Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O PRESTIXIO DA LITERATURA EN LINGUA GALEGA
Os aspectos identitarios galegos sufriron –e sofren- un histórico factor estrangulador, factor adoito propiciado pola aspiración neutralizadora dun Estado que outorga carta de natureza a uns concretísimos -e alleos a nós- trazos culturais. Mais non imos falar hoxe de séculos escuros nin de autoodio; hoxe polo contrario imos administrarnos unha dose de optimismo e vangloria.
Non sempre os galegos se ven recoñecidos no tesouro cultural que os milenios foron forxando, mais existe unha arte que logra avir compatriotas de sentimentos enfrontados ou mesmo a desleigados recalcitrantes; trátase da literatura en lingua galega.
Antes de que quen isto escribe se convertese en autor de textos literarios, unha emotiva anécdota proporcionáralle a proba de que as letras galegas gozan de adhesións inopinadas.
Aquela camareira non tería máis de vinte anos, aproximábase a hora de peche e botaba ao lixo os xornais que ficaran esfarrapados sobre o mostrador.
Unha sorte de suplemento xurdiu daquela morea de páxinas cotifadas, e a mirada reflexiva de Rosalía de Castro pareceu escrutarnos desde a nebulosa da noite tabernaria.
A rapaza alisou as follas, achegounas a peito e dixo algo así como “Isto é de Rosalía e non se tira”.
As letras galegas gozan de numerosos nomes totémicos, e este feito incide mesmo nas persoas que non len. Cantas veces escoitamos gabar a Rosalía, a Castelao, a Pondal, a Cunqueiro ou a Luz Pozo Garza? Estamos seguros de que os seus valedores leron tales autores?
Todos sabemos que un automóbil de fabricación alemá goza dun prestixio incontestábel ou que a reloxaría suíza non ten rival coñecido, non é preciso que teñamos conducido un carro xermano ou que midamos o tempo nun swiss made, así pois, á nosa literatura acontécelle algo semellante. Se o libro está en galego, sábese ou intúese que ten calidade. Talvez, as vicisitudes históricas das nosas artes coadxuven á hora de lles supor calidade excelsa ás nosas letras.
O galego está catalogado como lingua minoritaria (pese a contar o portugués con 250 millóns de falantes), por tal motivo, moitos galegos dan por suposto que se un texto literario deu superado os filtros e obstáculos até chegar á libraría, ha ser porque se trata dunha obra de altísima calidade. Quizais non sempre sexa así nin teña porque o ser.
Non é o galego un idioma estatal (malia ser o portugués oficial en nove estados independentes), e polo tanto a nosa literatura debeu achar a súa representatividade no esforzo e no enxeño; se non, pensemos na exportación do realismo máxico ás latitudes onde se fixo adulto.
Recapacitemos sobre o boom da literatura infantil en galego nos últimos anos. É doado de facer, pois chegará con evocar o fenómeno Ledicia Costas, e agora, calculemos cantos meniños empregan a lingua galega acotío no noso país.
Certo, as contas non cadran. Unicamente cadrarían se nos detemos a cavilar no prestixio do que goza para pais e mestres un conto en galego.
A LIX é hoxe unha potencia cultural na Galiza, mentres nenos e mozos farfallan nesa koiné do “no doy hecho” e do “voy cubrir el papel”. Tal é a lóxica do ilóxico.
Teñamos en conta que se tan só os galegofalantes fosen consumidores de libros en galego, ducias de editoras, imprentas e distribuidoras terían desaparecido hai tempo, mais o libro en galego goza dunha alta consideración entre nós, independentemente das ideoloxías, das sensibilidades e dos estratos sociais.
Poderiamos considerar nesta altura, que goza dun futuro menos abrupto a nosa literatura ca a nosa lingua, mais, que chave debemos aplicarmos para entendermos esta realidade delirante? A dun pobo que se enaltece e se avergoña a partes iguais.
Sexa como for, somos depositarios dun rico sistema literario, vivo e de altísima calidade, os autores en galego son legatarios dunha bagaxe reputada, mesmo no ámbito europeo culto, e por suposto, recoñecida nesa América onde a nosa cultura se refuxiou nos momentos de cativeza e persecución.
Unha boa proba da vizosidade do sistema literario galaico represéntana as entidades e institucións que con máis ou menos sorte, pulan polas letras galegas; desde a histórica Real Academia Galega até a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, sen obviar o Centro Pen Galicia, Dramaturga ou a Academia Galega do Teatro. Tampouco debemos esquecer a presenza duns poucos medios de comunicación orientados a dar conta da noticia literaria: Luzes, Erregueté, Fervenzas Literarias, Criticalia, Biosbardia…
Temos unha alfaia e somos conscientes da súa importancia. Gratulémonos do acerto.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2019 15:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal