 En lei dereita, non é intrinsecamente bo nin mao, é, outramente, un exercicio a prol do cultivo da materia gris, unha práctica elegante que demostra bo xuízo e ao cabo, unha maneira de transmitir á persoa agasallada que para nós é especial. É dicir, quen che regala libros, algo che quere.
Non se trata de algo privativo de persoas ilustradas ou cun alto nivel cultural; o resto da Humanidade podemos e debemos regalar libros, aceptar libros, recomendar libros, criticar libros que non nos gustaron e gabar os que nos engaiolaron.
Resultaría fermoso levar libros coma quen anda cun botelliño de auga (malia non padecer sede) ou cun teléfono celular. Ter libros no coche, exhibilos no transporte público, na consulta do médico, na cola da oficina de emprego e tamén na do supermercado.
Quen lé cultívase, iso xa nolo contaron de pequeniños, mais quen lé é un pouco máis feliz, e e iso, soamente o chega a entender o individuo lector.
Na nosa latitude xeográfica supón un signo de distinción (agora si, permitámonos un relampo de elitismo benigno) ler na lingua vernácula. O galego é, ademais do idioma de noso, o de millóns de persoas ao longo do planeta, malia que algúns o denominen portugués.
Retornando ao ámbito doméstico, convén adquirir os volumes na libraría do barrio, da vila ou da aldea, evitando así que desaparezan dos nosos núcleos uns comercios indispensábeis; e dío alguén que reside nun municipio sen librarías.
É oportuno favorecer a economía próxima, o pan do veciño e o comercio familiar; pois as superficies de gran magnitude non precisan valedores. Recapacitemos á hora de mercar un libro nunha multinacional sobre o destino dos ingresos que xeramos, e chegaremos á conclusión de que raras veces repercuten no noso país, na nosa cidade ou na nosa parroquia.
Agora que pousamos os pés na Terra, reiteraremos que regalar un libro en galego supón a doazón dun anaco de identidade, ben seguro co ánimo de que o noso ser querido o coide coma se dunha semente en extinción se tratase, e así algún día, todos poidamos gozar da sombra desa enramada cultural que medrou cumpridamente, fertilizada pola amizade, polo amor, polo cariño ou sinxelamente pola cortesía.
Se aínda non te convenciches de cal é o agasallo óptimo para esa persoa á que desexas sorprender, deberei empregar o último recurso. Velaí vai.
Descubrín nestes meses que moitas das persoas que viven a carón teu e meu, len. Si, len, aínda que nunca o confesasen a ninguén. Souben que atesouran cantidades nada pequenas de libros nos seus fogares, que están atentos ás novas publicacións e que teñen autores favoritos, pese a que non falen disto no autobús, no ambulatorio ou na cafetaría; non obstante, len. Seino porque mo dixeron en conversa de distancia curta; e achei que posúen criterios literarios ben axuizados.
Longa vida aos lectores.
|