Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NON CHEGOU A PAZ, CHEGOU A VITORIA
Sinto unha querenza especial pola obra dramática Las bicicletas son para el verano, de Fernando Fernán Gómez. Pese a non ser amigo das versións cinematográficas –en xeral-, confeso que non lin a obra nin a vin representada, tan só coñezo o filme; mais manteño unha vinculación especial co prolífero título.
Comezarei explicando que estes días, ao tempo que a escuridade volve a pousar sobre o reino da aberración grotesca onde nos tocou vivir -con afección ou sen ela-, non dou tirado do pensamento aquel lúcido diálogo do mestre Fernán Gómez na devandita obra: “No ha llegado la paz, ha llegado la victoria. Sabe Dios cuando habrá otro verano.”
Quixen manter a lingua orixinal por varios motivos, o primeiro é que son partidario de cultivar a literalidade, e de optar pola adaptación, será por unha única razón, interpretar o que non comprendemos. En segundo lugar, porque o castelán é unha lingua fermosa que ningún amante das letras desbotaría xamais nesta rexión de países chamada Iberia.
A versión cinematográfica de Las bicicletas son para el verano foi rodada no barrio onde medrei; na calle Toledo, en La Latina, na Plaza de la Cebada, na calle Humilladero, na Carrera de San Francisco, na Plaza de los Carros, Calatrava, La Sierpe, El Rastro… Madrid, esa Madrid onde naceron o colectivo Brais Pinto, o grupo Lóstrego ou o Grupo Bilbao (colectivo poético galego malia as reminiscencias éuscaras do seu nome).
Nun dos fotogramas da película aparece o Despacho de leche onde este galego da segunda xeración mercaba a merenda cando apenas sabía contar as moedas. Naquel barrio, por certo, consérvaronse até hai vinte anos os raís do vello tranvía, o mesmo que retornou á calle Humilladero para a gravación do filme.
Nesta grandiosa obra de don Fernando, o anarquista; recréase un pobo (o madrileño) refén das circunstancias, sometido á asfixia da escaseza e sitiado pola fame. A capital do Estado é castigada pola súa fidelidade á república, mais naquel universo da pouquidade, quen simpatiza co golpismo tamén sofre a fame, pois naquela altura, Madrid era tratada coma un país inimigo polas tropas que pretendían conquistala e dobregala, coa enfermiza intención de anexala a un proxecto delirante denominado Una grande y libre.
Agora que o penso, que poucos deberon entender a mensaxe de don Fernando… Como se pode considerar aliado a quen trata de te seducir co “encanto” da brutalidade?
Estes días, moitos cidadáns e non poucas institucións, celebran a vitoria; unha vitoria que confunden coa pacificación e mesmo coa normalidade, ignorando que a paz, para se dar nun hábitat concreto, precisa nutrirse de liberdade; do contrario, irá murchando até morrer, estendendo unha podremia de horizontes insondábeis.
Isto tamén nolo aprende o mestre Fernán Gómez na súa obra. En todas as súas obras, ben sei.
Quizais son días óptimos, os presentes, para ler e reler Las bicicletas son para el verano, pois non estamos asistindo á consolidación da paz senón á cerimonia atávica do sometemento; convén decatarse axiña para non confundirmos, chegado o momento, conceptos que en ocasións se presentan borrosos.
Escoitei, dunha volta, un certeiro aforismo dun político que sufriu cárcere en plena “democracia”: Hai cousas peores cá guerra, a represión, e hai cousas mellores cá paz, a liberdade.
Sinto non poder, nesta ocasión, ofrecer a reflexión na lingua orixinal, mais non posúo competencia en éuscaro.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2017 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal