Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PINEDA VS PEDROSA, TAMÉN NA ACTUALIDADE
Ler Mariana Pineda vén sendo como recrearmos algunhas das inxustizas e excesos aos que estamos asistindo hoxe. A heroína de Granada foi executada en 1831 e o seu delito, parece ser, non ía alén de bordar unha bandeira liberal (ou talvez masónica), aínda que tamén se especula con que o xuíz Pedrosa demandou a pena máxima por un motivo alleo a matices ideolóxicos: A muller non sucumbiu ás súas insinuacións. Si, unha rabiosa actualidade que xa o era no século XIX.
O meu libriño é unha edición de 1977 da colección Novelas y Cuentos, unha iniciativa histórica do selo editorial El Magisterio Español. E neste humilde volume puiden “asistir” ao drama que García Lorca escribiu sobre a ínclita Mariana Pineda.
O nome da granadina é tamén o título da obra, mais o libro en cuestión inclúe outras dúas obras dramáticas: La zapatera prodigiosa e Bodas de sangre.
Existía un outro motivo para que esta obra suscitase o meu interese: O detestábel Ramón Pedrosa foi nado no Alfoz do Castrodouro, concretamente na parroquia de Adelán.
Coñecía o dato desde hai tempo, e sentía curiosidade por unha historia que, como xa dixemos, semella estar reproducíndose na nosa sociedade, nuns momentos en que a maioría social parece estar afacéndose á limitación do pensamento e á punición da opinión.
Exaxeramos? Repasemos a actualidade. Actores, cantantes e humoristas encausados polo contido das súas creacións artísticas, símbolos inofensivos vetados en ámbitos públicos, temor entre os artistas pola estreita liña entre o permitido e o condenábel… Mais, foi sempre así?
Pese a non vivirmos nunha democracia consolidada nin alicerzada nunha fonda tradición, houbo tempos menos maos, tempos en que se distinguía claramente entre a comisión do delito e a recreación do delito como argumento. Como sempre, salvaranos a cultura.
E xa que estabamos co libro de Lorca empezado, porque non continuar lendo La zapatera prodigiosa?
Esta obra recordoume moito as pezas representadas na actualidade polos grupiños de teatro amador, aínda que, con humor e divertimento, a man mestra de Lorca non deixa de coñecerse en cada liña.
É a desta zapateira repugnantiña unha comedia deliciosa, envolvente e un punto infantil, inzada de copliñas populares e doutras, supomos, ideadas ad hoc. O texto todo xorde inzado de indicacións destinadas tanto ao elenco interpretativo como ao director de escena, suxerindo mesmo propinar algún bastonazo aos actores que non se amolden ás exixencias do texto.
Enredos matrimoniais, diferenzas de idade entre os cónxuxes, azueiras da veciñanza… Todo moi costumista e moi impregnado da tradición rural, mais coa sabenza de don Federico velando pola calidade.
E o texto que pon fin ao volume en cuestión é Bodas de sangre, unha obra xenial, a obra total, en definitiva A OBRA.
O autor de Seis poemas galegos escribiu Bodas de sangre tres anos antes de ser asasinado polos sublevados fascistas, e recreou no drama aquela Andalucía remota das navallas na faixa e os odios herdados. De novo, romances e coplas adornan coa voz popular a riquísima redacción lorquiana, pondo ao noso alcance unha boa mostra da tradición oral recollida polo autor.
Considero que todo lector ibérico debe ler esta obra para entender as letras dunha época escurísima, a que precedeu a outra non menos negra, cando un escritor podía morrer polas súas tendencias, quer privadas quer sociais.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-09-2019 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal