Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

VINTE ANOS DE CONTOS DO VALADOURO

Cúmprense vinte anos da presentación dunha obra que marcou o devir cultural dunha comarca enteira.
A finais do verao de 1998 presentábase Contos do Valadouro, unha xoia da literatura oral asinada por Xesús Pisón, Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo.
Aquela primeira edición, presentada en Ferreira do Valadouro no mes de setembro, fora publicada polo desaparecido selo A Nosa Terra en agosto, e cinco meses despois, en xaneiro de 1999, a editora viguesa lanzaba unha nova edición.
Sería en outubro de 2005 cando Ediciós do Castro se fixese cos dereitos de publicación, realizando unha terceira, aumentada, e por agora, definitiva edición. Unha curiosidade: esta última tiraxe a cargo do novo selo, non gozou de presentación oficial. Tal eventualidade non repercutiu negativamente nas vendas, pois os exemplares desapareceron dos trinques nun breve espazo de tempo. Anos despois, ante a insistencia dos libreiros, Ediciós do Castro puxo en circulación as derradeiras –e considerábeis- remesas arrombadas nos seus almacéns.
Xa que nos metemos en fonduras, lembraremos outra curiosidade, agora un sucedido vinculado ao traballo de recolleita.
Aconteceulle a Xesús Pisón nas proximidades dunha casa á que se dirixía en busca de información. Tras as presentacións e a xustificación da visita, unha aldeá con mal xenio proferiu a seguinte cuestión: “Vostede é poeta, verdade? Os poetas foron os culpábeis da guerra e de todas as calamidades…”, e o abraiado Xesús houbo de marchar sen obter máis testemuño ca as imprecacións da azourida muller.
Para que Contos do Valadouro chegase ás mans dos lectores, os autores houberon de interrogaren ducias de veciños en idade provecta, pescudaren centos de narracións orais e “asaltar” memorias ancoradas en tempos recuados.
A angueira prolongarase durante anos, pois o labor compilador de Pisón, Ferreira e Lourenzo comezou moito antes de teren definido o destino da súa pescuda.
Fogares visitados, camiños tripados, horas de escoita e numerosos “confidentes” esparexidos pola xeografía valeca, supuxeron os alicerces básicos da intendencia; máis tarde chegaría a redacción, a corrección lingüística, a estrutura da colectánea, o deseño de ilustracións por parte de Pisón, a confección do mapa máxico polos metódicos Isaac e Manolo…
Dunha volta, tiven a honra de conducir o amigo Xesús até unha fonte oral. Será na derradeira taberna de Correlos onde o investigador escoite o testemuño dunha “vítima” da Zarrulada, e así nacerá un texto que reza: “Á noite un rapaz de Lagoa voltaba para a casa na bicicleta, cando sentiu uns canciños camiñar á par del…”
Van aló dous decenios e pese ao tempo transcorrido, os libreiros do val continúan a recibiren pedimentos de exemplares –xa imposíbeis de adquirir- de Contos do Valadouro, xa que a obra gaña interese conforme pasa o tempo.
De seguro, conviría unha nova edición, outra volta aumentada –cónstame que existe documentación inédita- e revisada por tres autores en plena vixencia creativa.

Imaxe: Mapa máxico do Valadouro


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2018 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal