 Este primeiro de maio cadrou nun mércores pouco apracíbel climatoloxicamente falando; mais o ?Mondoñedo é poesía? chegou, combateu e venceu auga e friaxe coa caloriña adoita.
Vimos de asistir á sexta edición e o nivel non deixa de elevarse nesta cita anual, pois que unha das marcas da casa, mesturar consagrados con noveis, está a convocar o melloriño do panorama poético encontro tras encontro.
Nesta ocasión, se tivese que resumir o encontro nunha epígrafe, diría que o recital vén de facerse adulto, urbano e canalla.
Non imos negar que xa houbera algo disto en anteriores edicións, mais desta volta, a presenza de Alberte Momán e de Antón Reixa tatuaron o MÉP de pulsións urbanas e ?esquinas de amor urxente?, tal como cantaba o vigués na súa Cumbia china.
Durante a declamación de Reixa non puiden deixar de lembrar outra peza musical d?Os Resentidos, concretamente a que dicía ?Il mondo, il mondo, Mondoñedo, viño branco viño tinto, Galicia sitio distinto??, e entre recordos do primitivo rap patrio, escachamos de risa coa poesía canalla deste bocalán incorrixíbel.
Momán é concluínte e recita en falsete de voz de trono, unha técnica que lle teño observado a Claudio Rodríguez Fer e que por veces resulta acaída. O ferrolán sobe, recita e baixa do escenario como se a area o queimase nos pés, mais resolve sen vacilar.
E non nomeáramos, aínda, a Martiño Maseda, o poeta chairego que nos trouxo o recendo dos Mondoñedo é poesía de sempre, coa súa atmosfera de aldea urbanizada, verso doído e afecto no alento; cousas de adultos.
Estes tres homes marcaron a lume o festival deste ano, mais as cinco mulleres d?A banda da Loba beiceron o evento coa súa música culta e leda. A feminidade brava está a tomar os escenarios galegos (Sés, De Vacas?), e iso afortunadamente, non ten volta; a música galega fala en muller, e non era sen tempo.
Certamente, temos acadado un cumio con esta edición distinta e anovada, e aínda que algúns botamos de menos o roteiro poético pola cidade, comprendemos que a evolución do MÉP é imparábel e as mudanzas introducidas xustificadas.
Quizais por isto comezamos a crónica polo final, mais non podemos obviar a homenaxe rendida ao Pallarego, o barbeiro que dotara a Cunqueiro dun refuxio literario onde achar inspiración.
Creo que moitos dos asistentes puidemos observar unha carroza dos maios por vez primeira, tal era o agasallo con que fomos recibidos ao pé do auditorio Pascual Veiga. Non era casualidade, Manuel Ledo Bermúdez, O Pallarego, impulsara a recuperación desta tradición na II República coa colaboración dos intelectuais mindonienses da época.
Cada Mondoñedo é poesía sucede de modo orixinal e irrepetíbel, por iso mesmo é preciso estar e non se contentar con que cho conten.
|