Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CHEGOU O DÍA
Dispénsese, na ocasión presente, unha migalla de egoliteratura.
Hoxe chega ás librarías A raíña das velutinas; con tal motivo, nas últimas semanas e co obxectivo de orientar futuros lectores, fun publicando no perfil de Facebook A Raíña das Velutinas-Novela uns modestos artigos onde se esboza, con trazo groso e ilusión notoria, a xénese do texto. De esguello, gotexa algunha pista sobre o argumento.
A Casa da Penela exerceu como santuario real e ficticio para a concepción desta novela, mais non soamente Mondoñedo serviu como escenario da devandita recreación.
Figuran tamén como territorios literaturizados, Lourenzá e o Alfoz do Castrodouro, pois que desexaba mostrar a realidade socioxeográfica que na novela bautizo como a rexión d’Os Tres Vales (Val de Brea, Val de Lourenzá e O Valadouro). Considero que o carácter homoxéneo dese país de vales transcende o universo literario creado para A raíña das velutinas.
Non ten esta novela ningunha intención de adoutrinamento, outramente, pretende mostrar realidades que a sociedade quixo (ou lle fixeron) esquecer.
A raíña das velutinas nace dun episodio que vivín intensamente e con curiosidade de amante da historia, e mais con carraxe de cidadán dun Estado alicerzado no temor, nas tabulas rasas sobre o pasado recente e con contas por saldar coa propia coherencia democrática.
Sei que algún lector achará vínculos coa fera realidade que estamos a padecer nestes días, mais aseguro que o autor non é posuidor de ningunha capacidade visionaria; sinxelamente, seguiu -desde hai décadas- con ollo clínico a conduta dun aparello estatal que teima en homoxeneizar os territorios que non entende, inoculando a ignorancia, o esquecemento e ultimamente, tamén o terror.
Quizais non nos salve a literatura da atrocidade que se aveciña, mais axudará a comprender, desde o bálsamo da fábula, como sucedeu de novo aquilo, que abeirados nunha grotesca legalidade, os verdugos deixaron de contar.

LIONEL REXES
Correlos, Mor. Alfoz do Castrodouro
10 de outubro de 2017


XÉNESE D’A RAÍÑA DAS VELUTINAS OU COMO NACE UNHA NOVELA CON ATMOSFERA MINDONIENSE (I)
Telefonárame Xulio do Canelo para me anunciar a presenza de Francisco Martínez, “Quico”, na Casa da Penela; tamén estaría Fernanda Cedrón (a neta do mítico “Gardarríos”) e algunhas testemuñas da represión durante a Guerra Civil e a posguerra. Habería un xantar e Xulio preguntou se me incluía na relación de comensais. Xaora! respondín decontado.
Chamoume á atención unha cousa, nos días previos ao encontro, nada apareceu nos medios de comunicación locais sobre a xuntanza. Máis tarde sabería que a convocatoria foi realizada nun ambiente de rigorosa discreción.
Ás dez da mañá dun sábado de setembro (o 17 concretamente), cheguei á Casa da Penela, un complexo rural de Vilamor, Mondoñedo, rexentado por Miguel e Luísa.
Ao chegar encontrei a Pepe de Noriega (descendente de Noriega Varela), preparando todo para a gravación do acto e ultimando detalles con Xulio; mentres eles falaban fixeime nunha escultura maxestosa de Quique Guerra (este artista falecería aos poucos días), e neses medios chegou Fran Bouso (o redactor d’O outeiro de Mondoforte).
Fran e mais eu accedimos ao comedor convertido en sala de conferencias para a ocasión e vimos un home pequeneiro cun rostro amigábel, estabamos diante un dos derradeiros guerrilleiros antifranquistas.
Sorprendeunos aspecto xuvenil de Quico (contaba daquela 91 anos) e o seu falar resolto.
De novo no exterior da Casa da Penela, ducias de persoas intercambiaban saúdos, presentacións e apertas, todas elas chegaban ao encontro tras seren convocadas de xeito individual.
Falouse naquela aira, entre outras cousas, da inminente visita a Mondoñedo dunha raíña, a dona de Felipe de Borbón; pois naqueles días soubérase que inauguraría o curso escolar na localidade.
Máis adiante, informarianme de que a cidade conta con certa tradición nesta clase de eventos, mais o xeito de tratar o tema e a terminoloxía empregada proporcionáronme a primeira clave, non me encontraba precisamente entre monárquicos.
Para comezar, chamoume á atención o comento dunha muller que dixo algo así como “eu aínda teño os farrapos que repartiron para pendurar dos balcóns cando veu a infanta”; definitivamente, tampouco me encontraba entre afervoados españois, e dixen para min, isto gústame. Porén, aínda non sabía que a inspiración me visitaría naquel xornada.

(II)
Entramos de novo na Casa da Penela e accedimos ao salón onde xa saudáramos a Quico. Comezou Xulio presentando o encontro, tamén interviu na propia presentación o representante dun colectivo de renovación pedagóxica, aquel home chamado Carlos mostrou moita présa en todo momento.
A primeira en intervir foi Berta, unha muller da contorna de Mondoñedo que experimentou sendo nena, o asalto da Garda Civil á súa casa; buscaban escapados e tentaron esposala, mais non se deixou.
A seguir, chegaron as quendas de Quico e de Fernanda Cedrón, as súas intervencións nutriron o groso da parte expositiva. Suporía un inxenuo atrevemento reproducir aquí o contido, ademais, algo disto aparece na novela.
Tras un pequeno coloquio chegou a hora de nos desprazar, quizais era preto do mediodía. Visitariamos lugares da contorna do Val de Brea que forman parte da historia e que moitísima xente descoñece, ou se cadra, ignora voluntariamente.
Durante as exposicións estivera sentado a carón de Antonio Reigosa (cronista oficial de Mondoñedo) e de Fran Bouso; falamos de nos desprazar todos nun mesmo coche e Antonio ofreceu o seu; conduciría o seu fillo Antón.
En Valiño –parroquia dos Remedios- (na novela aparece con outro nome por razóns que noutra ocasión desvelarei) accedimos a unha vivenda onde se conserva unha reliquia vinculada á guerrilla. Supuxo, aquela visita o máis interesante dos desprazamentos para moitos dos asistentes. Alí, en Valiño, souben que entre os participantes había varios militantes do PCE, mesmo o fillo de Víctor García, “Brasileño”, guerrilleiro executado pola propia organización comunista. Quen desexe un argumento literario, aquí atopará outro.
Outras paraxes tiveron lugar en Viloalle, nas proximidades da casa onde viviu Luís Trigo Chao, o Gardarríos, e mais en Vilanova de Lourenzá, no exterior da casa onde caeu asasinado.
En Vilanova, o programa alterouse accidentalmente ao procurarmos un transeúnte que nos fixese unha foto de grupo. O noso fotógrafo accidental resultaría ser Xosé Miguélez, párroco da vila e guía do templo onde se custodia o sepulcro do Conde Santo.
Aconteceunos con este home algo profundamente literario, e acabaría por se converter en protagonista dun dos momentos máis intensos das subtramas presentes n’A raíña das velutinas. Non volvín falar con don Xosé, mais teño intención de me achegar un día por Vilanova e regalarlle un exemplar da novela.
Sei que tras estas anotacións, moitos darán en pensar que A raíña das velutinas está ambientada na Guerra Civil ou no maquis, por iso quero recordar que a novela transcorre no momento actual.

(III)
Durante o xantar falouse de temas diversos e tamén houbo tempo para o humor. Eu sentara enfronte de Fernanda Cedrón e decateime de que comentaba algo discretamente con outras persoas. Algo estaba a ocorrer.
Vin que Fernanda se erguía e viña cara a min, achegóuseme ao ouvido e compartiu unha confidencia. Víñase de detectar unha presenza inusual nun encontro daquelas características. Foi nese instante cando cheguei á conclusión de que alí, naquela casa de turismo rural abrollaran os vimbios necesarios para o argumento dunha novela.
O episodio descrito aparece minuciosamente narrado n’A raíña das velutinas, e trátase dun acontecemento fundamental para a narración, o que serviu de detonante para a novela e a partires do que xurdiu un personaxe, senón principal, si indispensábel.
Lembro que no xantar coñecín persoas de fóra da Galiza que viñeran expresamente para escoitar a Quico, xente de todas as idades –mesmo mozos e mozas na trintena-, que falaban da resistencia contra o franquismo cunha veneración absoluta.
Ao rematar o xantar, formáronse espontaneamente varios grupos de conversadores; uns permaneceron no comedor da casa e outros continuaron a parola no merendeiro. Este lugar aparecerá profusamente na novela, pois que foi onde se apousentou o grupo no que me integrei; alí falamos da represión exercida polos corpos policiais hoxe en día e da infiltración practicada na sociedade polos servizos de información. Si, os efluvios dos deliciosos caldos servidos no xantar tornáranos visionarios. Algo disto tamén sobrevoa A raíña das velutinas.
Por certo, cantos de vós visistases o templo do Conde Santo en Vilanova de Lourenzá? Supúñao.
Tamén na nosa expedición fomos uns pouquiños os que aceptamos o convite de don Xosé, mais fomos premiados cunha ilustración exhaustiva por parte do devandito guía, accedendo, mesmo, aos lugares que o turista convencional nunca contempla. Mais isto encontrarédelo relatado polo miúdo na novela.

(IV)
Lembro que no merendeiro se falou da represión na actualidade e dos servizos de información que os diversos corpos policiais infiltran na sociedade, nomeadamente naqueles sectores considerados perigosos pola súa adscrición ideolóxica ou, culturalmente diverxentes do canon estatal.
Evocamos aquelas manifestacións estudantís do curso 1986-87 e as falcatrúas de Jon Manteca, “El Cojo Manteca”, a quen introducira hai anos no relatiño Gran Vía live
Esa tarde, no merendeiro da Casa da Penela, non imaxinei que aqueles momentos serían reproducidos en varios lances dunha novela que comezara a se xestar, aínda de xeito inconsciente.
Lembro terlle preguntado a Fran Bouso o nome da aldea que se albisca nunha aba da montaña circundante; dubidou algo e chegou á conclusión de que aquilo era O Monfadal, daquela, evocamos a lenda das bruxas do Xistral, a das expendedoras de moscas que “ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda”, e loxicamente, rimos ao recordar o nome dunha modesta bitácora literaria que alimento na Rede.
En “Vasoiras de xibarda” (www.blogoteca.com/vasoirasdexibarda) trato de deixar testemuño das teimas e experiencias literarias que contemplo ao meu redor.
Mais non se trataba do Monfadal, alguén nos corrixiu –coido que foi a mesma muller que falou dos farrapos pendurados durante a visita da duquesa de Lugo- para nos sacar do erro; aquelas casiñas que se contemplan desde Chao do Val están, realmente, en Cima de Vila.
Foi así como o lugar de Cima de Vila e as súas néboas a descenderen cara a cunca de Vilamor, chegaron ás páxinas d’A raíña das velutinas.

(V)
Contra as sete da tarde, os participantes comezamos a marchar. Despedinme de Quico e de Fernanda, felicitei a Xulio pola impecábel organización e mais a Miguel e Luísa polas viandas servidas. Ao redor dos vehículos estacionados aínda quedaban grupiños de artistas (escultura e pintura foron artes moi ben representadas aínda que as letras non quedaron atrás), profesores e simpatizantes republicanos.
Creo que aínda non me mentalizara de que unha novela estaba a empurrar no maxín, mais tiña moi claro que tomaría abondosos apuntamentos sobre datos colleitados na xornada.
O luns comecei a barallar os devanditos apuntamentos, convencido xa de que daquel feixe de folios debería agromar un texto de ficción. Ao primeiro, considerei que o título máis acaído para a novela sería A Casa da Penela, mais en vinte e catro horas, A raíña das velutinas gañara protagonismo grazas a dous personaxes principais.
Marta e Algaria, aquelas mozas que chegarían á casa de turismo rural para se encontraren por casualidade cun simposio sobre a guerrilla antifranquista, propiciarán un título que adscribe a obra ao momento actual.
Rematado o texto, envieino ao Premio de Novela Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove, e o 11 de febreiro recibín a chamada da presidenta do xurado para me comunicar que A raíña das velutinas tiña sido a novela gañadora.
Aos poucos días comunicáronme que o selo editorial Xerais publicaría a novela; aínda quedaban por diante probas (galeradas), envío de fotos e datos do autor, escolla do deseño da capa, sinatura do contrato coa editorial…

(e VI)
Na acta recollida no momento en que o xurado fallou o premio, saliéntase: “o brillante labor de documentación e as historias amenas que se entrecruzan na trama principal”.
Debo dicir que o mérito habita nos sabios dos que me rodeei naquela xornada de finais do verao, pois eles foron quen me ilustraron sobre os tesouros que dormen nas pedras, vivendas e burgos de Mondoñedo.
Non hai moitos meses preguntei a un experto en que xénero encadraría A raíña das velutinas; logo de cismar e afirmar que non era doado pois que se trataba dun texto onde conviven varios tipos de novela, sentenciou: Thriller telúrico-sentimental.
Nunca o pensaría, mais son consciente de que tales elementos transitan ao longo das súas páxinas do texto. De certo, dunha intriga real partiu a chispa literaria que activou a miña imaxinación.
Cando a neta de Luís Trigo Chao se achegou para me bisbar ao ouvido o rumor que se estendera no xantar, díxome: “Están comentando que entre nós hai un garda civil, a ver se logras saber quen é”. Habíao, xaora que o había, e neses instantes, a conclusión á que cheguei foi, que alí tamén había unha novela.
Agora debe ser cada lector quen xulgue e clasifique (se o desexa) e mais quen critique e manifeste interpretacións persoais (serán ben recibidas); son consciente de que A raíña das velutinas comeza a pertencer á comunidade lectora, pensando nela foi elaborada.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2017 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Deséxo-lle una merecedora acollida a esa novela baseada en fitos reais que endexamais esqueceremos.

Xenuino tr#blgtk08#aballo. Parabéns!

(Dende a Vila das cinco vilas: Cima de Vila, Fondo de Vila, Vilatomil, Vilaverde e Vilamor)
Comentario por Pepe de Noriega (13-10-2017 18:35)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal