Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CRUEZA DO TEATRO ABSOLUTO

Cada verao, o Clube Teatral Elsinor visita as terras do Alfoz do Castrodouro coas súas novidades. Tal privilexio, témolo grazas a que o seu patrón é do val; un lugar coma outro calquera, mais, xa o dixemos, privilexiado.
Trátase da sexta función que Elsinor trae ao municipio en tres anos, e seguramente, tal porcentaxe supón unha rara avis fóra do ámbito coruñés.
Nesta ocasión, a obra intitulábase O palco e as lúas, quizais un título pouco esclarecedor, aínda que as nomenclaturas nada importan cando se trata de pezas independentes, pensadas para unha necesidade imposta polos tempos que corren, velaí o microteatro.
Microteatro non significa teatro pequeno, microteatro non é máis ca unha aproximación ao público, non só física, tamén aos seus salarios e intervalos de lecer.
Por iso, ese novo teatro urxente e veloz se cultiva nos cafés, nos locais socias e nas torres medievais, poñamos por caso.
O castelo do Castrodouro supón un escenario magnífico para que os actores e o público non manteñan distancias, para que se coñezan e se recoñezan como se todo, realidade e drama, non contasen con liñas divisorias. Existe tal?
O palco e as lúas é un compendio de obras curtas, estáticas, con escaso texto; unha proposta para suxerir o pacto coa atención do espectador. Aquí non podes fiarte do ouvido, cómpre estar alerta; cada xesto substituíu un parágrafo. Estades avisados, e ademais, unha actriz pode sacarvos a bailar; segundo aviso.
A quen teña lido Nunca paraíso (Xerais, 2016), hanlle soar estas pezas breves, e quen non o teña lido, sentirá o impulso de correr á libraría. Isto non é un aviso senón un consello de irmán letraferido.
Os argumentos do monllo de pezas que puidemos gozar o sábado 25 foron tiradas da actualidade máis cruel, dun telexornal en estado bruto, si, e mais do que contemplamos na rúa, ou nos camiños veciñais.
Manuel Lourenzo respira e reflicte o cotián, renunciou a ficar ancorado nos mitos clásico, aínda que, ao cabo, todo o que nos contaron os gregos é o mesmo que estamos a ver hoxe no telexornal, isto si é un aviso.
O palco e as lúas é unha comedia crúa, non para chorar de risa, máis ben para chorar de realidade.
Polo medio da obra (obras en realidade), Manuel Lourenzo sairá narrar unhas reflexións domésticas, non só por interactuar; tamén, e sobre todo, para que as actrices cambien o vestiario. Non é que o perspicaz público o colixa, non será preciso, vaicho contar o propio director. Porque este xenio da escena domina a avinza entre patio e escena á perfección. Non teñas medo que rompa o encanto; non, el acabará de avivalo.
O dramaturgo valadourés é un señor do teatro, xa o dixemos. Non o dixemos? Mellor, daquela rectificamos. Manuel Lourenzo é O SEÑOR DO TEATRO GALEGO.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2018 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal