Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RECORRENCIA DE ABRIL NA SEÑORA DE VIAVÉLEZ
En abril de 1927 nacía en Viavélez a escritora máis prolífica das letras castelás (fálase de 4000 títulos e 400 millóns de exemplares vendidos), e en abril de 2009, a señora de Viavélez deixaba orfos uns lectores que converteran o amor en pulsión literaria. Conmemoramos, xa que logo, o décimo cabodano do pasamento de dona Corín Tellado.
A célebre novelista nacera no municipio do Franco, no país eonaviego, polo que é probábel que a autora escoitase falar galego durante a súa infancia. Mais a súa vinculación coa Galiza non rematará aí, pois a señora de Viavélez, en contra do que moitos pensan, non comezou traballando para Bruguera senón para a viguesa Editorial Cíes, o selo fundado polo visionario Eugenio Barrientos, quen acabaría erixíndose nun rei Midas do libro de peto.
Nesta mesma editora recibiría o bautismo do prelo outro mago das letras populares, tal foi Marcial Lafuente Estefanía, quen tras a Guerra Civil e unha estadía no cárcere, estabeleceríase en Vigo, converténdose no escritor por excelencia de novelas do oeste.
Escoiteille en máis de unha ocasión ao escritor Isaac Ferreira que para normalizar un idioma, é imprescindíbel, tamén, a literatura de cordel, e acredito nesta aseveración. Cando a señora de Viavélez lanzou as súas novelas rosas ao público lector, o castelán non padecía -polo menos no Estado español- ningún perigo de desprazamento, mais é seguro que estes libriños de pequeno formato contribuíron positivamente ao seu coñecemento entre os sectores menos ilustrados.
As noveliñas de amor, o hard boiled, as plaquettes, os folletíns e toda a gama de libros ofrecidos nos quioscos, coadxuvaron no achegamento das letras a persoas que talvez, aínda non sentiran atracción algunha pola literatura convencional, no entanto, acabaron picando o anzol dos libros de peto e as capas a toda cor.
Grazas a Corín Tellado, millóns de persoas convertéronse en lectoras por todo o mundo, e seguramente, unha parte considerábel continuou a descubrir outros xéneros, outros autores e libros de grande envergadura.
Ben sei que moitos dos seus lectores descoñecen un curioso dato sobre esta escritora, resulta que a mesma novelista que os enfeitizou con tramas de amor arrebatado e romanticismo en cantidades industriais, redactou novelas eróticas.
Dona Corín publicou estas narracións baixo pseudónimo, mais fica patente que para a autora, o rosa e o verde non estaban moi afastados.
En Viavélez existe unha rúa Corín Tellado, e en Xixón (cidade na que faleceu tras morar boa parte da súa vida) tamén; no entanto, considero que a mellor homenaxe neste décimo cabodano sería achegarse a algunha das súas creacións, e en definitiva ler para coñecer.
Coméntame unha afervoada lectora das novelas de Corín Tellado, que despois de moito ler a esta autora, acabou por desenvolver a capacidade de intuír os desenlaces das tramas desde o comezo da obra, e ademais, detectara unha constante nos devanditos textos: Dúas persoas comezarían odiándose, para acabar máis tarde amándose apaixonadamente. Desde logo, dona Corín inspirábase na vida mesma.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2019 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal