
In memoriam Xan Manuel López Eirís.
Viu nacer a Ponte Literaria no Valadouro e achegou ideas para o seu desenvolvemento. Viaxaba a Londres para gozar do teatro ?este mesmo verao desprazárase até a cidade do Thames-, amaba a ópera, e sempre xeneroso, nutriu a biblioteca do seu Carballo natal de centos de volumes.
Non soamente era un filántropo discreto, senón un silandeiro militante cultural que se convertiu en imprescindíbel para uns poucos afortunados.
Viña supondo, o Xan, nos veraos de Vilaúde (o lugar onde se encontra a residencia estival do dramaturgo Manuel Lourenzo), unha enciclopedia andante e decote activa. Era quen de dispensar asesoramento sobre todos os xéneros escénicos e quizais tamén, sobre calquera arte.
Xan era, xa o dixemos, unha enciclopedia; elegantemente encadernada, con gorra de viseira e ar británico. Manolo mirábao antes do paseo vespertino e a cariñosa avaliación manifestábase reiterativa; moi british.
Este verao, logo dunha Ponte Literaria en que Maupassant se fixo amo e señor da mesa de exposición e debate, Xan, sorprendeume cun magnífico agasallo; Cuentos completos, de Guy de Maupassant (Páginas de espuma, 2011). Sempre, indefectibelmente, no bando da cultura, e xaora, exercendo a amizade, caladiñamente.
Intúo que ao home de sobria elegancia británica non lle agradarían especialmente os panexíricos póstumos (nin os outros), mais síntome obrigado a avisar a gran familia do teatro de que lle morreu o fillo erudito.
Imaxe: Xan e Manolo paseando polas ribeiras do Douro.
|