Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ALGUNHAS PRECISIÓNS VERBO DA TOPONIMIA VALADOURESA
Hai uns días falabamos do carácter comarcal do Valadouro, unha realidade xeográfica que algúns identifican –erroneamente- tan só co municipio homónimo. Mais non é hoxe a nosa intención matizarmos a extensión do val regado polo río Douro, pois que é esta unha bitácora de contido literario (e polo tanto lingüístico) e a tal fin nos cinxiremos.
Xa hai décadas que os artigos gramaticais parecen estaren ameazados en certos topónimos do val das anas louras (os seres míticos por excelencia nesta terra), pois que en varios documentos e webs municipais desapareceu un O que forma parte do nome do val incluso a efectos legais. Agardemos que este redondo artigo sexa reposto decontado para recuperarmos a forma correcta: O Valadouro.
Esta febre mutiladora afecta tamén á denominación de parroquias como As Oiras e O Pereiro, as cales parecen teren perdido o artigo en carteis conmemorativos, rotulación viaria e tamén en documentación municipal.
Unha guerra menos virulenta é a teima do Concello ferreirés por empregar fórmulas como “Concello de O Valadouro”, “Asinado en O Valadouro”… Peccata minuta despois de todo.
Topónimos seriamente deturpados son os de San Tomé, A Laxe e A Frouseira.
En galego, a única forma correcta de nos referir á célebre parroquia das antas e as pedras fitas é San Tomé; a versión castelá sería Santo Tomás, e calquera construción intermedia non é máis ca unha hibridación incorrecta.
O nome da parroquia da Laxe fai referencia a unha pena lisa, é dicir, a unha lastra. Polo cal, a forma correcta do topónimo é A Laxe.
O cumio que a historia vincula coa resistencia do mariscal Pardo de Cela non debe confundirse cunha praia de Valdoviño chamada A Frouxeira, pois o noso particular Medulio denomínase desde tempos inmemoriais A Frouseira.
O río que dá nome ao val é o Douro, e tal pronuncia podemos escoitar á xente de idade. É preciso sinalar algo que decepcionará a algúns valecos: Nunca houbo indicios da presenza de ouro nas correntes fluviais deste val. Por outra banda, O Valadouro non é a versión galega do inventado, imposto e macarrónico Valle de Oro.
Val das augas avoltas, escuras ou bravas, así poderiamos explicar o significado do nome do val; o ouro levámolo tan só no brillo do noso patrimonio cultural, e o Douro flúe maxestoso por nomes tan fermosos como A Veigadouro (Mor), A Grandadouro (Bacoi, Budián e Mor) e O Castrodouro. Polo tanto, o Douro amais de ao río, dá nome a unha veiga, a unha granda, a un castro e por suposto ao val todo.
É moi común que os vaos presentes nos ríos galegos figuren con b na rotulación viaria, trátase dun erro. Un vao é un lugar por onde o río se pode cruzar a pé, xa que logo, Vao, o barrio de Mor onde se erixe unha das cruces máis fermosas da comarca, debe escribirse con v.
O Reirado é un deses topónimos que se deturpou hai tanto tempo, que apenas quedan valecos que pronuncien o nome correctamente. O Reirado, atacado pola “crise do artigo”, suponse que etimoloxicamente puido ser “O rairo partido”.
Diciamos que a perda do artigo neste topónimo é xa má de rastrexar na oralidade local, en cambio é doada de apreciar no caso do Alfoz. A cantas persoas non escoitamos dicir aínda con toda normalidade: As parroquias do Alfoz, No Alfoz todo…
O nome do concello do leste do Valadouro é, en lei dereita, Alfoz do Castrodouro, pois non ten sentido amputar o nome da localidade que xustifica a presenza dun alfoz, e non estaría de mais respectarlle o artigo, cando menos na fala.
Por certo, o xentilicio dos habitantes do Alfoz é alfocés e alfocesa, así de claro e conciso.
En todo o país, as agrelas padeceron a incomprensión de quen confundiu o artigo gramatical feminino cunha parte do nome, tamén na Agrela de Lagoa. Por tanto, a forma correcta non ten que ver cos grelos senón cunha agra pequena.
Ante as dúbidas, é aconsellábel consultarmos sempre a antiquísima oralidade local, sendo recomendábel completar o asesoramento coa cartografía presente en Contos do Valadouro, esa sorte de dicionario enciclopédico da comarca do Douro.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-07-2019 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal