Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CRUZANDO A LONGA PONTE LITERARIA DO VERAO DE 2018

Foi diferente, superior e numerosa, alén de se estender no tempo durante tres horas. É verdade que se puxo a proba a resistencia do xeneroso –en todos os sensos- público, mais foi un público que nos comunicou aquilo que sempre quixemos escoitar.
Díxosenos que tal evento supuña unha illa no medio da paifocada dominante, facendo referencia explícita ás festas da inercia coa súa música groseira. Cando alguén cae nesa conta, é porque un dos obxectivos foi logrado.
Xa celebráramos unha Ponte Literaria a cuberto, e a experiencia resultara ben positiva, mais a tradición falaba de pontes e cursos fluviais, e aos activistas das letras, tan metódicos coas cousas do romanticismo, cústalles caro prescindir das liturxias.
Así comezou a transformación: A comezos do verao recibimos un ofrecemento moi tentador, organizar algún evento no local social da parroquia da Laxe (O Valadouro), pois é desexo do colectivo veciñal inzar o espazo de actividades.
O “local”, vén sendo un flamante centro social acabado de estrear, con todas as comodidades e prestacións.
Daquela, non tivemos dúbidas, a Ponte Literaria celebraríase en Tanín, o barrio que noutrora se fixo célebre polo seu salón de baile.
Sendo rigorosos, deberiamos dicir que o número de participantes resultou elevado de máis para unha única sesión, e sendo triunfalistas, diremos que a Ponte Literaria de 2018 gozou dun éxito rotundo.
Foi un encontro anovado en case todos os aspectos. Por primeira vez un texto chegaba a través dunha gravación (o de Pepe Peinó), tamén por vez primeira, unha participante puña voz ás creacións dunha autora de alén mar (Rita Geada), e dous letraferidos (Margarita Bermúdez e Xulio R. Leiras) lían –a dúo- un relato de Maupassant… Unha escritora chegaba desde Lugo (Adela Figueroa), un escritor desde Abadín (Manuel Regal), e desde o parnaso galaico xurdía Luz Fandiño; si, a poeta Luz Fandiño, a que conta con oitenta e sete anos e unha traxectoria vital de novela.
Mais tampouco deixaron de asistir á cita quen levan anos participando no encontro: Iolanda Aldrei, Isaac Ferreira, Lionel Rexes, Manuel Lourenzo, Paco Rivas e Xesús Pisón.
Produciuse, durante as lecturas, unha casualidade das que alimentan a literatura con chispazos de maxia inspiradora. Isaac Ferreira (o que fora director da Revista de Teatro Casahamlet), leu O cerco de Vilanova, unha peza dramática ambientada no derradeiro día de vida do guerrilleiro O Gardarríos; tal texto foi escollido polo autor por un motivo evidente, acaban de se cumprir setenta anos da morte do activista.
Mais o Isaac non soubo, até rematar a lectura do seu texto, que o público fora nutrido cunha presenza sobranceira, a de Fernanda Cedrón Trigo, neta do Gardarríos. A entrañábel Fernanda ilustraríanos máis tarde cunha ampla bibliografía sobre a temática guerrilleira.
A mesa disposta para a doazón espontánea de libros nunca presentara tan elevado número de exemplares, e grazas a iso, os asistentes puidemos contar cunha amplísima oferta de títulos para gozarmos na casa.
Todo mudou, todo medrou; a PL comeza a ser un encontro de referencia a nivel galego, superando, definitivamente, a súa natureza eminentemente local.
Aquela iniciativa nacida ao pé do Douro perdeu carácter bohemio conforme foi adquirindo sona e difusión. O río xa non é un elemento indispensábel, mais permanecerá na denominación e na memoria, sempre obrigados á metamorfose sen esquecer de onde vimos.
Quizais, o seguinte chanzo, sexa a celebración dunha PL de inverno… Quen sabe, agora que deixamos de sermos poetas nómades para nos afacer á caloriña dos teitos, é posíbel que calquera día os letraferidos nos xuntemos de novo, vendo felepar (voz local que significa nevar) desde as vidreiras dalgún centro social.
Non esmorecerá a nosa literatura mentres se lles tendan pontes aos guerrilleiros das letras.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2018 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal