Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MORREU O AMO DA LOBA
A finais dos ’90, a TVG emitía un espazo nutrido por contacontos (é a época en que os narradores orais adquiren carta de natureza para o gran público); por alí pasaron, Santi Prego, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Cándido Pazó, Carlos Blanco e entre outros moitos, por suposto, Xabier DoCampo.
Foi daquela cando escoitei, por boca de Francisco Xabier Puente DoCampo, un relato que me inquietou e marabillou de maneira absoluta. O conto falaba dunha parella con desavinzas, dunha traizón e dun animal que exerce unha sorte de xustiza poética.
Tratei, durante anos, de obter o documento daquela narración; volver escoitala, lela… sen achar éxito algún. Quizais o fracaso da pescuda radicou na procura solitaria, pois con ninguén compartín o impacto provocado por aquela narración, tal era o desacougo –e o pracer- provocado pola evocación do escoitado ao autor chairego.
Un día, cando xa supuña perdido no tempo o devandito relato (nunca tiven a oportunidade de coincidir con Xabier DoCampo), adquirín Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1994), e alí, naquel libro conformado por catro relatos -e grazas ao cal o autor foi distinguido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995-, encontreime con A loba. Léano.
O gran contador e transmisor de contos deixounos o pasado 26 de xuño; a literatura oral , e tamén a infanto-xuvenil, perdían ese día un notario de excepción.
Decatémonos, tras a gran perda, de que aquelas narracións que recibimos ao vivo, corren o risco de se perder se non as rexistramos; escribíndoas, gravando as voces dos emisores ou filmando a quen as transmite.
Fagámolo en memoria de Xabier P. DoCampo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2018 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal