Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

IDILIO ENTRE SUOR E TEATRO
Escoiteille a un actor, subxugado pola intensidade dunhas representacións moi especiais, que en cada función deixaba anos de vida. Dicíao satisfeito. Pagáballe a pena a entrega e non choraba o esforzo.
Saín de ver Elisa e Marcela evocando tal confesión, cativado pola vitalidade e o dominio do espazo escénico demostrado polas mulleres d’A Panadaría.
A profesionalidade das tres actrices fica fóra de toda dúbida, os premios colleitados reafirman a calidade da obra e a fascinación do público testemuña o acerto desta comedia con mensaxes varias.
Poden, talvez, desconcertarnos algo as elipses que tronzan drasticamente a liña argumental; quizais resulta forzada a riola de datos históricos, á busca da inserción do maior número posíbel de referencias na peza, mais á parte destas minucias, Elisa e Marcela supón unha boa “unidade didáctica” para que todos coñezamos a historia das primeiras mulleres que pasaron polo altar (e únicas?), vulnerando todo o vulnerábel en 1901.
Si; porque realmente esta obra fai pedagoxía sobre a liberdade, non só ao redor das diversas opcións afectivas, senón no atinente a todas as liberdades, adoito tan perseguidas polas lexislacións medorentas e amedrentadoras.
A Panadaría dispensa tamén unha boa lección de minimalismo á hora de traballar, xa que apenas contou con atrezzo para nos ofrecer esta obra; o vestiario ad hoc non vai alén dunhas camisolas e o canto –falamos dunhas magníficas voces- substitúe todas as posíbeis “carencias”.
Xa se dixo que no teatro, menos é máis.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2018 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal