Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A PRIMAVERA VALECA
Se a capital do Valadouro posúe un símbolo de seu, ese é o MERCADO.
Mercados temos semanais, de outono, do mel, ou de primavera, e houbo mercados que hoxe son unicamente, historia e memoria.
Non na noite dos tempos senón na historia dos sábados, xorde o vínculo entre o comercio e a vila de Ferreira.
Din as crónicas que o mercado puido nacer coma o resto dos mercados, para que os produtores da contorna puxesen á venda o froito das súas hortas e as carnes dos seus cortellos, mesmo se di que a afluencia de comerciantes chegados desde Castela, nas longuísimas rutas dos negociantes maragatos, axudou a que a capital do Valadouro consolidase unha cita para o encontro entre seareiros e comerciantes.
Mais eu, desde sempre, quixen asociar o nome de Ferreira ás augas ferruxinosas do río homónimo, emparentado coas explotacións metalúrxicas das terras do Valadouro, documentadas xa, no século XVI.
Supuxo, ben seguro, este metal, o máis primitivo comercio da nosa vila; así o testemuñan os numerosos topónimos locais vinculados ao ferro: desde Ferrocente no Cadramón até As Forxas en Frexulfe, sen esquecer as numerosas Escouras, Escouridos e Escouridais presentes en Budián, en Adelán, nas Oiras, en Recaré e no Pereiro; nin os Machucos, auténticos enxeños para estirar o ferro que dan nome a barrios de Lagoa, de Budián e de Santa Cruz.
Non en van, nas proximidades de Ferreira asentouse a ferraría máis próspera dos tempos en que o ferro supuña o auténtico ouro vermello do noso val. Era O Valadouro naquel tempo, un Valdeferro.
Así e todo, a tradición negociante do Valadouro non é exclusiva da capital nin adscrita a un tempo concreto. E digo máis, algunha peza artesanal, elaborada no noso val, chegou a formar parte das mostras etnográficas do gran museo dos galegos; recordemos se non, o que dicía o poeta Luís González Tosar hai uns anos, nun nostálxico artigo xornalístico. O sabio autor escribía:
“Pero sería (…) nos comezos do Museo do Pobo Galego, cando intimei con Salvador [García Bodaño], encargado entón da sección etnográfica de oficios e arte popular. Pasámolo bárbaro nunha xeira ao cume do Cadramón, no Valadouro, onde foramos na procura dun cesteiro. Imposible esquecer a impresión daquel home metido nunha chouza baixa e escura, labrando vergas de carballo cunha ferramenta primitiva de todo. Despois dun inquérito lingüístico e de mercarlle un par de cestos brutos, baixamos camiñando, un bo pouco envoltos nunha néboa tépeda, convencidos -como dixo Bodaño- de termos estado no século XII.”
Afortunadamente, se a visita dos dous poetas se producise hoxe en día, non afirmarían tal; pois O Valadouro pelexou por se incorporar ao seu tempo e non quedar atrás, mirando para o pasado co único ánimo da recreación, e por riba de todo, da aprendizaxe.
Sexa como for, hoxe celebramos un renacemento. O daqueles vintecincos de marzo en que as rúas de Ferreira se enfeitaban para recibir valecos e visitantes ávidos por gozar das tres novidades.
Unha tríade de elementos festivos distinguía o mercado do 25 de marzo dos mercados ordinarios: os produtos exóticos, o paseo e o cine.
Os produtos exóticos viñan da man de tendeiros que se achegaban a Ferreira unicamente tres veces no ano: o 2 de febreiro, Mercado da Candeloria; o 8 de setembro, día grande das festas patronais e mais no Mercado do 25 de marzo.
O paseo era unha actividade que hoxe, pouca xente recorda e entende. Tratábase dun exercicio de exhibicion das mellores galas, mediante un percorrido pausado desde Tanín á Feira Nova; velaí os confíns da nosa vila.
E o cine; porque o 25 de marzo había proxección no cine de Ferreira, e así os cinéfilos valecos podían gozar de Gilda, de Arroz amargo ou de Mogambo, títulos acosados pola censura dos tempos escuros, e no entanto, filmes que chegaron ao Valadouro para escándalo de mentes estreitas e depauperadas.
Hoxe, o Mercado do 25 de Marzo chámase Mercado Tradicional de Primavera. O costume foi recuperado e adaptado a uns tempos en que os Paseos de mocear son virtuais e teñen lugar nas redes sociais; o cine descárgase na Rede e moitos produtos exóticos deixaron de selo por cultivárense xa, no propio val.
Porén, hoxe coma onte, o mercado celebra o nacemento da luz, o renacer da natureza e o agromar dos froitos de tempada; festéxase en definitiva, a despedida do inverno.
É esta unha festividade na que os netos calzan as zocas dos avós, bambean os caxatos das avoas e locen esas boinas que andaban pola casa desde antes de eles naceren.
Xa que logo, o éxito do Mercado de Primavera está conquerido e garantido, pois vendo que as xeracións máis tenras tiveron que aprender a andar en zocas, a mover longas enaugas de liño e a enfundarse en refaixos de feltro, o futuro da primavera valeca retorna prometedor.
Resulta gratificante contemplar os actuais festexeiros, co smartphone agochado na faldriqueira, participando coa mesma devoción que o fixeron os seus devanceiros. E tal fusión de épocas, diversións e ímpetos xuvenís fainos chegar á conclusión, de que o renacer da primavera xamais se deixará de conmemorar no Valadouro; tal e como se fixo sempre, en comunal cerimonia, oficiada hoxe como hai décadas, en torno ao mercado máis agardado por valecos e valecas de todos os tempos.
Viva a primavera valeca!

LIONEL REXES

(Pregón pronunciado a noite do 23 de marzo de 2018 na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” da vila de Ferreira).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2018 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal