 É un sábado de verao, non vai calor nin tampouco frío, está anubrado este 19 de agosto e moreas de turistas enchen de barullo o castelo do Castrodouro; pouco a pouco, os foráneos van marchando e a lingua vernácula imponse intramuros.
O castelo do Alfoz non vai pechar ás nove como de costume, ao contrario, ducias de persoas soben até o andar dos eventos, onde o elenco do Clube Teatral Elsinor ultima maquillaxes e indumentos.
Tras as fiestras anoitece amodiño malia que agosto vai medrado; semella que a luz diúrna pretendese asistir ao remate desta función que comezou puntualmente.
Derivas é un emparellamento sensacional para públicos avezados e sen prexuízos.
Mesturar Medea de Eurípides e O borracho de Otero Pedrayo nun mesmo espectáculo non ten porque resultar arriscado, sempre e cando se tivese a precaución de introducir un personaxe que exerza de Caronte entre dous mundos que poden presentarse distantes; aínda que despois de todo, o teatro é unha convención, e esta é unha sentenza que temos aprendido de Manuel Lourenzo, director da obra.
Esta adaptación lourenciana presenta un personaxe actual que exerce como ponte entre o poeta de Salamina e o señor de Trasalba. Tal é Herminia da CIG, trasunto dun individou real que o dramaturgo do Valadouro coñeceu ou sufreu nalgunha ocasión.
Herminia da CIG pode ser unha funcionaria, unha sindicalista liberada ou en definitiva, un deses seres que artella e controla cenáculos por un único motivo, vivir das cotas e dos tributos.
O devandito personaxe, interpretado maxistralmente por Cristina Fuentes, conduciu até a crúa actualidade un público que navegou entre Corinto e Amoeiro, e foino guiando de tal xeito, que algún espectador chegou a dubidar dos difusos límites entre o drama e e realidade. Eis a maxia do escenario; velaquí a grandeza do labor perfeccionado.
Coma sempre, decorado mínimo; coma sempre, escenario aproveitado dos espazos cotiáns; coma sempre, unha lección colosal de teatro.
Derivas gozou dun público entregado que brindou esa noite unha ovación para os anais do castelo do Castrodouro.
Imaxe: A actriz Cristina Fuentes
|