Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN CANCIONEIRO PARA O VAL DOS MÚSICOS
Para min como para moitos, O Valadouro supón unha comarca natural estendida ao longo de varios municipios. O intelectual Isaac Ferreira, a quen citaremos reiteredamente neste texto, considera un país O Valadouro, e como dicimos os valecos: Non desapido.
Acho que non resultará presuntuoso denominar val dos músicos ao conxunto de parroquias deste antigo val glaciario, pois a historia fala da numerosa presenza de orquestras e mestres da arte musical; e sen írmonos tan lonxe, o tótem da música galega por excelencia é natural da vila de Ferreira, pois Miro Casabella viu a luz nunha vivenda da Praza de Santa María, no miolo da capital valeca. Por certo, o célebre integrante de Voces Ceibes empregou profusamente a lírica medieval galaico-portuguesa nas súas creacións. Palabras maiores!
En 2013 Francisco Piñeiro e Paz Rodríguez Silva publicaron -baixo o auspicio da Asociación Cultural O mundo de Galea- Lembranzas musicais do Valadouro, unha obra financiada pola Deputación para divulgar a historia dun antigo motor económico local, pois como dixemos, as terras do Douro foron prolíficas en profesionais da harmonía.
Xa temos, pois, o primeiro alicerce-xustificación do noso proxecto. Mostremos agora un exemplo ben gráfico da materia prima coa que contamos.
En 1997, o grupo musical Chouteira (unha formación de brillante percorrido) publicaba Ghuaue!, o disco onde se incluía a peza Chote do Leirado. A canción en cuestión fora recollida nas terras do Valadouro (o barrio do Leirado encóntrase entre as parroquias de Lagoa e Frexulfe, pertencendo a esta última), e a súa letra di algo así como: “Mozas do Leirado/ cando van co gado/ espetan a guillada no medio do prado/ e bailan o chote e mais a muiñeira/ mozas do Leirado non hai quen as queira/ son dúas Ferreiras e dúas Adanas e catro Manechas e cinco Cuañas…”
Tanto a toponimia coma os alcumes familiares presentes na peza permanecen vixentes na actualidade, nunha realidade social que aínda carece dunha compilación de cancións tradicionais locais; velaquí o segundo alicerce.
A comarca do Valadouro conta cunha magnífica colectánea de lendas e mitos, tal é Contos do Valadouro (X. Pisón, I. Ferreira e M. Lourenzo), goza tamén dunha antoloxía publicada polo IES Alfoz-Valadouro intitulada Contos, lendas e outras historias, recollida polo alumnado e publicada en 2015 pola Deputación, do mesmo xeito existe unha aproximación á paremioloxía local asinada por quen isto subscribe, Ditos e refráns do Valadouro, un traballo publicado en 2013 polo Seminario de Estudos do Valadouro.
Con todo, non existe un cancioneiro recollido nas parroquias do río Douro, pese a non ser difícil escoitar anciáns declamando enxeñosas cantigas vixentes na súa mocidade. En ocasións, estas composicións populares supuñan auténticas coplas de escarnho e maldizer.
Hai meses, recabando información para un artigo sobre o pasado do barrio de Correlos, cruceime coa literatura popular en forma de versos maliciosos: “Anda viudiña cos homes/ que eses póñente lucida/ xa non pesas nin avultas/ máis que unha mariquita”.
O albo da rexouba, unha desventurada rapaza, ficara “viúva” de noivo nun altercado acontecido no souto de Correlos. Á parte da riqueza literaria que representa este cantar, estamos a rescatar un léxico extinto grazas a el. Alguén sabe o que era unha mariquita a comezos do século XX? Sinxelamente unha sardiña pequena.
A existencia deste tesouro popular e a relativa facilidade para o recuperar, podería supor o terceiro alicerce-xustificación, aínda que os argumentos sobre a présa e a necesidade para fixar o cancioneiro valeco resultan interminábeis.
Afirmou Isaac Ferreira nunha ocasión que na parroquia do Castrodouro existiu “unha auténtica escola de acopladores”, e acoplador non era outra cousa ca un compositor de coplas; xa que logo, sabemos que gozamos dun abundante patrimonio oral rimado.
O pasado Día das Letras Galegas aproveitei as tribunas que me brindaron os concellos de Alfoz e de Ferreira para lanzar unha proposta: A confección do Cancioneiro do Valadouro de maneira colectiva.
Penso que se os centros de ensino presentes no val (dous de primaria e un de secundaria), as institucións vinculadas coa terceira idade (unha residencia de anciáns e unha vivenda comunitaria), determinados colectivos culturais (SEVA, O Castelo, Amado Lar, asociacións veciñais…), coidadores de anciáns e algúns voluntarios con experiencia na recolleita de patrimonio oral, artellamos un proxecto colaborativo, antes do que pensamos poderemos ter recuperado o noso cancioneiro.

LIONEL REXES



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2019 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal