Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LIBROS CONTRA BATES DE BÉISBOL
Non hai moitos días, mantendo unha conversa telefónica cun amigo, asistín a unha admonición espontánea que me suscitou profundas reflexións.
Mentres falabamos, o meu amigo demandou un receso para interpelar o seu fillo de nove anos.
-“Que estás facendo?”
-“Desafogándome”.
-“Pois desafógate cun libro”.
Imaxino que o neno estaba a bater nas molidas do sofá ou a empregar calquera obxecto doméstico como balón; non o sei exactamente, o que sei é que o consello paterno non puido ser máis acaído.
Días máis tarde, as noticias chegadas desde o sur da Península Ibérica retrotraéronnos a épocas en que a cultura era combatida ferozmente, constituíndo a literatura e o resto de artes, odiados obxectivos de represión. Como mostra, recordemos aquilo de ¡Muera la intelectualidad traidora! ou ¡Muera la inteligencia!.
Hoxe, como sempre, os instrumentos máis eficaces para deter os heraldos da falacia e os inventores de delirantes mitoloxías patrióticas, represéntanos a formación, a cultura e a información veraz.
Cando eramos universitarios (viaxemos agora aos ’90 do século pasado) asistimos a un considerábel renacer dos extremismos imperialistas, doutrinas recesivas que basean os seus postulados en alicerces asumíbeis polas mentes máis básicas: Supostas nacións obesas e perigosos individuos a invadiren o territorio coa “desculpa” de obteren traballo.
Naqueles anos en que a presenza de skinheads e hoolingans adolfianos se facía notoria nas grandes urbes do Estado, os medios de comunicación empezaban a concederen énfase xornalística a un fenómeno que non preocupaba –aínda- nos ámbitos alleos á seguranza pública.
O problema existía, comezaran a oganizarse e a faceren proselitismo, e ademais, adoitaban iren armados.
Así e todo, a cuestión non era alarmante a outros niveis, pois aquela xentalla os domingos pola mañá, estaba bébeda de máis para ir votar.
Naqueles días en que certas estéticas importadas comezaban a deixarse ver polas rúas, o diario El Mundo publicou un editorial intitulado El fascismo que viene. Achámolo, máis ca exaxerado, casemente cómico.
Ao grupo de estudantes que folleaba xornais durante os tempos de descanso, resultáranos desproporcionado o augurio. Eramos inxenuos, cómodos e por riba de todo, novos.
Mais o problema, pese a ocupar importantes espazos en páxinas de xornais e pantallas televisivas, aínda se circunscribía a localizacións moi concretas, frecuentemente estadios e zonas de lecer xuvenil en horas determinadas.
Non obstante, existían razóns para que o pesadelo comezase a privar o sono. En 1989 varios deputados abertzales eran tiroteados en Madrid (falecería Josu Muguruza e resultaría ferido Iñaki Esnaola); en novembro de 1992 a inmigrante dominicana Lucrecia Pérez caía abatida a tiros nunhas ruínas da periferia madrileña, e en abril de 1993, o mozo Guillem Agulló era acoitelado mortalmente en Castelló pola súa militanica na esquerda soberanista catalá. Nos dous primeiros sucesos, os pistoleiros resultaran seren axentes dos corpos de seguranza do Estado.
Nós, os universitarios da década da posmovida, continuabamos a consultarmos libros, a intercambiármonos libros, a mercarmos libros, a obsequiármonos libros, a retirarmos libros da biblioteca, a emprestármonos libros e a malquerer, tamén, certos libros.
Quizais por iso, non sucumbimos ao reclamo de supersticións tan primarias coma o odio á cultura (e ás culturas) ou o supremacismo baseado na pigmentación epidérmica; tampouco crimos nunca en Atlántidas grandes e libres, informados de que os apóstolos do ladrido único adoitan comungaren coa uniformidade, incapaces de aprehender a complexidade do diverso.
Mentres algúns mozos saían cazar o que lles resulaba incomprensíbel, outros
estabamos a aprender a mellor lección:
Convén LER para analizar, RELER para confrontar e LER DE NOVO para desmontar as posturas fanáticas.
En definitiva, LEAMOS El sueño del celta, de Vargas Llosa, para chegar á conclusión de que ningún sentimento patriótico pode ser imposto nin inculcado á forza. LEAMOS Si o vello Sinbad volvese ás illas, de Cunqueiro, para comprendermos que o noso veciño extranxeiro é posuídor duns principios tan válidos e sólidos coma os nosos, e LEAMOS El otoño del patriarca, de García Márquez, para sermos advertidos de que a pasividade social supón o factor máis favorábel para a aparición dos fenómenos totalitarios.
Ningunha nación precisa raias no terreo para a súa delimitación, pois a idiosincrasia viaxa canda o ser humano, e as persoas, de xeito pacífico, son quen de levar linguas e sotaques polo mundo adiante, facendo patria e xerando cultura.
A única VOZ lexítima é a que se expresa en liberdade, os auténticos CIDADÁNS democráticos admiten sen reparos a evolución do pensamento e dos status das comunidades humanas, e a invocadísima vontade POPULAR, xamais caerá na tentación de deter o progreso nin de obviar o pasado.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2018 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal