Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA EVOCADORA ENCARGA DESDE ALMERÍA
Recibo a chamada dunha amiga desde o denominado Poniente almeriense;
resulta que foi convidada a participar nun acto en prol da memoria, e esqueceu introducir libros na valixa cando preparou a estadía temporal en Al-Ándalus. A cuestión é que unha das súas funcións na citada conmemoración, será a de ler un poema, evocando determinados acontecementos e á sombra dun monólito.
Ao non estar habitando o seu domicilio habitual, a miña amiga non se pode valer da biblioteca particular, e ante tal nudez libresca, optou por me demandar unha axudiña.
Exercerei de conselleiro de poesía (pode haber oficio máis fermoso?) e mais de correo con gusto, pois nestes tempos escuros en que todo o mundo exixe castigos e escarmentos para os seus semellantes, que alguén che demande versos, vén supondo un bálsamo esperanzador.
O poema en cuestión debe facer referencia a quen se opuxeron á tiranía e responderon con braveza á represión; e por desgraza tales poemarios, alimentados coa dor e o sangue dos mártires, non son raros.
Remexo na miña biblioteca e decátome dunha eiva que me avergoña: Lorca non se prodiga moito entre os meus volumes; imperdoábel.
Continúo a procura e extraio Poesías Completas de Antonio Machado, unha edición de 1988 de Espasa Calpe para a Colección Austral, no entanto, non encontro o que desexo enviar.
Na mente teño un libriño de Alberti (un opúsculo poderiamos dicir) que non dá aparecido, porén, continúo a cata.
A encadernación rosácea da publicación xorde por fin entre outros volumes de lombo magro, e unha presa de versos da xeración do ’27 aflora nas miñas mans. O volume en cuestión intitúlase Poemas escogidos e foi editado hai dúas décadas pola Biblioteca El Mundo, un deses selos creados ad hoc para as promocións de revistas e xornais.
Acho tres poemas absolutamente acaídos: Fustigada luz, Hace falta estar ciego e mais uns versos das Coplas de Juan Panadero.
Por suposto, no sobre que saia cara a Almería irá algunha creación do colosal Mario Benedetti, concretamente a composición intitulada Por qué cantamos, un canto que eu teño por lección maxistral, non só de poesía, senón de TODO.
Como hai que ir cos tempos, non deixei de pescudar na Rede algunha adealla ocasional, daquela tecleei o nome de Miguel Hernández e gocei da sensibilidade do infortunado poeta, chegando á conclusión de que non debo ofrecer un abano moi extenso, pois a encarga falaba de tan só dous poemas.
Resulta desmoralizante nesta altura, andar a refrescar unha poesía inspirada nos anos aciagos do século XX. Moito nos equivocabamos ao crer que todo aquilo fora superado… Non obstante, cada día a realidade fustriga teimosamente a nosa inxenuidade.
Represión, fascismo, ladroízo institucionalizado, fanatismo, complicidade ou pasividade dos mass media, conculcación do dereito de expresión, supremacismo hispánico… E os resistentes xulgados como delincuentes… Canto nos soa todo isto.
“Hace falta estar ciego,
tener como metidas en los ojos raspaduras de vidrio,
cal viva,
arena hirviendo,
para no ver la luz que salta en nuestros actos,
que ilumina por dentro nuestra lengua, nuestra diaria palabra.”

Xaora, deixóunolo dito Rafael Alberti.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2019 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal