Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA GUÍA LITERARIA PARA A GRAN CAPITAL DAS LETRAS
Facer coincidir nun evento a cidade de Mondoñedo, o príncipe das letras e mais o crítico literario Armando Requeixo, supón un encontro do xénero fundacional, deses que recordaremos, afirmando con orgullo non disimulado, eu estiven alí.
E certamente fomos moitos os que ateigamos o salón de plenos municipal para asistir á presentación de Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria; útil ferramenta a disposición de ávidos camiñantes desde o día 1 de novembro.
Non en van, a idea do proxecto impreso naceu camiñando pola cidade, no marco dunha actividade realizada a pasada primavera ao abeiro das sombras literarias que inzan as rúas mindonienses.
Dixémolo noutras ocasións e contianuaremos a o reiterar até que todas as institucións, entidades e persoas con repercusión social se conciencien, definitivamente, de que o futuro socioeconómico da cidade de Mondoñedo pasa pola activación dos seus tesouros literarios (casas de autores, localizacións literaturizadas, referencias da tradición oral…): se Viena vive do seu simbolismo musical, Mondoñedo pode vivir das letras que o viron medrar, facerse capital e agora resaltar neste sistema literario das fisterras atlánticas.
A publicación desta guía literaria non é o primeiro paso practicado no proceso de consolidación –aínda errático-, mais supón un chanzo definitivo para instituír a cidade como capital literaria da Galiza. O día que o mundo coñeza tal nomeamento -aínda oficioso-, Mondoñedo progresará grazas á súa industria cultural.
Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo é unha viaxe longuísima, cronoloxicamente falando; e mais unha peregrinación sen esforzo nin pés magoados, pese a que triparemos o Camiño; como non! E sen saírmos dos lindeiros de Mondoñedo, percorreremos o mundo todo. Non é maxia, senón o froito da avinza secular entre a literatura e a vella Vila Maior.
Armando Requeixo, mindoniense militante e coñecedor absoluto das letras aveciñadas nas terras de Brea, artellou un itinerario de trinta e cinco puntos, grazas ao cal, a creatividade cunqueirana vai abrollando e evidenciando as súas pegadas na cidade nodriza.
Aínda que, como era de esperar, non se limita esta guía literaria ao legado que don Álvaro entregou á cidade, pois que o resto de autores de Vallibria non deixan de seren nomeados neste didáctico traballo.
Deste xeito, o visitante que chegue a Mondoñedo tras o ronsel de Cunqueiro, levará a maiores no seu fardelo de sapiencia a Leiras, a Noriega, a Lence-Santar, a Díaz Jácome, a Marina Mayoral…
É esta unha guía útil para quen desexe coñecer a cidade sen contemplar vínculos afectivos coa literatura? Seguramente esta pregunta tamén a formulou o equipo que trazou o traballo (autor, fotógrafo, entidades editoras…), por iso, quen adquira a obra, obterá ao mesmo tempo información sobre a Festa da Árbore, o convento de Alcántara ou a Sociedade de Obreiros Católicos, entre outros fitos, lugares e espazos que nutriron a historia local.
Mondoñedo engalou, agora precisa coller velocidade e manter o voo. Estas viaxes tripuladas por Armando Requeixo poden significar a ratificación de Mondoñedo como capital literaria nacional. Non deixemos que o voo cara ao futuro do municipio faga escalas no desazo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2017 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal