Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O LIBRO DO CAMPESIÑADO
Sei do Lunario perpetuo pouco máis do que me transmitiron os anciáns orixinarios do rural, e mais o que achega a Rede nuns concisos e reiterativos apuntamentos.
Teño escoitado aos maiores das parroquias do Alfoz do Castrodouro que noutrora, era común no fogar a presenza dun libro onde se podía achar a data de morte de calquera persoa; velaí unha das utilidades desta célebre publicación.
O Lunario perpetuo tiña que ser moito máis ca un libro esotérico; enténdese, polo título, que se trataba dun manual para coñecer con antelación as distintas fases da lúa. Tales informacións eran precisas para botar as colleitas ou intuír a chegada dos partos, tanto en animais coma en humanos.
Era polo visto, o Lunario perpetuo, un libro pensado para as facendas campesiñas, mais os testemuños que me chegaron non falan dos consellos destinados a labregos e gandeiros, nin das propiedades medicinais de certos vexetais silvestres, senón do poder do libro para sinalar a data do pasamento.
Sábese que á Inquisición non lle pasou inadvertida esta publicación (falamos dun texto publicado profusamente desde o século XVI), seguramente polo seu contido astrolóxico, malia que a materia maioritaria non tivese relación algunha co alén.
Cantas casas labregas contarán aínda cun Lunario perpetuo arrombado no faiado, entre huchas e escanos de levante? Ben seguro, aínda se podería artellar unha exposición de lunarios perpetuos en moitísimas parroquias galegas, ou en calquera lugar da Península (foi traducido para o portugués no século XVIII, converténdose en libro “sagrado” nos sertoes do nordeste brasileiro), demostrando que os nosos vellos xa coñecían un primitivo –e precursor- libro de autoaxuda.
O hábito de empregar almanaques para se valer das predicións, é un hábito que se mantivo vixente nas áreas rurais até non hai moitos anos; O Mintireiro Verdadeiro e o Calendario Zaragozano supuxeron dous manexábeis opúsculos en que coñecer o tempo e os días de feira en cada localidade, amais de contos e curiosidades varias. Hoxe, ben seguro, os espazos meteorolóxicos da televisión e por riba de todo a Internet, desprazaron uns libriños inelutábeis noutra época.
Poñámonos a remexer no faio dos avos (tamén no da memoria) e cismemos na posibilidade de artellar exposicións nos centros culturais dos nosos barrios e municipios… imaxinemos: “Exposición temporal de libros do faiado. Agradécese a colaboración da veciñanza polas súas inestimábeis achegas. Os volumes serán devolvidos ao remate da mostra”.
Se se fai coas fotografías de antano, por que non cos libros de sempre?


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2018 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal