Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ARDOR INVOLUCIONISTA
Dicía Eduardo Blanco Amor que o escritor que non se compromete co pobo non é un traidor ao pobo senón sinxelamente un traidor. Supoño que a máxima de don Eduardo valida do mesmo xeito o compromiso cos outros pobos, nomeadamente cos máis próximos.
Os acontecementos destes últimos evocáronme Ardor guerrero, aquela novela que Antonio Muñoz Molina publicou hai algo máis de dous decenios.
No devandito texto, descríbense os pogroms nocturnos que os militares españois perpetraban nas localidades vascas a finais dos ´70, co ditador xa criando podremia.
Tratábase de incursións co obxectivo de mallar na xente e estragar locais comerciais. Aqueles ataques contra a poboación civil xestaron décadas que todos coñecemos.
Don Antonio soubo daquelas prácticas miserábeis por casualidade, pois era un recruta a cumprir o extinto servizo militar nun cuartel asentado en Donosti. Por certo, ninguén lembra os insubmisos encarcerados por vulneraren a lei? Asístase á obra teatral Goldi libre. Outra loita gañada pola resistencia popular.
Foi así como, observando a estratexia do Estado na cuestión catalá, a obra de Muñoz Molina manifestouse na miña mente, teimuda e repetidamente; coma un agoiro, coma un veredicto valleinclaniano.
Mais, pese á preguerra que vén de estourar, estamos nunha bitácora literaria e permaneceremos fieis á lexislación imposta pola nosa coherencia; xa que logo, trataremos o asunto desde un punto de vista estritamente literario, esa noción balsámica que nos rescata da crueza para nos sandar da fera realidade.
A ningún imperio, institución ou poder estabelecido lle saíu gratis aplicar a represión e a arbitrariedade, se non, léase Fuenteovejuna.
Os estados filototalitarios adoitan empregaren unha sorte de guerra porca que “inventa” pantasmas para combater; léase Duluth, onde se describe a estratexia da intelixencia estadounidense nos barrios chicanos, facendo aparecer inscricións do estilo Viva Castro! nas rúas, co obxectivo de crear receo sobre unha colectividade que desexaban expulsar, mais o poder prefería que fose a veciñanza –loura e branca- quen manchase as mans de sangue. O conto é vello.
En definitiva, o que está a acontecer no norte dos Países Cataláns é un CLÁSICO do xénero HISTÓRICO.
Os eidos literarios mudan co transcurso do tempo e os subxéneros experimentan transformacións até se convertiren en xéneros de pleno dereito.
Como evolucionará a literatura catalá na futura república?
Amb tota seguretat, cap endavant.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2017 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal