Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CANDO LIBERAR LIBROS SUPUÑA REALMENTE UNHA LIBERACIÓN
Cóntanme os lectores de Corín Tellado, que aló polos anos ’60 e ’70, para se faceren coas románticas novelas en Paris, era preciso achegarse á rue de Seine.
Ás beiras do Sena, un estabelecemento ofrecía literatura en castelán a todo exiliado, emigrante e viaxeiro que chegase á cidade. Tal era a Librairie Espagnole, un comercio que alén de literatura “rosa”, dispuña de múltiples xéneros e autores, mais o testemuño que a min me chegou alude ás populares novelas da escritora eonaviega.
A “Libraría Española” abriu as súas portas no Barrio Latino en 1954, pechándoas cincuenta e un anos máis tarde para as reabrir en Montparnasse, concretamente na rue de Littré, e quero pensar que alí continúa a ofrecer consolo aos letraferidos errantes.
A mudanza tivo lugar no mesmo ano en que falecía Antonio Soriano, o fundador da libraría, mais naquela altura era xa unha ascendente quen dirixía o negocio.
Antonio Soriano Mor (Sogorb, Castelló, 1913-Paris 2005) chegara a Francia fuxindo do delirio fascista, e tras un periplo ben literario, asentárase na capital. En Paris chegou a erixir unha auténtica institución da cultura hispánica, pois a Librairie Espagnole acabou converténdose nunha plataforma de difusión para os libros proscritos no Estado español, e ao mesmo tempo, nun inelutábel cenáculo de intelectuais fuxidos.
Cando a idade retirou a Antonio da actividade laboral, foi a súa filla, Sonia Soriano, quen continuou o labor comercial, recollendo fielmente o legado da sensibilidade cara ás causas pendentes e as materias imprescindíbeis.
En 2008, a embaixada española en Paris promoveu a colocación dunha placa no edificio da rue de Seine, homenaxeando o impagábel labor de Soriano. Curiosamente noutros tempos, cando alguén se dirixía á devandita embaixada para demandar o enderezo desta libraría, a atención non era cordial.
Antonio Soriano, amais de divulgar a literatura prohibida polo ditadura franquista, chegou a impulsar un selo editorial vinculado á libraría, sumándose así á longa nómina de libreiros editores. Tampouco quixo deixar de probar a experiencia da escrita, pois en 1989 reflectiu a súa memoria de expatriado no libro Éxodos. Historia oral del exilio republicano en Francia 1939-1945.
Agora denominamos liberar libros a unha actividade emparentada cos xogos de rol e as citas a cegas, no entanto, o fundador da Librairie Espagnole en Paris foi realmente un liberador de libros, un auténtico rescatador nunha época de exilio e emigración. Aprendamos da experiencia e abramos os ollos ante os caprichos da historia. Non esquezamos que até hai corenta anos, moita xente viaxaba a Paris para mercar os libros e a Perpinyà para ir ao cine… E teñamos presente que hoxe, xa hai músicos no exilio.
Citabamos no primeiro parágrafo a Corín Tellado, unha autora que logrou vender catrocentos millóns de exemplares das súas creacións, e á que recordaremos nesta bitácora para o mes que vén, pois o 11 de abril cúmprense dez anos da súa desaparición.
Xamais deberemos esquecer que a señora de Viavélez converteu en lectoras a moitísimas persoas que doutra maneira, nunca terían caído na tentación de abrir un libro. Só por iso, xa merece o noso recoñecemento.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2019 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal