Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A VELLA ESCOLA DE OLLOMAO
O grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, está a pór en escena Enciclopedia Álvarez, unha obra que inevitabelmente, traerá á nosa memoria El florido pensil (adaptación realizada pola compañía Tanttaka Teatroa a partires dunha publicación homónima de Andrés Sopeña), mais non imos estabelecer comparanzas, por seren odiosas e acotío inxustas.
A recreación da escola franquista elaborada por Ollomao –ben oportuna hoxe en día- non goza do lucimento e mestría que nos engaiolara coa posta en escena de Os vellos non deben de namorarse. Se cadra, a estrutura escollida para Enciclopedia Álvarez non é a máis acaída para manter a cadencia dramática.
Sobran as continuas prolepses aclaratorias e falta o recurso á metáfora, ese tropo salvífico para o texto literario.
O fío condutor da comedia, malia estar omnipresente desde o mesmo título, mostra unha febleza que se arrastra durante toda a función, favorecendo a sensación de dispersión argumental.
A actual proposta podería chegar a evocarnos o microteatro, grazas á referida autonomía duns actos consumíbeis por separado, mais isto, lonxe de supor unha eiva, pode devir nunha virtude, sobre todo nunha época en que o teatro entrou con forza nos espazos mínimos (cafés, pubs…).
O espectador experimentado ou curtido, botará de menos a mensaxe indirecta, a incitación á reflexión provocada e tamén esas pingas de sarcasmo recomendadas en toda comedia. Xaora que Enciclopedia Álvarez é unha obra sarcástica, mais esta montaxe devora espazo de máis á matinación individual, introducindo uns continuos “pés de páxina” que poden chegar a resultaren monótonos.
Con todo, Ollomao non defrauda e sae vitorioso do lance, continuando a supor unha garantía nos habituais ciclos de teatro auspiciados polas institucións municipais, nomeadamente, nun panorama inzado de grupos estancados na comedia fácil e inocua.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-09-2018 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal