Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN GALO
Non é a primeira vez que traemos a estas páxinas o labor de dous recoñecidos activistas culturais mindonienses, nin foi a primeira ocasión en que eles congregaron un grupiño de amigos para recrear, con fiel entrega, unha célebre composición poética de Manuel Leiras Pulpeiro.
Margarita Bermúdez Rubiños e Xulio Rodríguez Leiras son, entre outras moitas cousas, cultivadores do saber. Esta parella vén participando e colaborando en boa parte das iniciativas culturais do ámbito mindoniense, deixando claro que para eles, como para moitos outros, o hinterland emocional do Mondoñedo histórico sobarda xenerosamente os límites municipais.
O poema en cuestión ben podería figurar nas guías turísticas da cidade, pois os seus versos van debuxando un itinerario por interesantes lugares da área rural, hoxe considerabelmente mudados desde aquel 1910 en que Un galo fora galardoado en Vigo.
Diciamos que non é a primeira vez que Xulio e Margarita convidan un grupo de amigos a faceren o que eles denominan “a ruta do galo”, pois que existe un magnífico artigo de Antonio Reigosa que dá fe do carácter periódico da experiencia; mais desta volta, foi un servidor quen se puido deleitar da fermosa peregrinación poética.
Os experimentados cicerones manexan á perfección o concepto da interactuación, polo que os participantes son fornecidos de exemplares do poema ao chegar ao encontro, para iren percorrendo, literaria e fisicamente, os lugares que Leiras inmortalizou.
Iníciase o percorrido na Alameda dos Remedios, unha das atalaias da cidade, e remata nas inmediacións da torre de Gorrete, xa na parroquia de Masma, onde se procede a unha lectura pública e participativa.

“Poñendo ben unhas prumas
que levaban nos sombreiros…
Pro, foron, faladurías:
¡Quén sabe o que houbo de certo!”


Así remata Leiras o poema e tal lin, pois a derradeira estrofa tocoume en sorte á hora da interpretación xeral. Aplausos e satisfacción compartida puxeron o colofón á vivencia, mais aínda quedaba moito por aprender.
Tras un magnífico xantar na Casa da Penela (deste lugar temos falado aquí en varias ocasións), foron as creacións doutro autor mindoniense quen excitaron a nosa curiosidade, mais todo fora artellado sabiamente polos guieiros locais e nada se deixara en mans da casualidade.
A escasos metros do citado estabelecemento rural encóntrase a casa do Licho de Vilamor, a quen Cunqueiro convertera en personaxe en Escola de Menciñeiros, e como non podía ser doutro xeito, até aló fomos, aínda co sabor da torta de Navia e mais da colineta no padal.
Mais non era o Licho o único home de Vilamor que proporcionou inspiración a don Álvaro, pois antes de chegarmos á casa do ínclito sacamoas, aínda nos mostrou o Xulio o lugar onde se asentara a ferraría de Veremundo, quen, segundo contan as fabulosas crónicas cunqueirás, fixo ferramenta e adeprendeu a tirar as moas da súa propia boca, logo de que o Licho lle cobrase medio real por un servizo.
E cando por fin chegamos ao que fora fogar do literario Licho de Vilamor, alí estaban os seus descendentes, dando fe de que a realidade e a ficción, sonvos cousa ben semellante.

Imaxe: Margarita e Xulio
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-04-2019 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal