Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A LITERATURA COMO INDUSTRIA
Hai poucos días, os narradores orais da Galiza celebraron un congreso (o primeiro da historia dos contadores galegos) para xuntarse e falar das cousas do seu oficio.
A localidade escollida para a convención foi Mondoñedo, e o lugar de encontro a Casa da Penela (unha facenda rural ben literaria); non desaproveitaron a ocasión para actuar ante o público mindoniense, e o auditorio Pascual Veiga exerceu de lareira da oralidade.
Non sei exactamente por que escolleron a cidade de Mondoñedo, mais intúo que a tradición literaria –a antiga e mais a actual- obrou en prol da terra dos fabuladores e dos poetas.
Xa sabemos de quen foi berce Mondoñedo e a boa cantidade de obras literarias que inspirou, mais debemos ter en conta que esta urbe, é o lugar onde primavera tras primavera se desenvolve “Mondoñedo é poesía”, e non habemos esquecer que en pouco tempo abrirá as portas (parece ser) a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, e mais porase en andamento (tamén parece ser) a fundación vinculada ao devandito autor.
É dicir, Mondoñedo tiña moitos puntos gañados para se converter na sede da narración oral, ese riquísimo xénero que forma parte da literatura con maiúsculas, pois todos vimos de aí.
É seguro que xa o dixemos, mais convén recordalo; o potencial económico máis poderoso que posúe Mondoñedo, é a literatura.
Non estamos inventando nada, pois outras localidades de dimensións iguais ou menores, convertéronse en vilas do libro, logrando atraer cada ano miles de visitantes e considerábeis ingresos.
Mondoñedo podería aspirar a afillar unha desas vilas do libro, ou cando menos, a orientar a súa actividade turística e comercial cara ao universo das letras.
É coñecido o exemplo da vila galesa de Hay-on-Wye (trinta librarías e menos de 2000 habitantes), o mesmo lugar onde naceu o “Hay Festival”, un evento que xa se exportou a outros lugares do mundo.
A moitos soará o caso de Urueña (menos de douscentos habitantes), unha localidade castelá que presume de ter máis librarías ca bares. Esta vila do libro acolle a sede do espazo para a lectura e a escritura “Miguel Delibes”, e conta, entre outras infraestruturas vinculadas ás artes, con cinco museos.
Tampouco debemos permanecermos alleos á portuguesa Óbidos. Esta localidade, integrada na rede de cidades creativas da UNESCO, explota os seus atractivos co lema Pura ficçao, deixando claro que o seu tecido comercial xira en torno ás letras; non en van, unha das súas librarías acubíllase baixo o teito dunha igrexa, e un dos seus estabelecementos hostaleiros promociónase como hotel literario.
Son exemplos de vilas que transmutaron a literatura nun inmenso e coidado parque de atraccións, encontrando no mundo da creación literaria e das súas ramificacións, unha canteira inesgotábel de recursos turísticos.
A literatura é unha industria, tamén; e Mondoñedo conta cos elementos precisos para se converter nun referente literario –xa o é a nivel formal- no eido que escolla (galego, europeo ou internacional). A cuestión radica en asumir o compromiso desde todas as instancias: Oficiais, comerciais e individuais.
No entanto, non debemos deixarnos cegar polos alustros do éxito alleo e consolidado, ben o sabemos; por iso cómpre traer á luz algún exemplo de erros instrutivos.
Adoita falarme un amigo dramaturgo, dunha localidade onde se celebra un festival de teatro desde hai décadas, porén, a vila en cuestión non dá tirado rendemento do evento máis alá das datas programadas. Como clarificador exemplo, coméntame con mágoa que tal poboación carece de librarías. Sirva como lección para nos advertir da necesaria concorrencia dun factor determinante: A implicación dos particulares.
Todos sabemos que “Ben pode Mondoñedo desde agora” (Leiras Pulpeiro dixit), polo tanto, o obxectivo de tornar a literatura nunha industria local, é factíbel.
Teñamos en conta uns datos que nos han axitar o maxín: Cataluña conta con tres vilas do libro (Bellprat, Cervera e Montblanc), e Andalucía, Portugal e Castela gozan de cadansúa vila literaria, en cambio Galiza, aínda non ten ningunha. Velaí a nosa oportunidade.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2019 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal