
?O noso tempo, chamado Elsinor, chamado Wittenberg, chamado Londres, chamado Mondoñedo, Alfoz??
MANUEL LOURENZO
O hóspede escandinavo
Hai agora dez anos, o desaparecido Francisco Casavella escribía Lo que sé de los vampiros nunha vivenda da Seara (parroquia de Mor); a devandita novela sería galardoada co Premio Nadal uns meses despois, en xaneiro de 2008.
Ao fío desta efeméride, detémonos a reflexionar sobre as pegadas que a literatura foi deixando nas parroquias do municipio alfocés, onde a primeira vista, o veciño desinformado non sería quen de situar máis aló de unha ou dúas referencias, porén, o vello Alfoz pode ser considerado territorio literario desde hai moitísimo tempo, e a achega das letras ás terras do Douro, afortunadamente, non cesa.
Continuando pola parroquia de Mor, debemos ter presente que un bo número de obras dramáticas de Manuel Lourenzo foron escritas, corrixidas ou revisadas ?na súa república de Vilaúde? (Armando Requeixo dixit), e lugares e topónimos do Valadouro enteiro son empregados e recreados nos textos deste xigante das letras.
Grazas ao castelo e ás súas connotacións mariscalianas (non sempre fieis ao rigor histórico), a parroquia do Castrodouro aparece mencionada en varias obras literarias de todos os tempos, desde O Mariscal. Traxedia histórica en verso, de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte (auténtico drama fundacional) até en artigos xornalísticos de Manuel María.
Do mesmo xeito, A Frouseira (entre a sempre valeca parroquia de Santa Cilla e a alfocesa de Carballido), é nomeada por multitude de autores. Non en van, o profesor Antón Meilán no ano 2004, procedeu a soterrar un exemplar da súa obra O mito do mariscal Pardo de Cela. Historia, lendas e literatura na mítica montaña do pranto; unha ofrenda ao símbolo da resistencia na honra dos antepasados. Xa que logo, continúan a morar tesouros e misterios na Frouseira.
E se nos achegamos á parroquia de Lagoa, estaremos descubrindo as terras onde exerceu como párroco Celestino Cabarcos Suárez, O Bruxo dos Ermos, autor de Cóxegas e verdadeiro emblema da poesía popular nas terras valecas. Todo isto xa o temos referido en anteriores artigos mais esta parroquia agocha outros elementos con reminiscencias literarias.
En Lagoa existe unha edificación en ruínas onde, noutrora, Antonio Noriega Varela facía noite para solaz das súas apetencias, trátase da Casa das Mirixas. Quen sabe se aquelas estancias, hoxe practicamente devoradas polo mato, tiveron inspirado o poeta da montaña.
E retornando ao Castrodouro, antiga capital do Alfoz, necesariamente habémonos deter na Finca Galea, un estabelecemento de turismo rural inzado de fontes, penas e cachopos adicados a escritores de todos os tempos (Luís Seoane, Neira Vilas, Xesús Pisón, Paco Rivas?), e onde o xa citado Manuel María encontrara unha sorte de fogar.
De xeito que, os territorios literarios ou literaturizados, non sempre se chaman Manhattan, Transilvania ou El Raval, algún chámase tamén Alfoz, e apelídase do Castrodouro.
Imaxe: Casa das Mirixas, Lagoa.
|