén os familiares ritmos de Tanxugueiras, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, d’A banda da loba, de Sabela Ramil, de Ezetaerre, de Ialma, de Caxade…
Non supón a actual norma ortográfica do galego unha boa ponte de comunicación e acceso cara ao exterior, nomeadamente con respecto ás outras variantes galaicófonas espalladas polo planeta.
Verbo do galego da Galiza, a elección das grafías –e tamén a fixación do seu léxico- foi executada baixo unha especie de complexo de inferioridade illador, vernizado cunhas aspiracións de superioridade moi semellantes á dos candidatos a señores medievais, aqueles que ao mercaren títulos nobiliarios pretendían tinguir o seu sangue de azul.
“Temos umha língua mundial” proclama un mural deseñado a carón da estación ferroviaria de Burela, localidade onde mercé a iniciativas integradoras coma o Modelo Burela, o galego é falado por cidadáns oriúndos de diversas partes do mundo.
Grazas a esa lingua mundial estamos seguros de que o noso idioma nunca correrá perigo de desaparición, porén, por factores que temos exposto noutras ocasións, atópase en serio risco a variedade falada polo pobo galego.
Carvalho representou a liña ortodoxa á hora de normativizar o idioma galego, propondo a adopción do nh, do lh, do ç e doutros trazos propios da convención vixente. Hoxe, o galegoportugués escríbese universalmente cunha grafía unificada que facilita a comprensión e a comunicación a millóns de usuarios; en todo o mundo agás na Galiza, o territorio onde naceu un idioma empregado hoxe por 250 millóns de persoas.

Imaxe: Mural nunha rúa de Burela

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-12-2019 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal