Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN MINOTAURO DE TRINTA ANOS
En 1989 Sotelo Blanco Edicións publicaba O minotauro, unha novela de Xosé Fernández Ferreiro da que non tiven moita noticia até este mesmo verao.
O minotauro é todo un experimento afectado por diferentes ventos literarios, condicionado polas correntes vixentes no momento da súa redacción e tamén polas de épocas anteriores, pois a novela recende a boom latinoamericano –con respectábel factura-, evocando El otoño del patriarca en boa parte do argumento.
O desaparecido Ferreiro zuga da mitoloxía clásica e mesmo artella unha versión sui generis da lenda xacobea, logrando en resumidas contas unha novela máis mitolóxica ca canonicamente fantástica. Para evitar as puntualizacións dos puristas neste asunto, recordaremos que O código da Vinci foi cualificada por algún experto como novela esotérica, rexeitando categoricamente a etiqueta “fantástico” para o devandito texto.
Falamos dunha novela interesante, confeccionada para deixar pegada no lector e mesmo para non pasar inadvertida no sistema literario galego; o debate sobre este último punto deixarémolo para outro día.
Achegueime a Fernández Ferreiro a través de Agosto do 36 un verao de hai moitos anos, sendo eu aínda un neófito nas lecturas en galego. Tentei unha nova experiencia con Corrupción e morte de Brigitte Bardot, atraído sobre todo por unha trama ambientada no Madrid da posditadura, mais o libro caíame das mans e houben desistir.
Non obstante O minotauro supuxo unha interesante lectura, pese a tratarse dun texto por expurgar -mais isto xa é responsabilidade da editora- e sometido á ondaxe normativa de hai tres décadas. No apartado das críticas negativas destacaremos unha narrativa algo descoidada, nomeadamente contra o final do texto.
Un curioso fenómeno afectará ao lector (non ourensán) que se achegue a esta novela: Como o autor introduce termos creados ad hoc coa finalidade de recrear mundos afastados, faise difícil distinguir entre o vocabulario xurdido do maxín de don Xosé e os dialectalismos procedentes do rico léxico ourensán.
As ditaduras, as colonizacións, a pasividade social ante a brutalidade dos estados, os medos manipulados e empregados desde o poder, a violencia sexual, as tradicións indefendíbeis pola súa crueldade e outras cuestións do noso tempo van aparecendo na narración paulatinamente, demostrando ao lector que tres décadas despois, as carencias e ameazas que inspiraron a novela puideron chegar a gañar vixencia.
Unha elaborada metáfora da Hespaña contemporánea xorde n’O minotauro con todo o seu vigor e actualidade, talmente coma naquelas postremas décadas do século XX.
Unha curiosidade: Aquel famoso tema musical d’Os Resentidos intitulado Fai un sol de carallo, é citado nos últimos capítulos da obra. Os oitenta foron así de eclécticos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-09-2019 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal