Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MEMORIA DO FISTOR DO POBO
Medrei escoitando os Contos galegos do Xestal en discos de vinilo, fascinado ao mesmo tempo por aquelas enxebrísimas e coloristas portadas, ornadas con toda clase de tópicos galaicos.
Os contos abrollaban conforme o vinilo xiraba devagar no tocadiscos Melovox Melodyne, e a idiosincrasia da realidade afastada chegaba a través dunha voz en falsete.
A tradición oral xa se ofrecía daquela (décadas dos ’70 e ‘80) en soportes técnicos,
pois o tesouro da palabra adquirira valor comercial, e con éxito garantido se os argumentos eran xocosos. Pouco mudamos neste aspecto.
Supuxo para min, un neno da emigración, un valioso contacto coa lingua galega, aínda máis nunhas realidades xeográficas onde o galego soamente era cultivado nos ámbitos familiares ou no seo das colectividades, no entanto, imposíbel de apreciar na vida pública.
Anos despois, fun descubrindo quen era aquel narrador oral que nomeaba a Castelao nos seus contos. Souben que se trataba dunha persoa inqueda e reivindicativa, nativa do barrio coruñés de Montealto e polo tanto, non tan próxima ao mundo rural como se puidese deducir nun principio.
O home dos discos traballaba na radio, percorría eventos festivos coa súa arte oral e cantaba en coros folclóricos. Viña sendo O Xestal, xa que logo, unha especie de crooner da oralidade.
Hai ben tempo, escoitei que Carlos Díaz Xestal visitara o colexio de primaria do meu municipio, e recordo ter experimentado unha fervenza de nostalxias ao coñecer tal noticia. O home dos discos de contos, aquel narrador de historias que se fotografaba con monteira e sorriso franco, viñera por terras alfocesas e actuara no CEIP Castro de Ouro.
Estes días, tratando de actualizar a devandita información, lancei unha pregunta nunha rede social co obxectivo de achar máis datos sobre a presenza do Xestal no Alfoz do Castrodouro, e as novas non tardaron en sucederse.
Nos anos ’80, O Xestal actuou nunha festa patronal na parroquia das Oiras, facendo noite na devandita localidade e quedando a durmir na casa do mordomo (na comarca do Valadouro denominamos de tal xeito os ramistas); anos máis tarde, a comezos dos ’90, o gran relator trouxera os seus contos até o grupo escolar do municipio alfocés.
Considero O Xestal o narrador oral por excelencia, cando menos o que logrou, grazas á súa habelencia, unha maior repercusión na sociedade galega, entendendo esta como a suma da Galiza territorial e da Galiza exterior.
Se existise no pobo galego un título de Fistor Nacional, tal mención debería térselle outorgado a Carlos Díaz Xestal, aquel coruñés de voz elástica finado en xaneiro de 1993, hai xa un cuarto de século.
O factor esencial para atraer ese público que se distanciou dos adros e das verbenas, pode radicar en recuperar os narradores nos carteis das festas, pois aínda que nunca desapareceron de todo, non é hoxe unha figura indispensábel nas citas festivas de vilas e aldeas.
Mais cómpre diferenciar entre narradores e “chistosos”. O primeiro cativa o auditorio cun relato envolvente que consegue espertar o interese dos máis apáticos, mentres o segundo, limítase a cuspir unha serie de cholas co obxectivo de lograr o riso doado; tanto ten que adorne o seu labor con dramatizacións e histrionismos para ser considerado cómico, o seu vínculo coa tradición oral é ínfimo.
Do mesmo xeito que os profesionais do teatro rexeitan a denominación de monologuista para quen percorre os platós televisivos procurando gargalladas -un monólogo é unha peza teatral cun único personaxe- o narrador non debe ser confundido cos humoristas da tele.
A figura do narrador oral está presente en todas as culturas do mundo, e na nosa, por riba, temos os regueifeiros. Nas terras do Douro existiu a tradición dos acopladores (compositores de copliñas populares), e aínda se poden documentar moitas das creacións que nos legaron.
Incemos as nosas verbenas de narradores (Lois Pérez, Celso F. Sanmartín, Paula Carballeira…) e improvisadores (Luís O Caruncho, Pinto de Herbón, Bieito Lobariñas…) e veremos como o público agradece a recuperación duns espectáculos que xamais pasan de moda.
Estamos a reivindicar o contador de contos, o repentista, o activista cultural que recolle, recrea e pescuda a cultura oral do seu pobo; e o día que regrese aos palcos, moitos regresaremos ao campo da festa.

Agradecementos:
A Rosario Rejes Vizoso, Xosé Blanco López e José Aníbal Paz Uz, pola inestimábel achega de información sobre a presenza do Xestal no Alfoz do Castrodouro.

LIONEL REXES


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-10-2018 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal