Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

QUEN CHE REGALA LIBROS ALGO CHE QUERE
É un exceso regalar libros a unha persoa que ten manifestado o seu desinterese pola lectura?
Redondamente, non.
Se non resulta vulgar entregar diñeiro a un neno ou flores cortadas á persoa que amas, dar un libro como presente, pode ser a maior declaración de amizade, ou quen sabe se de algo máis.
Un libro atesoura cultura, lingua, entretemento e tamén elegancia.
Moitas veces, cando debemos facer un agasallo, miramos moito de non caermos en paifocadas, de seren libros os obxectos en cuestión, estariamos libres de tal risco.
Tamén para un casamento? Porque non, existen coleccións encadernadas a todo luxo cun valor económico considerábel.
Tamén para un nacemento? Que mellor agasallo que os primeiros contos infantís para a crianza que acaba de vir ao mundo.
A quen non debemos regalar libros baixo ningún concepto? A quen desexemos ofender. Se desbotas a literatura como obsequio para unha determinada persoa, estás a declarar a cualificación intelectual que che merece. Teñamos sempre en conta que moitas persoas cun baixo nivel académico, posúen respectábeis bibliotecas, pois o hábito da lectura está presente en todos os estamentos sociais.
Hai moito tempo que unha boa parte dos agasallos que recibo están constituídos por libros, e desde logo, os meus seres agasallados obteñen libros.
Existen títulos para mostrar agradecemento, para expresar unha declaración de amor, para realizar unha manifestación de intencións e mesmo para transmitir unha mensaxe oculta. Non me refiro só aos argumentos ou ás temáticas, as páxinas dun volume resultan un agocho perfecto para introducir esa nota que nunca ousaches entregar en man, esa tarxeta postal da praia en que todo aconteceu, esa felicitación de aniversario que pretendes orixinal, ou esa fotografía que quere dicir tantas cousas… e ningunha doada de expresar.
Non temos por que agardar ao Día do Libro (23 de abril), nin ao Día de Rosalía (24 de febreiro), nin ao Día das Letras Galegas (17 de maio), nin sequera ao Día das Bibliotecas (24 de outubro) ou á chegada do Apalpador (noite do 24 de decembro), celebremos e conmemoremos a mutua simpatía sen máis; hoxe é o día acaído, e mañá tamén.
Ninguén que che queira ben deixará de che regalar un libro nalgunha ocasión; ninguén que che queira mal optará por depositar nas túas mans un artefacto tan completo como unha novela, un poemario, un ensaio, unha obra dramática, un cómic, unha antoloxía de relatos breves…
Cando arda o postremo sentimento do derradeiro ser humano, ficará un libro a narrar o acontecemento. Quen recibirá tal galano?


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2018 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal